Levarán ao pleno ordinario de novembro unha moción para aproveitar as ferramentas de dixitalización turística xa existentes, conectar os recursos da cidade e crear percorridos de 24 e 48 horas. Ademais, proporán a creación dun programa municipal de inmersión lingüística para o alumnado de 3º da ESO
En Ourense, a 2 de novembro de 2026. O grupo municipal socialista levará ao pleno ordinario de novembro unha moción para impulsar a integración de Ourense no ecosistema de Destino Turístico Intelixente (DTI), co obxectivo de mellorar a xestión, a promoción e a experiencia das persoas que visitan a cidade. A iniciativa aposta por aproveitar as ferramentas e os investimentos que xa están en marcha, conectar os recursos turísticos existentes e facilitar que os visitantes poidan descubrir e gozar de todo o que ofrece Ourense.
A proposta parte da necesidade de dar un paso máis na planificación turística da cidade, aproveitando as oportunidades que ofrecen a dixitalización, os datos e a coordinación dos diferentes servizos. E, neste sentido, a moción propón avanzar na integración de Ourense no modelo de Destino Turístico Intelixente e aproveitar os recursos do proxecto «Ourense, cerca de ti», financiado con fondos Next Generation, cun investimento de 1.327.618,05 euros.
As socialistas consideran que Ourense conta cun importante potencial turístico, con recursos como o termalismo, o patrimonio histórico, a gastronomía, o río Miño e o comercio local, aos que se suma agora a conexión ferroviaria de Alta Velocidade. Porén, entenden que é necesario conectar mellor todos estes atractivos e facilitar información útil, accesible e actualizada para que quen chega á cidade saiba que pode visitar, como desprazarse e que actividades ten ao seu alcance.
O texto rexistrado tamén propón traballar na creación de percorridos turísticos de 24 e 48 horas que permitan organizar a oferta da cidade e conectar a estación do AVE co centro histórico, As Burgas, os espazos termais, a contorna do Miño, a gastronomía e o comercio. Trátase de facilitar a planificación das visitas, favorecer que os turistas permanezan máis tempo na cidade e contribuír a que o impacto económico da actividade turística chegue ao conxunto do tecido local.
Para coñecer experiencias que xa están a desenvolver este modelo, a candidata á Alcaldía, Natalia González, desprazouse ata Adeje, en Tenerife, onde puido coñecer de primeira man o funcionamento dunha iniciativa de Destino Turístico Intelixente. A visita permitiu analizar ferramentas e experiencias que poderían adaptarse á realidade ourensá, tomando como referencia un modelo que conecta información, datos e servizos para mellorar a experiencia das persoas visitantes.
Desde o PSdeG-PSOE defenden que non se trata tanto de crear novas estruturas innecesarias, senón de aproveitar mellor os recursos dispoñibles, coordinar os servizos e poñer a tecnoloxía ao servizo dun obxectivo claro: facer de Ourense un destino máis accesible, conectado e atractivo, tanto para quen o visita como para quen vive nel.
Xunto a esta iniciativa turística, o grupo municipal socialista tamén levará á sesión plenaria ordinaria de novembro outra moción para crear «Ourense en Inglés», un programa municipal de inmersión lingüística dirixido inicialmente ao alumnado de 3º da ESO. A proposta busca que os estudantes poidan vivir unha experiencia educativa de aproximadamente tres semanas nun país de fala inglesa, convivindo cunha familia de acollida e integrándose nun centro educativo.
O programa partiría dunha dotación inicial de 200.000 euros nos Orzamentos Municipais de 2027, cun mínimo de 50 prazas e o obxectivo de achegarse ás 60, incorporando un sistema progresivo de achegas das familias en función da súa renda. O obxectivo é que a situación económica non sexa un impedimento para acceder a unha experiencia formativa deste tipo.
Con estas dúas iniciativas, o Grupo Municipal Socialista aposta por ampliar as oportunidades da cidade en dous ámbitos fundamentais: por unha banda, mellorar a competitividade turística de Ourense e aproveitar todo o seu potencial; pola outra, ofrecer á mocidade novas ferramentas educativas e garantir que as oportunidades de formación estean ao alcance de todas as familias, independentemente dos seus recursos económicos.

