Executiva Provincial de Ourense Memoria Democrática

Reivindicamos a memoria das vítimas do franquismo

O PSDEG-PSOE DE OURENSE REIVINDICA A MEMORIA DAS VÍTIMAS DO FRANQUISMO COMO PIAR FUNDAMENTAL PARA FORTALECER A DEMOCRACIA

Xosé Lois Carrión reivindica o compromiso de miles de persoas que deron a súa vida pola liberdade e lembra a Fernando Cordón García e Manuel Gómez del Valle, as dúas primeiras vítimas das 133 persoas fusiladas no Campo de Aragón en agosto de 1936

A Executiva Provincial tiña previsto celebrar un acto de homenaxe no Memorial do cemiterio de Santo Francisco, suspendido por coincidir cun dos días de loito oficial decretados polo Goberno tralo tráxico accidente ferroviario de Toledo. Realizouse unicamente unha ofrenda floral.

Ourense, 1 de novembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense reivindica a memoria das vítimas do franquismo e o seu papel fundamental na defensa da liberdade, da xustiza social e da democracia con motivo do día de recordo e homenaxe a todas as vítimas do golpe de Estado, da Guerra Civil e da ditadura franquista, que se conmemora cada 31 de outubro.

O secretario de Memoria Democrática da Executiva Provincial, Xosé Lois Carrión, subliña que esta data “non é unha data elixida ao azar”, xa que coincide co aniversario da aprobación da Constitución española de 1978 polas Cortes Xerais, que abriu unha nova etapa de paz, liberdades e convivencia. Unha etapa que, segundo sinala, debemos seguir defendendo fronte a quen pretende cuestionar os avances democráticos e emborronar a memoria colectiva.

Carrión lembra que, grazas á Lei de Memoria Democrática impulsada polo Goberno de Pedro Sánchez, o 31 de outubro é tamén unha xornada para honrar as vítimas do golpe de Estado, da posterior guerra e da represión exercida durante a ditadura ata a entrada en vigor da Constitución. “Estas vítimas son o piar dunha historia e dunha memoria esenciais para fortalecer a nosa democracia. A democracia enriquécese cando inclúe máis voces, e moitas destas voces foron silenciadas. Con este día, facemos a nosa democracia máis forte”, afirma.

Lembrar a quen deron a vida pola liberdade

O responsable provincial de Memoria Democrática destaca que esta xornada debe servir para lembrar e honrar as miles de persoas que pagaron coas súas vidas o compromiso coas súas ideas, coa liberdade e coa defensa dun futuro máis xusto. Entre elas, salienta as figuras de Manuel Gómez del Valle, profesor e poeta comunista, e Fernando Cordón García, militante do PSOE e da UGT, funcionario de Aduanas e concelleiro no Concello de Verín.

Ambos foron as dúas primeiras vítimas das 133 persoas fusiladas no paredón do Campo de Aragón o 11 de agosto de 1936. Tralo golpe de Estado do mes de xullo, os dous comprometeron os seus esforzos coa organización da resistencia obreira e popular en defensa da legalidade constitucional da II República. Foron capturados polos sublevados en Xinzo de Limia, sometidos a un xuízo sumarísimo sen garantías legais e condenados á morte.

“Calquera día é bo para lembrar, honrar e, sobre todo, non esquecer a todas aquelas persoas que deron a vida pola liberdade e pola defensa dos seus ideais. Pero nunha xornada como esta, a memoria convértese tamén nunha obriga democrática e nun compromiso coas xeracións futuras”, apunta Carrión.

A pegada de Fernando Cordón na comarca de Verín

Xosé Lois Carrión lembra especialmente a figura de Fernando Cordón García, nacido en Sevilla en 1899 e irmán do destacado militar Antonio Cordón García, xeneral de división do Exército Popular da República e subsecretario do Ministerio de Defensa durante o Goberno de Juan Negrín. Antonio Cordón desempeñou un papel relevante na organización militar e na resistencia do Goberno republicano lexítimo fronte á sublevación.

Fernando Cordón seguiu, como o seu pai, unha carreira na Administración do Estado e ingresou no Corpo de Axentes de Aduanas. O seu traslado a Verín para asumir a administración daquela Aduana levouno a intensificar a súa militancia política nas filas do PSOE, converténdose nun referente de honestidade e defensa da xustiza social para a clase traballadora da comarca de Verín e da provincia de Ourense. No verán de 1936 tiña previsto un novo traslado a terras andaluzas.

A súa historia, xunto coa de Manuel Gómez del Valle e a de tantas outras vítimas, representa o compromiso de persoas que defenderon a legalidade democrática e os dereitos da clase traballadora e que foron perseguidas e asasinadas pola represión franquista.

O secretario provincial de Memoria Democrática lembra tamén as palabras do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, cando advertiu de que “como país, hemos pagado a lo largo de nuestra historia un alto precio por la libertad. Tan alto que, además de preservar ese legado, nunca debemos darlo por sentado”. Unha reflexión que, ao seu xuízo, “cobra especial relevancia nun momento no que os discursos da dereita radical e da ultradereita pretenden cuestionar a memoria democrática e os consensos que sustentan a convivencia”.

A Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense tiña previsto celebrar este sábado un acto de recordo e homenaxe ante o Memorial do cemiterio de Santo Francisco, en lembranza de todas as vítimas. Porén, a convocatoria quedou suspendida ao coincidir cun dos días de loito oficial decretados polo Goberno de España tralo tráxico accidente ferroviario rexistrado en Toledo, realizándose unicamente unha ofrenda floral.

Carrión conclúe reivindicando a necesidade de preservar a memoria como garantía de futuro e recupera os versos cos que Celso Emilio Ferreiro remata o seu poema nota necrolóxica: “Pode o corpo ser vencido, / pode o dereito ser torto, / mais o lume que alampea, / mais o lume que alampea, / xamais o veredes morto”.

“Eiquí temos a proba, o franquismo matou a miles e miles de persoas, mais non logrou matar o seu recordo. Só a través da memoria e do recoñecemento poderemos asegurar un futuro de paz e liberdade para todos e todas”, conclúe.

Memoria, Saúde e República!