Executiva municipal de Ourense Executiva Provincial de Ourense Parlamento de Galicia POLÍTICA PROVINCIAL

Denunciamos que Rueda e o PP condenan á Ourense cuns orzamentos sen proxectos nin investimentos

O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA QUE RUEDA E O PP CONDENAN Á CIDADE E Á PROVINCIA A SEGUIR ESPERANDO CUNS ORZAMENTOS DE “CORTA E PEGA”, SEN PROXECTOS ESTRATÉXICOS NIN INVESTIMENTOS SUFICIENTES

Carmen Rodríguez Dacosta, Álvaro Vila e Natalia González critican que a Xunta repita promesas incumpridas, reduza partidas para actuacións pendentes e deixe sen resposta necesidades fundamentais da provincia e da capital

Dacosta subliña que “Rueda volve fallarlle a Ourense cuns orzamentos de corta e pega que repiten promesas mentres as necesidades das comarcas seguen sen resposta”

Vila denuncia que “Ourense segue sendo a cincenta da Xunta, sen proxectos estratéxicos para impulsar o desenvolvemento industrial nin unha aposta real pola mobilidade”

Natalia González advirte que “Ourense perde un 27 % dos investimentos individualizados analizados e segue esperando por actuacións fundamentais en sanidade, educación, deporte, termalismo e transporte metropolitano”

Ourense, 22 de outubro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense denunciou este xoves que os orzamentos da Xunta de Galicia para 2027 volven deixar a provincia nun segundo plano, con proxectos que se repiten ano tras ano, investimentos insuficientes e necesidades fundamentais que seguen sen resposta. Nunha rolda de prensa celebrada esta mañá na sede provincial do partido, a deputada autonómica, Carmen Rodríguez Dacosta, o secretario provincial, Álvaro Vila Araujo, e a secretaria local na cidade de Ourense, Natalia González Beneitez, coincidiron en sinalar que as contas do Goberno de Alfonso Rueda non responden aos problemas reais do territorio.

As e os socialistas consideran que o Executivo galego presenta uns orzamentos de “corta e pega”, nos que abundan os anuncios e escasean os compromisos novos, mentres continúan pendentes actuacións fundamentais en materia sanitaria, de comunicacións, transporte público, educación, deporte, vivenda e desenvolvemento industrial.

“Rueda volve fallarlle a Ourense”, sinalan desde o PSdeG-PSOE, que reclama unha aposta decidida pola provincia e polo conxunto dos territorios do interior de Galicia, fronte a unhas contas que, ademais de insuficientes, non garanten que os investimentos previstos se executen efectivamente.

Carmen Rodríguez Dacosta: “os orzamentos non dan resposta as necesidades reais da provincia”

A deputada autonómica, Carmen Rodríguez Dacosta, puxo o foco na insuficiencia dos investimentos territorializados e na ausencia dunha política de desenvolvemento que dea resposta ás necesidades das diferentes comarcas ourensás.

Fronte á propaganda da Xunta sobre o gasto por habitante, as e os socialistas lembran que esa cifra non equivale a novos investimentos, xa que inclúe tamén o funcionamento ordinario dos servizos públicos. Para o PSdeG-PSOE, o relevante é comprobar que actuacións se incorporan, que necesidades se atenden e que compromisos se cumpren.

A análise das partidas individualizadas evidencia, segundo as e os socialistas, importantes carencias territoriais. Na relación de investimentos examinada non se identifican actuacións municipais individualizadas na Limia, en Viana, en Terra de Trives, nin en Terra de Caldelas. Noutras comarcas, as partidas previstas concéntranse en intervencións puntuais, insuficientes para substituír unha verdadeira estratexia de desenvolvemento.

O PSdeG-PSOE considera que as necesidades das comarcas deben determinar os investimentos públicos, con independencia da cor política dos gobernos municipais. “Os investimentos públicos deben responder ás necesidades da veciñanza, non á cor política de quen goberne cada concello”, defende Rodríguez Dacosta.

A deputada socialista tamén advertiu das “carencias en materia sanitaria, especialmente en Valdeorras e Verín, onde a cidadanía reclama profesionais, cobertura de vacantes, reforzo de especialidades e unha atención sanitaria digna”. A xuízo das e dos socialistas, as obras e os equipamentos son necesarios, pero non poden substituír os recursos humanos e asistenciais que precisa a poboación.

No ámbito das infraestruturas, Carmen Rodríguez Dacosta denunciou que a Xunta “continúa sen ofrecer unha solución integral para a OU-540, despois de renunciar á prolongación da autovía ata a fronteira portuguesa e manter durante anos actuacións parciais que non resolven os problemas de comunicación e seguridade viaria da Baixa Limia”.

A recuperación dos territorios afectados polos incendios de 2025 é outra das prioridades que, para Dacosta, “debe traducirse en actuacións concretas, restauración hidrolóxico-forestal, estabilización dos solos e protección das captacións de auga e dos núcleos de poboación”.

Álvaro Vila: “a Xunta non aposta pola provincia nin polo seu desenvolvemento industrial”

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araujo, incidiu na falta dunha aposta real da Xunta pola provincia, tanto no ámbito das infraestruturas e da mobilidade como no desenvolvemento industrial.

Vila advertiu de que o problema dos orzamentos galegos non é unicamente que as partidas resulten insuficientes, senón tamén que os investimentos previstos non sempre se executan. “Ou se aposta pola provincia de Ourense ou non se aposta pola provincia de Ourense”, resumiu, ao reclamar un compromiso efectivo do goberno galego cos territorios do interior.

