29N Eleccións Xerais 2026 ORZAMENTOS

Carmen Dacosta denuncia que o PP deixa a Ourense sen investimentos

Carmen R. Dacosta e Natalia González denuncian que o PP reduce un 27 % os investimentos para Ourense e volve deixar sen resposta as necesidades da cidade

As socialistas anuncian emendas aos orzamentos de 2027 para reclamar novos centros de saúde, melloras no CHUO, investimentos en educación e deporte, transporte metropolitano e actuacións para impulsar o termalismo, a vivenda e a actividade económica.

En Ourense, a 27 de outubro de 2026. A deputada autonómica e candidata ao Congreso, Carmen Rodríguez Dacosta, e a candidata á Alcaldía de Ourense, Natalia González, poñen o foco na redución dos investimentos individualizados, na falta de execución de proxectos pendentes e na ausencia de partidas específicas para actuacións que consideran prioritarias para a cidade. «Rueda volve orzamentar o que non executa e deixa sen resposta as necesidades da cidade de Ourense», sinalan as socialistas, que defenderán durante a tramitación parlamentaria unha batería de emendas para incorporar investimentos concretos ás contas autonómicas.

«Orzamentar unha obra non é executala. E repetir a mesma partida ano tras ano non significa que a Xunta estea cumprindo», sinala Rodríguez Dacosta. A deputada pon como exemplo o edificio administrativo da Xunta, que conta con dous millóns de euros consignados en cada un dos exercicios de 2025, 2026 e 2027, malia que as obras aínda non comezaron.

Entre as principais emendas que o PSdeG presentará figuran a construción dos centros de saúde do Vinteún e de Mariñamansa, dúas infraestruturas que a formación considera necesarias para atender a demanda asistencial da cidade.

No ámbito hospitalario, os socialistas propoñen crear unha unidade específica de Xeriatría no CHUO e impulsar unha unidade integral de atención ao ictus.

As propostas buscan reforzar a atención sanitaria nunha cidade e nunha provincia cunha poboación especialmente envellecida, adaptando os servizos públicos ás necesidades asistenciais da cidadanía.

Natalia González reclama solucións para os barrios e servizos que Ourense leva anos esperando

A candidata socialista á Alcaldía considera que os orzamentos autonómicos deben traducirse en melloras concretas nos barrios, nos servizos públicos e nas oportunidades económicas, en lugar de limitarse a reiterar proxectos pendentes.

«Ourense non necesita que cada ano lle volvan prometer o mesmo. Necesita compromisos claros, prazos de execución e investimentos que se convertan en obras e servizos para a cidadanía», sinala González, e destaca a necesidade de avanzar na construción dos centros de saúde do Vinteún e de Mariñamansa, na mellora dos equipamentos educativos e deportivos e na recuperación de espazos urbanos que necesitan actuacións específicas.

«Non abonda con anunciar investimentos: hai que dar resposta ás necesidades reais da veciñanza e garantir que os compromisos se cumpran», defende.

En materia educativa, as emendas inclúen a reforma integral do CEIP Manuel Luís Acuña e a posta en marcha dun programa de apertura dos centros escolares fóra do horario lectivo, co obxectivo de facilitar a conciliación das familias e aproveitar mellor os equipamentos públicos.

No ámbito deportivo, o PSdeG reclama a remodelación integral do campo do Couto e a construción dun novo pavillón de ximnasia.

As propostas complétanse coa reforma integral da rúa Progreso e coa participación da Xunta no financiamento dos proxectos vinculados aos fondos EDIL.

O impulso ao termalismo é outra das prioridades das emendas socialistas. O PSdeG propón desenvolver o Plan Estratéxico Termal e promover a creación dun gran hotel

balneario, co obxectivo deaproveitar o potencial económico e turístico das augas termais.

No ámbito da mobilidade, Dacosta defende que «Non queremos máis reunións para falar de autobuses. Queremos autobuses que leven a xente a traballar», e reclama a implantación dun Plan de Transporte Metropolitano que conecte Ourense cos

concellos da súa contorna, especialmente San Cibrao das Viñas e Pereiro de Aguiar, onde se concentran importantes centros de traballo.

O PSdeG reclama claridade sobre os compromisos de vivenda pública na rúa Vinteún e sobre o desenvolvemento urbanístico Escorial–O Vinteún. Ademais, propón reactivar o polígono industrial do Val da Rábeda e impulsar o Espazo Xove de Ourense, co obxectivo de favorecer a actividade económica e ampliar as oportunidades para a mocidade.

«Ourense necesita saber cando se van executar os investimentos comprometidos e cando vai poder contar cos servizos que leva anos reclamando», conclúen