Concello de Ourense termalismo

Votamos en contra do levantamento de reparo do alumeamento de Nadal e da ordenanza para a xestión da piscina das Burgas

“É impresionante que durante 4 anos de goberno sexan incapaces de realizar ben o único contrato que lles interesa porque xa viñemos 5 veces a este pleno por este contrato”, indicou a edil María Fernández Ojea

“Xa está ben de que para cada recurso que temos na cidade se pense primeiro en como sacarlle rendabilidade económica e en convertilo nun atractivo para os que veñen de fóra mentres nos esquecemos de que sexa un recurso natural para os e as que viven aquí todo o ano”, argumentou a voceira e candidata á Alcaldía, Natalia González Benéitez

En Ourense, a 19 de outubro de 2026. “Este contrato si lles preocupa e aquí si que hai un impulso político e unha vontade de tramitación. O problema é que sempre fan as cousas ao revés”, comezou ironizando a concelleira María Fernández Ojea sobre o reparo do alumeamento de Nadal que esta mañá se debateu no salón de plenos do Concello de Ourense.

“Corría o ano 2024 cando se iniciou a licitación deste contrato. O orzamento era do ano 2020 e non había crédito para contratar as luces. E vostedes, con informes técnicos favorables, dixeron que era suficiente con que houbese crédito na anualidade en curso, que era do 2025. No 2025 eran 19.000 euros e deixaron o máis de medio millón para o ano seguinte. No momento no que licitaban tiñan 200.000 euros, xuntando toda a bolsa de vinculación”, expuxo lembrando os antecedentes.

Nesta liña recriminou que resulta incomprensible para a veciñanza que o alumeamento de Nadal continúe sen pagar mentres que xa se está a emprazar o que se supón que haberá este ano. “É impresionante que durante 4 anos de goberno sexan incapaces de realizar ben o único contrato que lles interesa porque xa viñemos 5 veces a este pleno por este contrato”, indicou a socialista.

E lembrou que para dirixir unha cidade, as decisións que se toman teñen que trasladarse aos expedientes administrativos. “Vostede non pode tomar unha decisión e que despois non quede plasmada nun papel. Porque todo repercute na cidadanía”, alegou antes de anunciar que o PSOE non pode respaldar levantar este reparo.

No que atinxe á ordenanza para a piscina termal das Burgas, a voceira do PSdeG, Natalia González Benéitez, explicou que as modificacións realizadas sobre o documento inicial non resultan suficientes. “Hai dúas cuestións para nós fundamentais que seguen sen resolverse. A primeira delas, o prezo: 7 euros por 2 horas de baño. A nós parécenos que é unha tarifa elevada dependendo de quen teña que pagala. Para unha familia traballadora de Ourense ir a pasar un rato ás termas non debería ser un luxo”, comezou afirmando.

Por outra banda, insistíu en que as socialistas defenderon sempre que a xestión que se faga das instalacións debería ser pública e directa por tratarse de patrimonio de Ourense. “Xa está ben de que para cada recurso que temos na cidade se pense primeiro en como sacarlle rendabilidade económica e en convertilo nun atractivo para os que veñen de fóra mentres nos esquecemos de que sexa un recurso natural para os e as que viven aquí todo o ano”, engadíu a tamén candidata á Alcaldía da cidade.