Deputación de Ourense INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Impulsamos que a Deputación defenda as pensións públicas

O PSDEG-PSOE DE OURENSE CELEBRA A APROBACIÓN POR UNANIMIDADE DA MOCIÓN EN DEFENSA DAS PENSIÓNS PÚBLICAS E REAFIRMA O SEU COMPROMISO COS MAIORES

Álvaro Vila agarda que o compromiso adquirido polo Partido Popular na Deputación se traslade tamén ao ámbito estatal para garantir a protección do sistema público de pensións fronte aos intentos de privatización

O voceiro provincial socialista subliña que o acordo supón un paso importante para defender o poder adquisitivo das persoas pensionistas e garantir a igualdade de dereitos das persoas maiores, especialmente nos concellos do rural ourensán

As pensións non poden depender dos intereses políticos de cada momento nin converterse nun negocio para entidades privadas. Son un dereito conquistado despois de toda unha vida de traballo e cotizacións”, afirma

Ourense, 30 de outubro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense celebra a aprobación por unanimidade, no pleno da Deputación Provincial, da moción presentada polo Grupo Provincial Socialista en defensa do sistema público de pensións, da súa sustentabilidade e suficiencia, e fronte a calquera intento de privatización ou debilitamento do modelo actual.

O voceiro provincial socialista, Álvaro Vila, que foi o encargado de defender a iniciativa no pleno, valora moi positivamente o respaldo de todos os grupos políticos e, especialmente, o compromiso adquirido polo Partido Popular provincial cos acordos recollidos na moción. “Hoxe conseguimos que a Deputación de Ourense fale cunha soa voz en defensa das pensións públicas. É unha boa noticia para os miles de pensionistas da nosa provincia e tamén para todas aquelas persoas que están traballando e que teñen dereito a saber que contarán cun sistema público que lles garanta unha xubilación digna”.

Vila considera que a unanimidade acadada representa un compromiso institucional importante e agarda que non quede unicamente nun acordo plenario. “O PP provincial comprométese hoxe coa defensa das pensións públicas e nós agardamos que ese mesmo compromiso se traduza tamén nunha posición clara e firme do Partido Popular a nivel nacional. As pensións non poden depender dos intereses políticos de cada momento nin converterse nun negocio para entidades privadas. Son un dereito conquistado despois de toda unha vida de traballo e cotizacións”.

Unha defensa sen ambigüidades do sistema público

A moción socialista aposta polo mantemento e reforzo do actual sistema público de reparto, baseado nos principios de solidariedade, suficiencia, contributividade e equidade, e rexeita calquera proceso que pretenda substituír progresivamente a protección pública por modelos de capitalización individual ou mecanismos de aforro privado.

Neste sentido, Álvaro Vila insiste en que “non todas as persoas teñen a mesma capacidade para aforrar durante a súa vida laboral. As persoas que tiveron salarios máis baixos, que sufriron precariedade, desemprego ou que dedicaron anos aos coidados familiares non poden chegar á xubilación en condicións de desigualdade por non ter capacidade para contratar un plan privado”.

O voceiro socialista destaca que o obxectivo debe ser garantir que todas as persoas poidan acceder a unha xubilación digna, con independencia dos seus ingresos, da súa traxectoria laboral ou da súa capacidade económica. Os sistemas privados de aforro poden ter un papel complementario e voluntario, pero nunca substituír a garantía colectiva que representa a Seguridade Social.

As persoas maiores do rural tamén teñen os mesmos dereitos

A iniciativa aprobada tamén pon o foco na realidade demográfica e territorial de Ourense, unha provincia marcada polo envellecemento, a dispersión poboacional e a existencia de numerosos concellos de pequena dimensión.

Neste contexto, as e os socialistas lembran que defender as pensións tamén significa garantir que as persoas maiores poidan acceder en condicións de igualdade á sanidade pública, aos servizos sociais, á atención á dependencia, ao transporte público e aos servizos bancarios, independentemente do concello no que residan.

“En Ourense sabemos perfectamente que unha persoa maior que vive nunha pequena aldea ten que afrontar moitas veces máis dificultades e máis gastos para acudir ao médico, realizar unha xestión ou acceder a servizos básicos. Non podemos permitir que vivir no rural supoña ter menos dereitos ou asumir máis custos”, sinala Vila.

O voceiro provincial lembra ademais que as pensións públicas teñen unha importancia fundamental para a economía da provincia, xa que sosteñen numerosas familias, manteñen a actividade comercial e económica das vilas e contribúen a fixar poboación e garantir a cohesión territorial.

Seis acordos para garantir o futuro das pensións

O texto aprobado por unanimidade recolle seis compromisos institucionais: defender o sistema público de pensións; rexeitar calquera proceso de privatización ou debilitamento do modelo actual; preservar o carácter complementario e voluntario dos sistemas privados de aforro; impulsar medidas que garantan a sustentabilidade económica e social das prestacións; reclamar medidas específicas para asegurar a igualdade de acceso aos servizos públicos das persoas pensionistas do rural; e trasladar os acordos ao Congreso dos Deputados, ao Senado, á Xunta de Galicia, ao Parlamento galego e á FEGAMP.

Desde o PSdeG-PSOE de Ourense consideran que a unanimidade acadada no pleno é unha mostra de que existen cuestións fundamentais nas que as institucións deben estar á altura das necesidades da cidadanía.

Álvaro Vila conclúe agradecendo o respaldo á iniciativa e reiterando que “hoxe damos un paso importante desde a Deputación, pero este compromiso ten que ter continuidade. Agardamos que o PP provincial faga valer o acordo acadado e que o Partido Popular a nivel estatal abandone calquera ambigüidade e se comprometa tamén, sen matices, coa defensa das pensións públicas. Estamos falando dos dereitos de millóns de persoas, do presente dos nosos maiores e da tranquilidade das xeracións que veñen detrás”.