Concello de Ourense termalismo

As socialistas piden menos parches, prezos máis baixos e unha data para abrir As Burgas

Consideran que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, se emenda a si mesmo apenas unha semana despois de aprobar a ordenanza coa abstención do PP e reclaman recuperar as propostas que quedaron fóra

En Ourense, a 28 de outubro de 2026. O grupo municipal socialista considera que o anuncio dun novo bono de 30 euros para 10 baños na piscina termal das Burgas pon de manifesto que a ordenanza aprobada inicialmente hai apenas unha semana era insuficiente e necesitaba melloras que xa se reclamaran por parte do PSdeG durante a súa tramitación.

As edís socialistas lembran que votaron en contra daquela ordenanza porque non compartían o prezo de 7 euros por dúas horas de baño, porque non quedaba garantida a xestión pública directa das instalacións e porque a súa aprobación tampouco aseguraba que a piscina fose abrir proximamente.

“Hai unha semana dixemos que o que se plantexaba era un prezo elevado para moitas familias de Ourense. O alcalde defendeu aquela tarifa e agora anuncia un bono co que cada baño sairía a tres euros. Entón, se había marxe para ofrecer prezos máis baixos, por que non se fixo antes?”, incide a portavoz do grupo e candidata á Alcaldía, Natalia González Beneitez.

As socialistas consideran especialmente significativo que sexa o propio goberno quen anunciase onte unha alegación para modificar o texto que acaba de sacar adiante grazas á abstención do Partido Popular. “O que non ten moito sentido é que se aprobe unha ordenanza sen resolver cuestións fundamentais e que, unha semana despois, o propio alcalde empece a corrixila. Nós xa advertimos de que se podía facer mellor”, recorda sobre o exposto durante a sesión plenaria extraordinaria.

Non obstante, a voceira e secretaria xeral do PSOE na cidade engade que no grupo municipal non están en contra de que se ofrezan bonos máis económicos. O que cuestionan é que se manteña a entrada individual en sete euros e que para acceder a un prezo máis reducido haxa que adiantar 30 euros ou adquirir un bono mensual.

Por iso, consideran que este novo período de alegacións debe servir para recuperar as propostas que quedaron sen atender e mellorar de verdade a ordenanza.

En primeiro lugar, reclaman rebaixar o prezo da entrada ordinaria, para que calquera persoa poida acceder á piscina sen necesidade de adquirir un bono. E propoñen incorporar bonificacións específicas para a mocidade, así como revisar e ampliar as tarifas sociais e familiares para facilitar o acceso ás instalacións. As bonificacións xa incorporadas para determinados colectivos son un avance, pero non resolven todas as necesidades.

E, sobre todo, insisten nunha cuestión que consideran fundamental desde o principio: a piscina termal das Burgas debe continuar sendo un recurso público xestionado directamente polo Concello de Ourense. “Xa o dixemos no pleno: non podemos pensar sempre nos recursos da cidade como algo ao que hai que sacarlle rendabilidade económica. As Burgas é patrimonio da veciñanza e ten que estar ao seu servizo, non só ao das persoas que nos visitan”, defende.

Finalmente, as edís socialistas lembran que a piscina leva pechada desde marzo de 2020 e que, por moitos bonos e tarifas que se anuncien, segue sen haber unha data concreta para a súa reapertura.