PATRICK RODRÍGUEZ LIDERARÁ A ALTERNATIVA DO PSDEG-PSOE DE OURENSE EN LOBIOS PARA ACABAR CON 16 ANOS DE PARÁLISE DO PP E APROVEITAR TODO O POTENCIAL DO MUNICIPIO
O actual voceiro do grupo municipal socialista comprométese a poñer fin á parálise e ao caciquismo, aproveitar o enorme potencial turístico e termal do municipio e construír un futuro con máis servizos, oportunidades e participación veciñal
“Preséntome coa ilusión de darlle a Lobios o cambio que tanto merece e que tanto precisa, despois de catro anos traballando arreo desde a oposición”, afirma Patrick Rodríguez, que considera que o municipio “necesita un novo rumbo político, un goberno con ambición e cun alcalde involucrado no día a día da localidade, capaz de escoitar a veciñanza e de transformar as súas demandas en solucións concretas”
“En Lobios hai recursos, hai xente, hai mocidade e hai un enorme potencial para sermos un concello de referencia. O que precisamos urxentemente é un cambio e un goberno que crea nas posibilidades do municipio, que traballe sen descanso e que loite polo seu futuro”, sinala
Lobios, 27 de outubro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense presenta a Patrick Rodríguez como candidato á alcaldía de Lobios co obxectivo de liderar unha nova etapa política no municipio, baseada no traballo, na proximidade coa veciñanza e no aproveitamento de tódolos recursos e oportunidades que ofrece a localidade. O actual voceiro do grupo municipal socialista afronta este reto coa experiencia adquirida durante os últimos catro anos na oposición e coa vontade de ofrecen unha alternativa ao goberno do Partido Popular, ao que responsabiliza de “16 anos de desgoberno, atraso, parálise e prácticas caciquís”.
“Preséntome coa ilusión de darlle a Lobios o cambio que tanto merece e que tanto precisa, despois de catro anos traballando arreo desde a oposición”, afirma Patrick Rodríguez, que considera que o municipio “necesita un novo rumbo político, un goberno con ambición e cun alcalde involucrado no día a día da localidade, capaz de escoitar a veciñanza e de transformar as súas demandas en solucións concretas”.
O candidato socialista defende que Lobios conta con recursos naturais, termais, culturais, gastronómicos e patrimoniais extraordinarios, ademais dunha situación estratéxica privilexiada xunto ao norte de Portugal. Porén, considera que todo este potencial continúa desaproveitado pola falta de iniciativa e de proxecto do actual Goberno municipal.
“En Lobios hai recursos, hai xente, hai mocidade e hai un enorme potencial para sermos un concello de referencia. O que precisamos urxentemente é un cambio e un goberno que crea nas posibilidades do municipio, que traballe sen descanso e que loite polo seu futuro”, sinala.
Un proxecto público e integral para as termas de Riocaldo
Entre as prioridades do proxecto socialista, Patrick Rodríguez sitúa a recuperación, a humanización e o aproveitamento das termas de Riocaldo mediante un proxecto público e integral que permita converter este enclave nun dos grandes motores turísticos e económicos de Lobios.
O candidato considera que o potencial termal do municipio “debe ocupar un lugar central na súa estratexia de desenvolvemento, cunha planificación ambiciosa, sostible e ao servizo do interese xeral”. Rodríguez tamén pon o foco en que o obxectivo “é poñer Lobios no mapa termal e turístico, tanto a nivel nacional como internacional, xerando actividade económica, emprego e novas oportunidades para o tecido empresarial e comercial local”.
Para as e os socialistas, o desenvolvemento turístico debe ir acompañado dunha aposta decidida pola protección e posta en valor dos recursos naturais, culturais e patrimoniais, así como pola promoción da gastronomía, da flora e da fauna, e do patrimonio material e inmaterial do municipio. Un conxunto de activos que, unido á proximidade con Portugal, ofrece posibilidades que Lobios non pode seguir deixando pasar.
