O PSDEG-PSOE DE BARBADÁS CONSEGUE O RESPALDO DO PLENO PARA REFORZAR A LOITA CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA E DIGNIFICAR AS CONDICIÓNS LABORAIS DAS ESCOLAS INFANTÍS
A moción do 25 N foi aprobada por unanimidade, mentres que a iniciativa para mellorar as condicións das profesionais da educación infantil saíu adiante co apoio de todos os grupos agás a abstención do concelleiro do Partido Galego
“Detrás de cada cifra hai unha vida rota, unha cadeira baleira nun fogar e uns fillos e fillas que medran sen a súa nai”, sinala Elisabet Gonzalez, incidindo en que a violencia machista “non pode abordarse como unha cuestión estatística, senón como unha realidade que interpela a toda a sociedade e, especialmente, ás administracións públicas”
“Non estamos a falar de simples garderías nin dun lugar onde aparcar os nenos e nenas. Estamos a falar dunha etapa educativa fundamental, na que se sentan as bases da aprendizaxe e do desenvolvemento das persoas”, defende Marga Pérez
Barbadás, 3 de novembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Barbadás conseguiu sacar adiante as dúas mocións presentadas polo grupo municipal socialista no pleno celebrado onte, centradas na defensa da igualdade e na loita contra a violencia machista, así como na dignificación das condicións laborais das profesionais das escolas infantís de 0 a 3 anos. Dúas iniciativas que recibiron un amplo respaldo da corporación e que trasladan reivindicacións fundamentais para avanzar na protección das mulleres, na calidade dos servizos públicos e no benestar da veciñanza.
A primeira das iniciativas, defendida pola concelleira socialista, Elisabet González Nistal, con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, foi aprobada por unanimidade. A moción reclama blindar os recursos municipais destinados á prevención, sensibilización e educación en igualdade, reforzando as partidas correspondentes nos orzamentos de 2027, ademais de impulsar unha campaña informativa permanente sobre os recursos dispoñibles para as vítimas e reclamar máis financiamento para os concellos a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Durante a súa intervención, González Nistal lembrou que no que vai de ano 44 mulleres foron asasinadas en España por violencia machista e advertiu de que máis do 70 % das vítimas non denunciaran previamente o seu agresor. “Detrás de cada cifra hai unha vida rota, unha cadeira baleira nun fogar e uns fillos e fillas que medran sen a súa nai”, sinalou, incidindo en que a violencia machista “non pode abordarse como unha cuestión estatística, senón como unha realidade que interpela a toda a sociedade e, especialmente, ás administracións públicas”.
A concelleira socialista subliñou que os concellos constitúen a primeira liña de atención ás vítimas e que, por iso, “deben contar con recursos suficientes para previr, detectar e atender todas as manifestacións da violencia machista, que van moito máis alá das agresións físicas e inclúen a violencia psicolóxica, económica, sexual, dixital e vicaria”.
Neste sentido, defendeu a necesidade de dar a coñecer os recursos de atención existentes, como os teléfonos 016, 900 400 273 e 112, mediante unha campaña institucional nos distintos soportes municipais, para que ningunha muller descoñeza onde pode acudir ou pedir axuda. “Gobernar significa protexer, e protexer significa poñer recursos públicos reais para que ningunha veciña se sinta soa nin desamparada”, afirmou.
González Nistal insistiu tamén en que o 25 de novembro non pode quedar reducido a unha xornada de declaracións institucionais ou actos simbólicos. “A loita contra a violencia machista ten que ser todos os días do ano, desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro”, concluíu.
Dignificar o traballo das profesionais das escolas infantís
A segunda moción, defendida pola concelleira, Marga Pérez Fernández, tamén saíu adiante co voto favorable de todos os grupos municipais, agás a abstención do concelleiro do Partido Galego. A iniciativa reclama melloras nas condicións laborais do persoal educativo das escolas infantís de 0 a 3 anos, a redución das ratios, a implantación da parella educativa, salarios xustos e un maior recoñecemento do carácter educativo desta etapa.
Pérez Fernández puxo o foco na precariedade que sofre un colectivo maioritariamente feminino que desempeña unha función esencial no desenvolvemento cognitivo, emocional e social dos nenos e nenas. “Non estamos a falar de simples garderías nin dun lugar onde aparcar os nenos e nenas. Estamos a falar dunha etapa educativa fundamental, na que se sentan as bases da aprendizaxe e do desenvolvemento das persoas”, defendeu.
A concelleira advertiu de que as actuais ratios, que poden chegar aos oito bebés por educadora, 14 nenos e nenas nas aulas de 1 a 2 anos e 20 no tramo de 2 a 3 anos, dificultan unha atención individualizada e xeran unha importante sobrecarga física e emocional para as profesionais. Por iso, reclamou avanzar cara a un modelo de parella educativa que permita atender adecuadamente as necesidades de cada menor, reforzar a detección temperá de posibles dificultades e garantir a seguridade e a calidade do servizo.
A moción tamén reclama melloras salariais, tempo recoñecido dentro da xornada laboral para preparar proxectos pedagóxicos, formación continua e atención ás familias, así como que as escolas infantís pasen a depender organicamente da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, recoñecendo plenamente a súa natureza educativa.
A iniciativa tamén aborda a situación da Escola Infantil Municipal da Valenzá, que atende preto dun cento de menores e conta con doce profesionais. Marga Pérez destacou a profesionalidade e o compromiso das traballadoras, pero advertiu das dificultades existentes para cubrir ausencias e baixas, unha situación que pode comprometer o cumprimento das ratios e sobrecargar as educadoras que permanecen nos centros.
“O máis preocupante é que, cando falta unha traballadora, os nenos e nenas teñen que repartirse entre outras aulas. Non podemos pretender ofrecer unha educación de calidade se non dotamos os centros dos recursos humanos necesarios”, sinalou. Neste sentido, a concelleira socialista defendeu que o concello “debe asumir tamén a súa responsabilidade e estudar a implantación progresiva da parella educativa na escola municipal, mellorando os mecanismos de substitución para que as ausencias poidan cubrirse desde o primeiro momento e evitando que as dificultades organizativas repercutan na atención aos menores”.
Desde o PSdeG-PSOE de Barbadás valoran positivamente o respaldo conseguido para as dúas iniciativas e destacan a importancia de que as propostas socialistas se convertan en acordos plenarios que permitan avanzar en políticas concretas. As socialistas subliñan que defender a igualdade, protexer as vítimas da violencia machista e dignificar o traballo das profesionais dos servizos educativos son compromisos que deben traducirse en recursos, planificación e actuacións efectivas, máis alá das declaracións institucionais.

