concellos INICIATIVAS

O PSOE de Barbadás reclama blindar os fondos contra a violencia machista

O PSDEG-PSOE DE BARBADÁS RECLAMA BLINDAR OS FONDOS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA E DENUNCIA QUE A PREVENCIÓN NON PODE QUEDAR EN DECLARACIÓNS BALEIRAS

As socialistas defenden unha moción para reforzar as políticas de igualdade en 2027, impulsar unha campaña informativa permanente e reclamar máis financiamento para que os concellos poidan protexer as vítimas

“En Barbadás non podemos mirar para outro lado. Gobernar significa protexer, e protexer significa poñer recursos públicos reais para que ningunha veciña se sinta soa nin desamparada”, sinala Elisabet González

“A iniciativa complétase coa proposta de que a corporación municipal manifeste a súa repulsa ante todas as formas de violencia contra as mulleres, reafirme o compromiso de Barbadás coa igualdade e co amparo integral das vítimas e dos seus fillos e fillas menores, e recorde o 25 de novembro cun acto institucional, lectura dunha declaración e un minuto de silencio”, apunta

Barbadás, 30 de outubro de 2026. O PSdeG-PSOE de Barbadás levará ao pleno municipal do vindeiro luns, 2 de novembro, unha moción con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, na que reclama un compromiso firme e continuado das administracións na prevención da violencia machista e na protección integral das vítimas.

A concelleira socialista, Elisabet González Nistal, defenderá unha iniciativa que insta o equipo de goberno a blindar no orzamento municipal de 2027 as partidas destinadas á prevención, á sensibilización e á educación en igualdade, ademais de impulsar unha campaña informativa permanente sobre os recursos de atención ás mulleres e reclamar máis fondos para os concellos.

“Detrás de cada cifra hai unha vida rota, unha cadeira baleira nunha cociña, uns fillos e fillas que medran sen a súa nai”, recolle a moción socialista, que lembra a gravidade dunha violencia que segue a deixar vítimas mortais e menores orfos. Para o PSdeG-PSOE, estes datos obrigan as institucións a actuar con responsabilidade e a converter o compromiso coa igualdade en medidas concretas.

Gobernar significa protexer

A iniciativa pon o foco na responsabilidade das administracións locais, pola súa proximidade á cidadanía e pola súa capacidade para ofrecer unha primeira resposta ás mulleres que sofren violencia machista. “En Barbadás non podemos mirar para outro lado. Gobernar significa protexer, e protexer significa poñer recursos públicos reais para que ningunha veciña se sinta soa nin desamparada”, sinala a concelleira socialista.

Elisabet González Nistal defenderá a necesidade de que este compromiso “se traduza en políticas efectivas e continuadas, con recursos suficientes e unha atención que teña en conta todas as manifestacións da violencia machista”. A moción lembra que esta non se limita ás agresións físicas, senón que tamén abrangue a violencia psicolóxica, económica, sexual e dixital, así como a violencia vicaria e o acoso nos ámbitos laboral e institucional.

Máis recursos para a prevención e a educación en igualdade

O PSdeG-PSOE reclama ao equipo de goberno que manteña, reforce e blinde orzamentariamente no exercicio de 2027 os programas de prevención, sensibilización e educación en valores de igualdade, con especial incidencia nos centros educativos e entre a mocidade do municipio.

As socialistas consideran imprescindible actuar desde a educación para combater as condutas machistas, os comportamentos de control e as relacións baseadas na desigualdade, evitando que estas actitudes se normalicen entre a mocidade.

A proposta busca que a prevención non dependa de actuacións puntuais nin de conmemoracións concretas, senón que forme parte dunha política municipal estable, dotada dos medios necesarios para avanzar cara a unha sociedade libre de violencia contra as mulleres.

Unha campaña permanente para que ningunha vítima quede sen axuda

A moción propón poñer en marcha unha campaña informativa institucional permanente en todos os soportes municipais, incluídas as pistas deportivas, as marquesiñas, o transporte urbano, as redes sociais e os edificios públicos. A finalidade é dar a coñecer os recursos de atención ás vítimas e facilitar que calquera muller que precise axuda saiba a onde acudir. En concreto, a iniciativa recolle a difusión dos teléfonos 016, de ámbito estatal; 900 400 273, de atención en Galicia; e 112, para situacións de emerxencia.

“Saber a onde chamar pode ser a diferenza entre a vida e a morte para unha veciña nosa”, advirte González Nistal, que lembra que os servizos 016 e 900 400 273 “son gratuítos, confidenciais e non deixan rastro na factura telefónica, aínda que recomenda comprobar e borrar o historial de chamadas do dispositivo cando sexa necesario”.

Para o Grupo Municipal Socialista, garantir que esta información chegue á veciñanza é unha medida esencial para facilitar a petición de axuda e evitar que o medo, o illamento ou o descoñecemento dos recursos impidan ás vítimas dar o paso. “O 25 de novembro non é un só día no calendario, tería que ser un compromiso durante os 365 días do ano, dende o 1 de xaneiro ao 31 de decembro”.

Máis financiamento para os concellos

O cuarto acordo da moción insta á Xunta de Galicia e ao Goberno de España a incrementar os fondos directos destinados aos concellos a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. As socialistas lembran que as administracións locais constitúen a primeira liña de atención ás vítimas e que, para desenvolver políticas eficaces, precisan financiamento suficiente e estable.

“A iniciativa complétase coa proposta de que a corporación municipal manifeste a súa repulsa ante todas as formas de violencia contra as mulleres, reafirme o compromiso de Barbadás coa igualdade e co amparo integral das vítimas e dos seus fillos e fillas menores, e recorde o 25 de novembro cun acto institucional, lectura dunha declaración e un minuto de silencio”, apunta Elisabet González.

O PSdeG-PSOE de Barbadás defende que a loita contra a violencia machista require compromiso político, recursos públicos e actuacións durante todo o ano. A formación socialista insiste en que a protección das vítimas e a prevención deben ser prioridades reais das administracións, porque ningunha muller pode quedar soa nin desamparada ante a violencia.