O PSOE DE OURENSE DENUNCIA QUE O PP VOLVE ÁS PRÁCTICAS DO BALTARISMO EN RAIRIZ DE VEIGA E PRETENDE CONQUISTAR A ALCALDÍA MEDIANTE UNHA MOCIÓN DE CENSURA APOIADA EN TRÁNSFUGAS E EN CONTRA DO SENTIR DA VECIÑANZA
As e os socialistas da provincia amosan o seu respaldo absoluto á alcaldesa, Asunción Morgade, e denuncian unha operación política que pretende alterar a votade expresada democraticamente pola veciñanza nas urnas
Álvaro Vila acusa o PP de Luís Menor de “antepoñer os seus intereses partidistas ao respecto pola democracia” e esixe que dea “explicacións sobre unha manobra que pretende entregar a alcaldía a un candidato popular coa colaboración de edís doutros grupos”
“Se o PP considera que ten un proxecto mellor para Rairiz, que o defenda diante da veciñanza e nas eleccións, non mediante operacións que desvirtúan o resultado democrático”, afirma
Rairiz de Veiga, 22 de outubro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense expresa o seu apoio rotundo á alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade, ante a operación política para promover unha moción de censura que lle arrebataría a alcaldía ao Partido Socialista, lexitimamente elixido pola maioría da veciñanza.
O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila, denuncia que esta iniciativa volve poñer de manifesto “as vellas prácticas do baltarismo, nas que todo vale para conquistar alcaldías, mesmo recorrer a acordos antinatura e apoiarse en tránsfugas para intentar cambiar pola porta de atrás o que a cidadanía decidiu nas urnas”.
Segundo a información coñecida, a operación estaría sendo negociada polos dous concelleiros do PP, os dous do BNG e un edil que concorreu nas listas socialistas e que posteriormente pasou ao grupo de non adscritos. O candidato proposto para asumir a alcaldía sería o popular Camilo Fernández Freire.
“O PP volve demostrar que, cando as urnas non lle dan o resultado que quere, busca atallos para facerse co poder. Non estamos ante unha cuestión de interese xeral para Rairiz de Veiga, senón ante unha manobra política que pretende cambiar o goberno municipal sen respectar o mandato que a cidadanía expresou democraticamente”, sinala Vila.
O PP de Luís Menor reincide nas vellas prácticas caciquís
Desde o PSdeG-PSOE de Ourense consideran especialmente “grave” que o Partido Popular provincial volva verse envolto nunha operación destas características. As e os socialistas advirten de que o recurso a acordos con concelleiros que abandonaron a formación pola que foron elixidos “erosiona a confianza da cidadanía nas institucións e converte as maiorías municipais nunha cuestión de negociacións entre partidos, alleas ao mandato das urnas”.
“Luís Menor ten que explicar se avala esta maneira de facer política. Non abonda con mirar para outro lado mentres se negocian mocións de censura que poden cambiar gobernos municipais. Se o PP considera que ten un proxecto mellor para Rairiz, que o defenda diante da veciñanza e nas eleccións, non mediante operacións que desvirtúan o resultado democrático”, afirma o dirixente socialista.
Vila advirte de que “o baltarismo non pode seguir sendo o manual de instrucións do PP de Ourense” e critica que os populares volvan situar a conquista do poder por riba da estabilidade institucional e do respecto aos veciños e veciñas.
Apoio total a Asunción Morgade e respecto á vontade da veciñanza
O PSdeG-PSOE de Ourense reafirma o seu apoio á alcaldesa, Asunción Morgade, e ao labor do goberno municipal socialista, e considera que a prioridade debe ser seguir traballando polo concello e polas necesidades da súa cidadanía, non alimentar operacións partidistas para cambiar a alcaldía a poucos meses dunha nova convocatoria electoral.
“Asunción Morgade conta co respaldo do Partido Socialista de Ourense. Non imos permitir que se normalice unha forma de actuar na que os intereses particulares ou partidistas se coloquen por riba da vontade democrática da veciñanza. Rairiz de Veiga merece respecto, estabilidade e un goberno centrado en resolver os problemas da xente”, subliña Vila.
As e os socialistas tamén valoran a posición expresada polo BNG, que rexeitou a iniciativa e reclamou responsabilidade aos seus concelleiros, advertindo das consecuencias orgánicas de que a moción siga adiante.
Para rematar, o PSdeG-PSOE de Ourense esixe ao presidente provincial do PP, Luís Menor, que se pronuncie con claridade sobre esta operación e aclare se apoia que a súa formación acceda á Alcaldía de Rairiz de Veiga mediante unha moción de censura construída co apoio de edís doutras candidaturas. “A democracia non pode ser un instrumento que se utiliza unicamente cando convén. As urnas merecen respecto sempre, tamén cando o resultado non lle gusta ao Partido Popular”, conclúe Álvaro Vila.

