EMIGRACIÓN Executiva Provincial de Ourense

Asesoramos a retornados de Alemaña afectados por embargos nas pensións

O PSDEG-PSOE DE OURENSE ASESORA A EMIGRANTES RETORNADOS DE ALEMAÑA AFECTADOS POR EMBARGOS NAS SÚAS PENSIÓNS POR DÉBEDAS TRIBUTARIAS

Teresa Barge Dapía destaca a labor da secretaría provincial de migracións para regularizar as débedas coa Facenda alemá e conseguir o levantamento das retencións nas prestacións dos afectados

“Estamos traballando directamente coas persoas afectadas para axudalas a resolver estas situacións, tramitar o pagamento das débedas pendentes e regularizar a súa situación tributaria de cara aos próximos exercicios”, sinala

Ourense, 3 de novembro de 2026. A secretaría provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense está atendendo nas últimas semanas a problemática de emigrantes retornados de Alemaña, residentes tanto en Galicia, incluída a provincia de Ourense, como noutras comunidades autónomas, que se atoparon con embargos parciais nas súas pensións alemás por non ter liquidado os impostos correspondentes a estas prestacións.

A responsable provincial de migracións, Teresa Barge Dapía, explica que as persoas afectadas comezaron a recibir retencións nas súas pensións despois de non responder aos requirimentos enviados polo Finanzamt Neubrandenburg, a oficina da Facenda alemá encargada da fiscalización das pensións percibidas no estranxeiro. Estas comunicacións reclamaban o pagamento do imposto sobre a renda correspondente, nalgúns casos desde o exercicio fiscal de 2021.

As cantidades reclamadas oscilan, segundo os casos, entre os 1.000 e os 3.000 euros, incluíndo os correspondentes xuros de demora. Unha situación que está a xerar preocupación entre os pensionistas afectados, que en moitos casos descoñecían a existencia destas obrigas tributarias ou non chegaron a atender as comunicacións remitidas polas autoridades fiscais alemás.

“Estamos traballando directamente coas persoas afectadas para axudalas a resolver estas situacións, tramitar o pagamento das débedas pendentes e regularizar a súa situación tributaria de cara aos próximos exercicios. O obxectivo é que poidan recuperar a normalidade no cobramento das súas pensións e que se levanten os embargos parciais que están a sufrir”, sinala Teresa Barge Dapía.

Desde a secretaría provincial de migracións están conseguindo tramitar o aboamento das cantidades pendentes e a domiciliación dos pagamentos correspondentes aos próximos exercicios fiscais, un procedemento que permite avanzar na regularización das obrigas tributarias e no levantamento das retencións aplicadas sobre as pensións pola Seguridade Social alemá.

Prazos de prescrición e posibles exencións

A responsable provincial de migracións lembra tamén unha cuestión especialmente importante para as persoas perceptoras destas prestacións: a diferenza do que sucede coa facenda española, as débedas tributarias relativas ao imposto sobre a renda das pensións alemás teñen un prazo de prescrición de sete anos. Polo tanto, as autoridades fiscais xermanas poden reclamar actualmente o pagamento correspondente aos exercicios desde 2020.

Así mesmo, Barge Dapía chama a atención sobre a posibilidade de que determinadas persoas estean exentas de tributar en Alemaña en función dos seus ingresos anuais. Neste sentido, lembra que os limiares indicados para non estar obrigado a tributar se sitúan nos 12.348 euros anuais para o exercicio 2026 e nos 12.096 euros para o exercicio 2025, polo que considera fundamental estudar individualmente cada situación antes de efectuar calquera pagamento.

“É importante que ninguén dea por perdida unha parte da súa pensión nin afronte estas reclamacións sen comprobar previamente se realmente lle corresponde pagar, cal é a cantidade exacta ou se pode acollerse a algunha exención. Cada caso ten as súas particularidades e cómpre analizalo con rigor”, apunta.

Asesoramento a disposición das persoas afectadas

A secretaría provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense pon a disposición das persoas perceptoras de pensións alemás os seus técnicos e asesores para resolver dúbidas, revisar os requirimentos recibidos do Finanzamt Neubrandenburg e estudar as posibles vías para regularizar a súa situación.

Teresa Barge Dapía anima a todas as persoas que recibisen comunicacións da Facenda alemá ou que estean a sufrir retencións nas súas pensións a que se poñan en contacto coa secretaría provincial de migracións antes de deixar pasar os prazos de resposta.

“Queremos que as persoas emigrantes retornadas saiban que non están soas ante este tipo de problemas administrativos e tributarios. Desde o PSdeG-PSOE de Ourense ofrecemos asesoramento e acompañamento para axudalas a defender os seus dereitos, evitar pagamentos que non lles correspondan e recuperar canto antes a totalidade das súas prestacións”, conclúe.