A prolongación da AG-31, unha infraestrutura clave para o futuro da Baixa Limia
Outra das grandes prioridades do candidato socialista será defender a prolongación da autovía AG-31 desde Celanova ata a fronteira da Madalena, unha reivindicación que considera fundamental para mellorar as comunicacións e as oportunidades de desenvolvemento da Baixa Limia.
Patrick Rodríguez sostén que a conexión de alta capacidade co norte de Portugal “é imprescindible para vertebrar o territorio, favorecer a mobilidade, impulsar a actividade económica e reforzar a posición estratéxica de Lobios nun espazo transfronteirizo con enormes posibilidades”.
Neste sentido, defende que o concello debe exercer un papel activo na reivindicación desta infraestrutura ante as administracións competentes, sumando esforzos con outros municipios e institucións para que a comarca deixe de quedar á marxe dos grandes investimentos. “O futuro de Lobios tamén pasa por estar mellor conectado, por aproveitar a nosa posición xeográfica e por contar coas infraestruturas que necesitamos para competir en igualdade de condicións”, defende.
Un alcalde ao carón da veciñanza e un concello con máis servizos
Patrick Rodríguez aposta por un modelo de goberno municipal próximo, accesible e comprometido coas necesidades reais da cidadanía. Fronte ao que cualifica de pasividade e desleixo da actual alcaldesa, reivindica a figura dun rexedor involucrado no día a día do municipio, presente nas parroquias e disposto a atender persoalmente as preocupacións, demandas e propostas dos veciños e veciñas.
O candidato socialista considera que a participación veciñal “debe ser unha peza fundamental da acción municipal, de maneira que a cidadanía non sexa unha mera espectadora, senón que poida intervir nas decisións que afectan á vida cotiá e ao futuro de Lobios”.
A mellora dos servizos públicos e a creación de novas prestacións, especialmente para as persoas maiores, constitúen outra das prioridades do proxecto. O obxectivo, segundo apunta “é dar resposta ás necesidades dunha poboación que merece contar con atención, recursos e servizos suficientes para vivir con dignidade no seu propio municipio”.
Ao mesmo tempo, Patrick Rodríguez sitúa a loita contra o despoboamento no centro da súa proposta política. Para iso, considera “imprescindible” crear condicións que permitan reter e fixar poboación, favorecer novas oportunidades económicas e garantir que a mocidade poida desenvolver o seu proxecto de vida en Lobios, sen verse obrigada a marchar por falta de alternativas.
“Temos que apostar pola nosa xente maior, pero tamén pola mocidade. Que a xente nova poida vivir, traballar e construír o seu futuro aquí é fundamental para que Lobios non esmoreza e comece a medrar de novo”, afirma.
Un alcalde que loite por Lobios e pola súa xente
A presentación de Patrick Rodríguez como candidato á alcaldía representa a vontade do PSdeG-PSOE de ofrecer á veciñanza unha alternativa de goberno con proxecto, capacidade de traballo e ambición para o municipio. As e os socialistas defenden que Lobios necesita superar unha etapa de inmobilismo e comezar a aproveitar os seus recursos con planificación, compromiso e unha visión de futuro.
O candidato reivindica o traballo desenvolvido durante os últimos catro anos desde a oposición municipal como punto de partida para impulsar unha nova etapa, na que o concello recupere protagonismo, defenda os intereses da veciñanza e actúe como motor de desenvolvemento económico e social.
“Aspiro a ser un alcalde que loite polo futuro do concello, que estea sempre ao carón dos veciños e veciñas e que traballe por e para Lobios e pola miña xente, con toda a ilusión e todas as ganas do mundo”, conclúe Patrick Rodríguez.
O PSdeG-PSOE de Ourense aposta así por unha candidatura que sitúa no centro da súa acción política a recuperación da ambición municipal, a defensa dos servizos públicos, o aproveitamento do potencial termal e turístico, a mellora das comunicacións e a creación de oportunidades para que Lobios poida afrontar o futuro con máis desenvolvemento, máis poboación e máis calidade de vida.