O secretario provincial puxo como exemplo “as necesidades de conexión dos polígonos industriais. Mentres o Ministerio de Transportes traballa nunha estación de mercadorías para o polígono industrial, a Xunta segue sen dar resposta á conexión viaria que debe completar o enlace coa A-52/A-76, unha actuación que os socialistas consideran imprescindible para garantir a accesibilidade e o desenvolvemento das instalacións empresariais”.

Para o PSdeG-PSOE, non ten sentido agardar a que a estación de mercadorías sexa unha realidade para comezar a tramitar o proxecto viario, licitalo e executalo. A planificación das infraestruturas debe avanzar de maneira coordinada e anticipada, evitando novos atrasos que comprometan as oportunidades económicas da provincia.

Álvaro Vila tamén denunciou a falta dun proxecto estratéxico de desenvolvemento industrial para Ourense. “Fronte aos proxectos anunciados pola Xunta noutras partes de Galicia, a provincia continúa sen unha iniciativa estratéxica propia que permita mobilizar o solo industrial dispoñible, atraer empresas e crear emprego”, denunciou.

Neste sentido, chamou a atención sobre o potencial dos espazos industriais de Paderne e Val da Rabeda, con arredor dun millón de metros cadrados en cada ámbito segundo os datos expostos polo secretario provincial, e sobre a situación do solo industrial de Taboadela, onde continúa sen concretarse unha solución que permita desenvolver plenamente o seu potencial.

As e os socialistas consideran incomprensible que Ourense siga sen contar cun proxecto estratéxico propio mentres existen superficies industriais pendentes de desenvolvemento e necesidades urxentes de diversificación económica e creación de emprego. A falta de planificación industrial vai acompañada, segundo Vila, de déficits persistentes en materia de mobilidade. A prolongación da A-76, a conexión dos polígonos, as melloras nas comunicacións e a implantación dun transporte metropolitano efectivo seguen sen contar co impulso necesario por parte da Xunta.

“Ourense segue sendo a cincenta da Xunta de Galicia”, advertiu o secretario provincial, que reclamou unha discriminación positiva para as provincias do interior que permita corrixir desequilibrios, impulsar investimentos e garantir oportunidades para a cidadanía.

Natalia González: “Ourense necesita feitos, non máis anuncios”

Pola súa banda, a secretaria local do PSdeG-PSOE na cidade de Ourense, Natalia González Beneitez, centrou a súa intervención nos incumprimentos e nas necesidades que continúan sen resposta na capital ourensá.

Segundo a análise das partidas individualizadas para a cidade, os investimentos pasan de 45,8 millóns de euros en 2026 a 33,4 millóns en 2027. Trátase dunha redución de 12,4 millóns de euros, arredor dun 27 % menos, nas partidas analizadas, unha caída que, para as e os socialistas, evidencia a falta dunha aposta suficiente pola cidade. Esta comparación refírese aos investimentos examinados e non á totalidade do gasto autonómico en Ourense.

Natalia González denunciou que proxectos como o edificio administrativo da Xunta “continúan repetíndose nos orzamentos sen que comece a súa construción”. Tamén advertiu da “redución dos fondos previstos para obras e equipamento do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, que pasan de 35,6 millóns de euros en 2026 a 24,3 millóns en 2027, unha caída de máis de 11 millóns”.

A secretaria local lembrou que a cidade “segue agardando respostas para necesidades históricas, como os centros de saúde do Vinteún e Mariñamansa, a reforma integral do CEIP Manuel Luís Acuña, as actuacións deportivas pendentes no pavillón de ximnasia e no estadio do Couto, así como unha aposta decidida polo termalismo e polo transporte metropolitano”.

No ámbito da vivenda, o PSdeG-PSOE reclama aclarar a continuidade da promoción da rúa Vinteún e garantir información, diálogo e solucións para as familias afectadas polo desenvolvemento Escorial-O Vinteún. Tamén considera necesario impulsar a recuperación do espazo xovem, do casco histórico e dos equipamentos urbanos que precisan actuacións de revitalización.

“Non podemos confundir orzamentar con investir, anunciar con executar nin repetir unha partida con avanzar nun proxecto”, defende González Beneitez, que reclama que os compromisos da Xunta “se traduzan en obras e servizos reais para a cidadanía”.

O PSdeG-PSOE presentará emendas para reclamar investimentos e compromisos reiais

Desde o PSdeG-PSOE de Ourense consideran que os orzamentos de 2027 volven evidenciar a ausencia dunha estratexia ambiciosa para a provincia, tanto no reforzo dos servizos públicos como na modernización das infraestruturas e na creación de oportunidades económicas.

As e os socialistas reclaman investimentos que permitan mellorar a atención sanitaria, garantir comunicacións seguras, desenvolver o transporte metropolitano, impulsar o solo industrial, recuperar os territorios afectados polos incendios e atender as necesidades educativas, deportivas e residenciais da cidade e das comarcas.

O partido anuncia que presentará emendas aos orzamentos da Xunta para 2027 co obxectivo de incorporar actuacións e investimentos que respondan ás necesidades reais da provincia e da capital ourensá.

O PSdeG-PSOE insiste en que Ourense precisa unha discriminación positiva que permita compensar os desequilibrios territoriais e ofrecer oportunidades para vivir, traballar e desenvolver proxectos empresariais no interior de Galicia. “O problema non é que falten anuncios. É que sobran promesas recicladas e seguimos esperando por demasiadas realidades”, conclúen.