O PSDEG-PSOE DE OURESE ESIXE Á DEPUTACIÓN UN PLAN DE ESTRADAS CON INVESTIMENTOS E PRAZOS CONCRETOS PARA ACABAR COS TRAMOS PENDENTES NA PROVINCIA
O Grupo Provincial Socialista denuncia a falta dunha planificación clara da rede viaria provincial e despraza deputados e deputadas a Vilardevós para reclamar o acondicionamento integral da OU-1006, entre Vilardevós e Vilarello da Cota, ademais doutras estradas provinciais
A deputada provincial, Eva Pérez Gamote, advirte de que “o rural non pode seguir pagando as consecuencias da falta de planificación” e reclama transparencia sobre as obras executadas, as pendentes e os investimentos previstos
Vilardevós, 23 de outubro de 2026. O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense esixirá no pleno provincial unha planificación real das actuacións na rede de estradas da institución, con criterios obxectivos, investimentos identificados e prazos concretos para resolver as deficiencias que afectan á mobilidade e á seguridade viaria en numerosos concellos. As e os socialistas denuncian que non abonda con anunciar obras ou executar actuacións illadas, senón que a provincia precisa dun plan plurianual que permita saber que se vai facer, onde, cando e con que recursos.
No marco desta iniciativa, deputados e deputadas socialistas estiveron presentes no concello de Vilardevós, na estrada OU-1006 que une Vilardevós con Vilarello da Cota, para visibilizar sobre o terreo unha das actuacións que consideran prioritarias e reclamar que se complete o acondicionamento dunha vía fundamental para a comunicación dos núcleos rurais deste municipio.
A deputada provincial socialista, Eva Pérez Gamote, afirma que “a Deputación ten que deixar de funcionar a golpe de actuacións puntuais e empezar a planificar con seriedade. Estamos falando de estradas que emprega a veciñanza todos os días para traballar, acudir ao médico, estudar ou acceder a servizos básicos” e apunta que “o que non pode ser é que haxa necesidades coñecidas que continúen sen unha resposta clara nin un horizonte definido para a súa solución”.






Vilardevós, exemplo das actuacións que non poden quedar pendentes
A estrada OU-1006, que conecta Vilardevós con Vilarello da Cota, é un dos exemplos que recolle a moción socialista. As intervencións realizadas por fases remataron en 2023, pero continúa pendente o acondicionamento integral do tramo comprendido entre Florderrei e Vilarello da Cota, que precisa unha actuación prioritaria.
A vía resulta esencial para as comunicacións dos núcleos de Arzádegos e Vilarello da Cota e para a conexión transfronteiriza co norte de Portugal, polo que o seu acondicionamento ten unha importancia que vai máis alá da propia infraestrutura.
“Viñemos a Vilardevós porque as necesidades da provincia non se resolven desde un despacho nin con anuncios. Hai que coñecer a realidade dos concellos, escoitar a súa veciñanza e comprobar que actuacións faltan por executar. Se unha estrada necesita ser acondicionada, a Deputación debe explicar que solución propón e en que prazo pensa levala a cabo”, subliña Eva Pérez Gamote.
As e os socialistas consideran imprescindible coñecer con precisión o alcance das obras xa realizadas e concretar as que aínda quedan por executar, evitando que os tramos pendentes se prolonguen indefinidamente sen unha programación definida.
Unha provincia con necesidades que esixen respostas, non promesas
A moción presentada polo Grupo Provincial Socialista estende esta reclamación a diferentes puntos da rede viaria provincial. Entre as vías sinaladas figuran a OU-0522, na contorna de Trasalba, en Amoeiro; a OU-0701, no percorrido cara a Vilariño de Conso; a OU-0851, entre Veigamuíños e A Proba, no Barco de Valdeorras; os accesos ao núcleo de Pinza, en Viana do Bolo, e a OU-0303, entre Val de Pereira e Maside.
As e os socialistas reclaman que se revise o estado destas estradas, se identifiquen as necesidades de reparación e acondicionamento e se programen as intervencións que resulten necesarias segundo os informes técnicos e a dispoñibilidade orzamentaria.
“Non estamos falando de casos illados nin dunha relación pechada de estradas. Son exemplos de necesidades trasladadas desde o territorio que deben servir para abrir unha revisión global da rede provincial. Pode haber outras vías que precisen actuacións igual de urxentes ou máis, e a Deputación ten a obriga de coñecelas e darlles resposta”, sinala a deputada socialista.
Transparencia sobre as obras e os cartos públicos
O Grupo Provincial Socialista esixe que a Deputación facilite aos grupos políticos unha relación actualizada, estrada por estrada e tramo por tramo, das actuacións executadas durante 2025 e 2026, cos seus importes e o correspondente estado de execución. A información deberá incluír tamén as obras contratadas, previstas ou pendentes.
A iniciativa busca que exista unha visión completa da situación da rede viaria provincial, que permita comprobar que investimentos se están realizando e que necesidades continúan sen resolver.
“A cidadanía ten dereito a saber onde se invisten os recursos públicos e que resultados producen. Precisamos información clara e accesible, non ter que reconstruír a situación de cada estrada a partir de datos dispersos. A transparencia é imprescindible para poder facer un seguimento efectivo dos compromisos da Deputación”, afirma Eva Pérez Gamote.
Un plan plurianual para que ningunha estrada quede no esquecemento
A proposta socialista reclama, ademais, abrir un proceso de diálogo cos grupos provinciais e cos concellos, co apoio dos servizos técnicos, para consensuar criterios obxectivos de valoración e prioridade das actuacións e establecer as bases dun plan plurianual de estradas.
Ese plan deberá ter en conta cuestións como o estado do firme e das estruturas, a seguridade viaria, a intensidade do tráfico, a conexión entre núcleos de poboación, o acceso aos servizos esenciais e as necesidades específicas do medio rural e das zonas fronteirizas.
“O que defendemos é unha Deputación que se anticipe aos problemas e que actúe con planificación, igualdade e transparencia. Non pode haber concellos de primeira e de segunda nin veciños e veciñas condenados a circular por estradas deficientes simplemente por vivir nun núcleo rural afastado”, advirte a deputada provincial.
Eva Pérez Gamote conclúe reclamando ao goberno provincial que asuma a responsabilidade que lle corresponde. “O rural necesita feitos, non máis promesas. Queremos saber que estradas se van mellorar, cando se vai actuar e que recursos se van destinar. Porque garantir unhas comunicacións seguras é unha cuestión de igualdade territorial e de respecto á veciñanza de toda a provincia”.

