O PSDEG-PSOE DE OURENSE LEVA Á DEPUTACIÓN A DEFENSA DAS PENSIÓNS PÚBLICAS FRONTE AOS INTENTOS DE PRIVATIZACIÓN E RECLAMA IGUALDADE DE DEREITOS PARA AS PERSOAS MAIORES DO RURAL OURENSÁN
As e os socialistas advirten de que a xubilación non pode depender da capacidade de aforro de cada persoa e reclama un compromiso institucional coa suficiencia das pensións, os servizos públicos e a cohesión territorial
Eva Pérez Gamote subliña que “as pensións públicas non son un negocio nin un privilexio, senón un dereito conquistado despois de toda unha vida de traballo e cotizacións. Temos a obriga de defendelas e de garantir que todas as persoas poidan acceder a unha xubilación digna, con independencia dos seus ingresos ou da súa capacidade para contratar produtos privados de aforro”
“Non abonda con mirar a contía nominal dunha pensión. Temos que ver canto custa vivir, facer a compra, pagar a luz, adquirir medicamentos ou desprazarse para recibir atención sanitaria. Defender as pensións significa garantir que as persoas maiores poidan vivir con dignidade e sen medo a non chegar a fin de mes”, apunta
Ourense, 19 de outubro de 2026. O Grupo Provincial Socialista presentará no pleno da Deputación de Ourense, deste mes de outubro, unha moción para defender o sistema público de pensións como un dos piares fundamentais do Estado do benestar e como unha garantía de protección económica, solidariedade e cohesión social e territorial. A iniciativa reclama o compromiso da institución provincial coa sustentabilidade e suficiencia das pensións, o rexeitamento a calquera proceso de privatización ou debilitamento do sistema público, así como a adopción de medidas específicas para garantir que as persoas pensionistas dos concellos rurais accedan aos servizos públicos en condicións de igualdade.
A deputada provincial socialista, Eva Pérez Gamote, subliña que “as pensións públicas non son un negocio nin un privilexio, senón un dereito conquistado despois de toda unha vida de traballo e cotizacións. Temos a obriga de defendelas e de garantir que todas as persoas poidan acceder a unha xubilación digna, con independencia dos seus ingresos ou da súa capacidade para contratar produtos privados de aforro”.
As e os socialistas consideran que a defensa do actual sistema de reparto resulta especialmente necesaria ante as propostas políticas que pretenden avanzar cara modelos mixtos nos que a capitalización individual e os mecanismos de aforro privado gañen protagonismo. Neste sentido, a moción sinala o programa económico de VOX, que propón iniciar un proceso de capitalización dun fondo de pensións público con criterios de rendibilidade privada e avanzar cara á reconversión do actual sistema de reparto nun sistema mixto. Algo contra o que o PP non se pronunciou, a pesar de ser socios de goberno en varias institucións.
“Non todas as persoas teñen a mesma capacidade para aforrar. Quen percibiu salarios baixos, sufriu precariedade laboral, atravesou períodos de desemprego ou dedicou anos aos coidados familiares non pode quedar nunha situación de desvantaxe ao chegar á xubilación. A pensión digna non pode depender do peto de cada quen: debe ser unha garantía colectiva e un dereito protexido polos poderes públicos”, afirma Pérez Gamote.
O Grupo Provincial Socialista defende que os sistemas privados de aforro para a xubilación poden ter un carácter complementario e voluntario, pero nunca substituír progresivamente a protección que debe proporcionar o sistema público. Por iso, a moción aposta polos principios de solidariedade, suficiencia, contributividade e equidade, así como polo reforzo dos ingresos necesarios para garantir a sustentabilidade económica e social das pensións presentes e futuras.
