Deputación de Ourense INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

O PP e Menor tumban a posta en marcha dun plan de estradas provincial

O PP VOTA EN CONTRA DOS INTERESES DA PROVINCIA E BLOQUEA UN PLAN DE ESTRADAS PROVINCIAL COA COMPLICIDADE DE LUÍS MENOR, QUE IMPÓN O SEU VOTO DE CALIDADE PARA TIRAR ABAIXO A INICIATIVA

O Grupo Provincial Socialista denuncia que o presidente da Deputación impediu avanzar nunha planificación necesaria para mellorar a rede viaria provincial, pese ao apoio do PSOE, BNG e DO, e coa abstención do deputado non adscrito Xosé Carlos Valcárcel

Eva Pérez Gamote acusa o PP de “pechar a porta á transparencia, ao diálogo cos concellos e a unha planificación plurianual que permita coñecer que estradas se van arranxar, cando e con que investimentos”

“O que non podemos facer é converter a existencia doutras demandas nunha escusa para non analizar ningunha”, advertiu Eva Pérez Gamote, que insistiu en que a provincia precisa “unha visión global das súas necesidades e non pode continuar dependendo de actuacións puntuais sen unha programación que permita coñecer as prioridades e os prazos”

Ourense, 30 de outubro de 2026. O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense denuncia o voto en contra do Partido Popular á moción presentada para impulsar a mellora e planificación das actuacións na rede provincial de estradas, unha iniciativa que foi rexeitada grazas ao voto de calidade do presidente da institución, Luis Menor. “Unha vez máis, o PP volve dar as costas aos intereses da provincia e bloquea unha proposta necesaria para garantir unhas comunicacións máis seguras, unha maior igualdade territorial e unha atención adecuada ás necesidades dos concellos”, denuncian as e os socialistas.

A iniciativa contou cos votos favorables do PSOE, BNG e Democracia Ourensana, mentres que o PP votou en contra. Pola súa banda, o deputado non adscrito Xosé Carlos Valcárcel abstívose, rompendo a disciplina de voto de DO. Finalmente, foi o voto de calidade de Luis Menor o que decantou o resultado e impediu que saíse adiante unha proposta que pretendía abrir un proceso de traballo para mellorar a rede viaria provincial.

A deputada provincial socialista, Eva Pérez Gamote, lamenta que o presidente da Deputación e o seu grupo político rexeitasen unha iniciativa construtiva, que non pretendía impoñer unha relación pechada de obras nin comprometer investimentos sen os correspondentes informes, senón avanzar en transparencia, avaliación técnica e consenso. “Non se nos pide votar unha promesa imposible. Pídesenos abrir unha porta ao diálogo e á planificación”, subliñou durante o debate plenario.

O PP bloquea unha mellora necesaria para toda a provincia

As e os socialistas consideran especialmente grave que o Partido Popular rexeite unha proposta que busca coñecer con claridade a situación da rede viaria provincial e establecer criterios obxectivos para priorizar as intervencións. A moción solicitaba unha relación actualizada, estrada por estrada e tramo por tramo, das actuacións executadas durante 2025 e 2026, cos seus importes e estado de execución, así como das obras contratadas, previstas ou pendentes.

Tamén propoñía impulsar as actuacións que resultasen necesarias segundo as valoracións dos servizos técnicos e a dispoñibilidade orzamentaria, ademais de abrir un proceso de diálogo cos concellos, os grupos políticos e os propios técnicos da Deputación para consensuar as bases dun plan plurianual de estradas.

“O que non podemos facer é converter a existencia doutras demandas nunha escusa para non analizar ningunha”, advertiu Eva Pérez Gamote, que insistiu en que a provincia precisa “unha visión global das súas necesidades e non pode continuar dependendo de actuacións puntuais sen unha programación que permita coñecer as prioridades e os prazos”.

A deputada socialista considera incomprensible que o PP se opoña a facilitar esta información e a abrir un espazo de diálogo institucional. “Se os hai, magnífico. Poñámolos en común, coñezamos como se aplican os criterios e valoremos entre todos que se pode mellorar”, afirmou en referencia aos investimentos e á planificación que defende o Goberno provincial.

Estradas e concellos que non poden seguir agardando

A moción recollía diferentes exemplos de necesidades existentes na rede provincial, sen pretender elaborar un inventario pechado de todas as vías que precisan actuacións. Entre elas figuraban a OU-1006, entre Vilardevós e Vilarello da Cota, especialmente no tramo entre Florderrei e Vilarello da Cota; a OU-0522, na contorna de Trasalba, en Amoeiro; a OU-0701, cara a Vilariño de Conso; a OU-0851, entre Veigamuíños e A Proba, no Barco de Valdeorras; os accesos ao núcleo de Pinza, en Viana do Bolo, e a OU-0303, na contorna de Val de Pereira, en Maside.

Durante a súa intervención, Pérez Gamote lembrou que estas infraestruturas son fundamentais para a vida diaria da veciñanza, especialmente no rural, onde unha estrada pode representar a única conexión dunha aldea cos servizos básicos. “Unha estrada con pouco tráfico pode ser a única saída dunha aldea. Unha vía que atravesa un núcleo pode necesitar unha solución peonil antes ca un simple reasfaltado”, explicou.

A deputada tamén puxo o foco na necesidade de que as decisións se adopten con criterios de equidade territorial, atendendo ao estado do firme, á seguridade viaria, á comunicación entre núcleos, ao acceso aos servizos esenciais e ás particularidades do medio rural e das zonas fronteirizas. “Non pode haber concellos de primeira e de segunda nin veciños e veciñas condenados a circular por estradas deficientes simplemente por vivir nun núcleo rural afastado”, defendeu.

Menor perde a oportunidade de abrir unha vía de consenso

Para o Grupo Provincial Socialista, a decisión adoptada polo PP supón perder unha oportunidade para establecer un método de traballo compartido que permita mellorar a planificación das infraestruturas provinciais. A proposta non cuestionaba as competencias do Goberno provincial nin substituía os criterios dos servizos técnicos, senón que pretendía sumar os concellos e os grupos políticos á identificación das necesidades e á definición das prioridades.

Eva Pérez Gamote lamenta que Luis Menor empregase o seu voto de calidade para impedir que a iniciativa prosperase, en lugar de aproveitar o respaldo dunha maioría de grupos da Corporación para avanzar nunha cuestión fundamental para o futuro da provincia. “A seguridade viaria e a cohesión territorial son prioridades. Temos que traducir esa coincidencia nun método de traballo”, sinalou, incidindo en que a cidadanía ten dereito a coñecer onde se destinan os recursos públicos e que actuacións quedan pendentes.

As e os socialistas consideran que o PP volve demostrar que está máis preocupado por bloquear as propostas da oposición que por buscar solucións aos problemas reais dos concellos. “As promesas, cando afectan á seguridade e á vida diaria da veciñanza, merecen seguimento. Unha provincia non pode avanzar só a base de anuncios: necesita continuidade, prioridades explicables e compromisos que se poidan comprobar”, concluíu a deputada provincial.