concellos Denuncias

O PSOE de Leiro denuncia vertidos contaminantes no núcleo de Orega

O PSDEG-PSOE DE LEIRO ACUSA AO PP DE MIRAR PARA OUTRO LADO ANTE UN “GRAVE ATENTADO MEDIOAMBIENTAL” EN OREGA, CON RESIDUOS ASFÁLTICOS ABANDONADOS E RISCO DE CONTAMINACIÓN DOS CAUCES FLUVIAIS

As e os socialistas reclaman a retirada integral dos residuos, unha inspección urxente da zona e a depuración de responsabilidades ante a “gravidade” da situación que atenta directamente contra o medio ambiente

Pedro José González e Manuel Rodríguez denuncian o abandono de restos de alcatrán e aceites contaminantes nas rúas da parroquia e alertan do risco de que cheguen aos cauces fluviais

Lembran que o concelleiro popular, César Beldron, veciño da propia parroquia, ten delegadas responsabilidades na coordinación das brigadas municipais e percibe unha retribución de 635,22 euros mensuais por unha dedicación de 15 horas semanais

Leiro, 22 de outubro de 2026. O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia a “grave” situación ambiental que se está producindo na parroquia de Orega, onde a presenza de restos de alcatrán e aglomerado asfáltico abandonados está a provocar o rezumado de substancias aceitosas tras as últimas choivas. Os concelleiros socialistas Pedro José González e Manuel Rodríguez esixen ao goberno municipal do Partido Popular que actúe de inmediato para evitar que estes residuos poidan acabar na rede de sumidoiros e nos cauces fluviais.

O Grupo Municipal Socialista vén de rexistrar no concello unha solicitude de actuación “urxente” ante uns feitos que considera “extremadamente preocupantes” tanto polo seu impacto ambiental potencial como pola falta dunha resposta municipal á altura da situación.

Segundo denuncian as e os socialistas, o tramo comprendido entre a zona da igrexa e a praza da fonte presenta acumulacións de residuos procedentes de recentes traballos na contorna. As últimas precipitacións están favorecendo o arrastre destes materiais polas calzadas e as cunetas, incrementando o risco de filtración de substancias contaminantes.

Grave risco ambiental e ningunha marxe para a pasividade

Pedro José González e Manuel Rodríguez advirten de que o concello “non pode agardar a que o problema vaia a máis para tomar medidas”. Os edís socialistas consideran “imprescindible” inspeccionar de inmediato a zona, determinar o alcance da situación e adoptar medidas de contención que impidan que os posibles contaminantes cheguen ao medio acuático. “Estamos ante unha situación que require unha resposta inmediata. Non se pode permitir que queden residuos destas características abandonados nas rúas e que, coa choiva, poidan acabar nos sumidoiros ou nos ríos. A protección do medio ambiente debe ser unha prioridade e o goberno do PP ten a obriga de actuar”, sinalan.

As e os socialistas subliñan que non abonda cunha limpeza superficial nin con retirar os restos máis visibles. Reclaman a eliminación completa dos residuos, a correcta xestión dos materiais retirados e a comprobación de posibles afeccións ao solo e á rede de drenaxe, así como a intervención dos organismos competentes se fose necesario.

O PP debe dar explicacións sobre a falta de actuacións

O PSdeG-PSOE de Leiro cuestiona a resposta do goberno municipal ante unha situación que afecta á parroquia de Orega e que, segundo denuncian, continúa sen unha solución efectiva. As e os socialistas lembran que o concelleiro popular, César Beldron, veciño da propia parroquia, ten delegadas responsabilidades na coordinación das brigadas municipais e percibe unha retribución de 635,22 euros mensuais por unha dedicación de 15 horas semanais.

“O que lle pedimos ao goberno municipal é responsabilidade, capacidade de reacción e solucións. Cando existe un problema que pode ter consecuencias ambientais, a obriga dos responsables públicos é actuar, supervisar e garantir que se cumpran as condicións necesarias para protexer a veciñanza e o territorio”, destacan González e Rodríguez.

Neste senso, consideran necesario que o executivo local explique que actuacións de control e supervisión se levaron a cabo, identifique a empresa responsable dos traballos e esixa o cumprimento das obrigas que correspondan.

As e os socialistas esixen a retirada dos residuos e depurar responsabilidades

O Grupo Municipal Socialista reclama ao concello de Leiro unha intervención inmediata que inclúa a inspección da zona afectada, a retirada integral dos residuos asfálticos, a contención de posibles filtracións e a avaliación do risco ambiental. Ademais, pide que se esixan responsabilidades á empresa responsable e que se depuren as que correspondan no ámbito municipal.

“Non imos aceptar que se mire para outro lado ante unha situación que pode comprometer o medio ambiente. O concello ten que actuar xa, garantir que Orega quede limpa e segura e evitar que estes residuos poidan provocar danos no noso patrimonio natural”, conclúen os concelleiros socialistas.

O PSdeG-PSOE de Leiro asegura que continuará facendo seguimento deste asunto ata que se adopten as medidas necesarias para solucionar o problema e garantir a protección ambiental da parroquia.