Protexer o poder adquisitivo das persoas pensionistas
A iniciativa tamén pon o foco na necesidade de manter unha política permanente de protección do poder adquisitivo das persoas pensionistas, especialmente das que perciben as prestacións máis baixas. A evolución do custo da alimentación, da enerxía, da vivenda, dos medicamentos e do transporte condiciona directamente a economía dos fogares e a súa capacidade para afrontar os gastos cotiáns.
Neste contexto, o Grupo Provincial Socialista lembra que en 2026 as pensións contributivas da Seguridade Social experimentaron, con carácter xeral, unha revalorización do 2,7 %, mentres que as pensións mínimas e non contributivas rexistraron incrementos superiores. Para os socialistas, estas medidas deben acompañarse dunha defensa continuada da suficiencia das prestacións e dunha atención especial ás persoas que dispoñen de menos recursos.
“Non abonda con mirar a contía nominal dunha pensión. Temos que ver canto custa vivir, facer a compra, pagar a luz, adquirir medicamentos ou desprazarse para recibir atención sanitaria. Defender as pensións significa garantir que as persoas maiores poidan vivir con dignidade e sen medo a non chegar a fin de mes”, apunta a deputada provincial socialista.
As persoas maiores do rural non poden ter menos dereitos
A moción presta unha atención especial á realidade da provincia de Ourense, marcada pola dispersión poboacional, o envellecemento e a existencia de numerosos concellos de pequena dimensión. O Grupo Provincial Socialista advirte de que unha mesma pensión non garante necesariamente as mesmas condicións de vida en todos os territorios, xa que as persoas maiores que residen no rural poden ter que asumir maiores custos e dificultades para acudir a consultas médicas, realizar xestións administrativas, acceder a servizos bancarios ou utilizar o transporte público.
Por iso, a iniciativa defende que a protección das persoas pensionistas debe ir acompañada dun compromiso firme coa sanidade pública, os servizos sociais, a atención á dependencia, o transporte público e a inclusión financeira, garantindo que o lugar de residencia non se converta nun factor de desigualdade.
“En Ourense sabemos ben o que significa vivir nun pequeno concello e ter que desprazarse para acudir ao médico, facer unha xestión ou acceder a servizos básicos. As persoas maiores non poden ter menos dereitos por vivir no rural, nin asumir máis custos para acceder aos mesmos servizos ca quen reside nunha cidade”, destaca Eva Pérez Gamote.
A deputada provincial considera que defender as pensións tamén significa defender o futuro dos concellos ourensáns, xa que estas prestacións achegan estabilidade económica ás familias, sosteñen boa parte da actividade económica local e contribúen á cohesión social e territorial. “A pensión pública non só protexe a quen a cobra: tamén contribúe a manter vivas as nosas vilas e aldeas. Cando defendemos as pensións, estamos defendendo o futuro da provincia”, engade.
Seis propostas para reforzar a protección social
A moción do Grupo Provincial Socialista inclúe seis propostas de acordo para que a Deputación manifeste o seu compromiso coa defensa do sistema público de pensións; rexeite calquera proceso de privatización ou debilitamento do modelo actual; defenda o carácter complementario e voluntario do aforro privado; impulse a sustentabilidade do sistema mediante medidas que garantan os seus ingresos; reclame medidas específicas para asegurar a igualdade de acceso aos servizos públicos das persoas pensionistas do rural; e dea traslado dos acordos ao Congreso dos Deputados, ao Senado, á Xunta de Galicia, ao Parlamento de Galicia e á FEGAMP.
Eva Pérez Gamote conclúe facendo un chamamento á responsabilidade institucional e ao compromiso coas persoas maiores. “A defensa das pensións non é unha cuestión exclusiva dunha xeración, senón unha cuestión de presente e de futuro”, subliña, antes de apuntar que “as persoas que xa están xubiladas merecen vivir con dignidade, e quen traballa hoxe debe ter a seguridade de que contará cun sistema público cando chegue o momento de xubilarse. As pensións son un dereito, non un negocio, e o noso deber é protexelas para que ninguén quede atrás”.

