O PSDEG-PSOE DE BEADE ACUSA AO PP DE DESMANTELAR O CENTRO DE SAÚDE E ALERTA DE QUE A FALTA DE MÉDICO APUNTA A UN PECHE ENCUBERTO DO MESMO
As e os socialistas denuncian que a veciñanza segue sen unha cobertura médica suficiente, con citas derivadas a Leiro e sen garantías de reposición da praza, mentres o alcalde permanece de brazos cruzados ante o deterioro da atención sanitaria no municipio
“O alcalde ten que decidir se está ao lado da xente de Beade ou se prefire non incomodar os seus compañeiros do PP. A súa responsabilidade é reclamar, esixir e defender os servizos públicos do municipio, non quedar calado mentres a veciñanza perde atención sanitaria”, afirma Carmen Rama
“Beade non pode aceptar que lle vaian quitando servizos pouco a pouco ata deixar o centro de saúde baleiro. Non imos normalizar o desmantelamento da sanidade pública nin permitir que as persoas maiores paguen as consecuencias da falta de planificación e da pasividade política. O centro de saúde de Beade ten que seguir aberto, con persoal e con atención sanitaria digna”, subliña
Beade, 23 de outubro de 2026. O PSdeG-PSOE de Beade denuncia o progresivo desmantelamento do centro de saúde do municipio por parte do Partido Popular e alerta de que a falta de reposición da praza médica pode esconder unha intención de pechar o servizo e obrigar a veciñanza a desprazarse a Leiro ou Ribadavia para recibir atención sanitaria. A voceira socialista, Carmen Rama Cotelo, esixe á Xunta de Galicia que garanta a cobertura médica no municipio e reclama ao alcalde que abandone a pasividade e defenda os intereses da cidadanía por riba das directrices do seu partido.
As e os socialistas lembran que xa no pleno municipal do pasado mes de setembro preguntaron ao alcalde pola situación do médico de Beade, despois de que a profesional que atendía no centro fose destinada ao centro de saúde do Couto. Desde entón, a atención sanitaria en Beade quedou reducida á presenza da médica apenas un par de días á semana, sen que ata o momento se producise unha reposición efectiva da praza.
Segundo explica Rama Cotelo, a resposta recibida no pleno “foi que estaba pendente a incorporación dun médico que rematara a súa formación MIR. Porén, o tempo pasa e esa incorporación non se materializa, mentres a veciñanza continúa sen unha garantía de atención sanitaria estable e suficiente”.
“O PP está desmantelando o centro de saúde de Beade e todo apunta a que pretende pechalo pola porta de atrás”, sinala a voceira socialista que tamén denuncia que “primeiro retiran profesionais, despois non repoñen as prazas e, finalmente, obrigan a veciñanza a marchar a outros municipios para recibir unha atención que debería ter garantida aquí”.
Citas en Leiro, esperas e desprazamentos para unha poboación envellecida
O PSdeG-PSOE sinala que nos últimos días aumentou a preocupación entre a veciñanza, que está trasladando ao grupo municipal socialista as dificultades para conseguir citas médicas en Beade. Nalgúns casos, as consultas están a ser derivadas a Leiro e as esperas prolónganse durante varios días, agravando unha situación especialmente preocupante nun municipio cunha poboación moi envellecida. “Para moitas persoas maiores, acudir ao médico noutro concello non é unha simple molestia, supón depender de familiares, terceiros ou taxis, asumindo uns custos que poden resultar difíciles de soportar para quen vive cunha pensión reducida”, subliña Rama Cotelo.
“É unha auténtica vergoña que as persoas maiores de Beade teñan que organizar desprazamentos e pagar un taxi para acceder a unha atención sanitaria que deberían recibir no seu propio municipio”, afirma a voceira socialistas, que apunta que “estamos falando dun dereito básico, non dun privilexio, e o PP está convertendo algo tan esencial como acudir ao médico nun problema para a veciñanza”.
A edil socialista considera “especialmente grave” que esta situación se produza sen información clara sobre cando se cubrirá a praza médica nin sobre as garantías de continuidade do servizo. “Non chega con dicir que se chamou a un responsable do Sergas. A veciñanza necesita solucións, datas e compromisos concretos. A día de hoxe, Beade segue sen recuperar a cobertura médica que precisa”, subliña.
Unha situación que pode ter consecuencias graves
O PSdeG-PSOE de Beade advirte de que a falta de persoal sanitario non é unha cuestión menor e pode ter consecuencias directas sobre a saúde e a seguridade das persoas. Como exemplo, as e os socialistas lembran o caso dun operario que sufriu un contratempo mentres traballaba nunha empresa e que, ao non estar operativo o centro médico de Leiro naquel momento, tivo que desprazarse a Beade, onde finalmente conseguiron salvarlle a vida.
Para Carmen Rama Cotelo, este episodio evidencia os riscos de deixar un municipio sen unha cobertura sanitaria adecuada. “Non podemos esperar a que aconteza unha desgraza para que o PP entenda que Beade necesita un centro de saúde operativo e persoal médico suficiente. A atención sanitaria próxima pode ser decisiva nunha emerxencia, e deixar o municipio nesta situación é unha irresponsabilidade”, sinala.
O alcalde debe escoller entre defender Beade ou obedecer o PP
A voceira socialista acusa tamén o alcalde de falta de iniciativa e de non exercer a presión política necesaria ante a Xunta e o Sergas para recuperar a atención médica no municipio. Ao seu xuízo, a súa obriga é defender os dereitos da veciñanza, especialmente cando están en xogo servizos públicos esenciais, e non conformarse con explicacións que non se traducen en solucións.
“O alcalde ten que decidir se está ao lado da xente de Beade ou se prefire non incomodar os seus compañeiros do PP. A súa responsabilidade é reclamar, esixir e defender os servizos públicos do municipio, non quedar calado mentres a veciñanza perde atención sanitaria”, afirma Rama Cotelo.
As e os socialistas consideran especialmente inxusto que as persoas maiores, que en moitos casos viven con pensións modestas, teñan que asumir gastos adicionais para desprazarse ao médico mentres o alcalde percibe unha retribución por unha dedicación parcial que, segundo denuncian, supera as pensións de moitos destes veciños e veciñas.
“Namentres hai persoas maiores que teñen que mirar canto lles custa un taxi para ir ao médico, o alcalde non pode mirar cara a outro lado. A prioridade debe ser garantir os servizos públicos e a calidade de vida da veciñanza, non evitar conflitos co seu partido”, engade.
O PSdeG-PSOE de Beade reclama á Xunta de Galicia e ao Sergas a reposición inmediata da praza médica, unha cobertura asistencial suficiente e estable e garantías claras de que o centro de saúde non vai pechar. Así mesmo, esixe ao alcalde que dea explicacións públicas sobre as xestións realizadas e que reclame solucións concretas e inmediatas.
“Beade non pode aceptar que lle vaian quitando servizos pouco a pouco ata deixar o centro de saúde baleiro. Non imos normalizar o desmantelamento da sanidade pública nin permitir que as persoas maiores paguen as consecuencias da falta de planificación e da pasividade política. O centro de saúde de Beade ten que seguir aberto, con persoal e con atención sanitaria digna”, conclúe Carmen Rama Cotelo.

