concellos Denuncias

O PSOE de Paderne de Allariz esixe ao alcalde que remate cos insultos en redes sociais

O PSDEG-PSOE DE PADERNE DE ALLARIZ ESIXE AO ALCALDE QUE DEIXE OS INSULTOS NAS REDES SOCIAIS E SE POÑA A TRABALLAR PARA SOLUCIONAR OS PROBLEMAS DA VECIÑANZA

Antonio Estévez Blanco critica a falta de respecto institucional do rexedor nas redes sociais e reclama unha rectificación pública e unha desculpa polo seu comportamento

“Quen ocupa unha alcaldía debe dar exemplo de respecto institucional e responsabilidade. Non se pode contribuír á degradación da conversación política con comentarios ofensivos e despois pretender que iso forma parte da normalidade”, apunta

Paderne de Allariz, 20 de outubro de 2026. O PSdeG-PSOE de Paderne de Allariz condena e lamenta profundamente os insultos, as burlas e as descualificacións persoais publicadas polo alcalde nas redes sociais, unha actitude que consideran impropia de quen ten a responsabilidade de representar a todo un municipio. O voceiro socialista, Antonio Estévez Blanco, denuncia a falta de respecto cara á cidadanía e reclama ao rexedor que rectifique publicamente e pida desculpas polo seu comportamento.

“Un alcalde debe estar á altura da responsabilidade que representa. Non pode utilizar as redes sociais para insultar, ridiculizar outras persoas ou responder ás críticas da veciñanza con burlas. A cidadanía merece respecto, educación e solucións aos seus problemas, non insultos nin provocacións”. sinala Estévez Blanco.

Desde o PSdeG-PSOE de Paderne de Allariz tamén critican as palabras do alcalde sobre o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, ao afirmar que “esa cabra ten máis sentido común ca o señor que temos de presidente”, en referencia á cabra da Lexión que desfilou o pasado 12 de outubro.

As e os socialistas consideran que os insultos e as descualificacións persoais non deben ter cabida no debate público, con independencia de quen sexa a persoa destinataria. “Quen ocupa unha alcaldía debe dar exemplo de respecto institucional e responsabilidade. Non se pode contribuír á degradación da conversación política con comentarios ofensivos e despois pretender que iso forma parte da normalidade”, apunta o voceiro socialista.

A formación tamén cualifica de desafortunada a resposta do rexedor sobre ter que facer de “piloto de rally” para chegar a votar. Para as e os socialistas, a veciñanza non precisa chanzas nin promesas oportunistas vinculadas á procura de votos, senón un goberno municipal que escoite, atenda as súas demandas e traballe durante todo o mandato.

“Paderne de Allariz precisa menos confrontación nas redes sociais e máis traballo no municipio. Hai estradas deterioradas, deficiencias nos servizos e demandas veciñais que seguen sen resposta. O alcalde debería dedicar o seu tempo a buscar solucións a estes problemas, en lugar de alimentar polémicas e burlarse dos demais”, afirma Antonio Estévez Blanco.

O PSdeG-PSOE considera que a responsabilidade de gobernar implica escoitar as críticas, asumir os erros e ofrecer respostas á cidadanía. Neste sentido, as e os socialistas insisten en que o respecto institucional non é unha cuestión secundaria, senón unha obriga de calquera representante público. Por todo isto, a Agrupación Socialista de Paderne de Allariz esixe ao alcalde que poña fin a esta actitude, respecte a todas as persoas e asuma a responsabilidade que implica representar o conxunto do municipio.

“A veciñanza de Paderne merece un alcalde que dea exemplo de respecto, responsabilidade e educación, tanto dentro como fóra das institucións. Esiximos unha rectificación pública e unha desculpa. O que non pode ser é que o alcalde teña tempo para os insultos e as burlas, pero non dea a mesma prioridade aos problemas reais da xente”, conclúe o voceiro socialista.