Denuncias POLÍTICA PROVINCIAL Sanidade

Denunciamos que o PP está deixando perder os servizos de atención materno-infantil no Hospital de Valdeorras

O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA QUE O PP ESTÁ DEIXANDO PERDER OS SERVIZOS DE ATENCIÓN MATERNO-INFANTIL E SAÚDE FEMININA NO HOSPITAL COMARCAL DE VALDEORRAS

Sherezade Núñez apoia as reivindicacións da asociación De Nai a Nai e acusa á Xunta de continuar co desmantelamento da sanidade pública, abandonando as mulleres e as familias da comarca

Considera especialmente “grave” a situación das consultas de matrona, xa que, segundo denuncia a asociación, unha única profesional estaría asumindo actualmente o traballo das dúas consultas existentes, a de Atención Primaria e a de Atención Especializada, ao non estar cuberta a primeira

“Isto non é unha casualidade, é o resultado dunha política sanitaria do PP que leva anos castigando o interior de Galicia e especialmente a comarca de Valdeorras, que padece coma ningunha os recortes e o desmantelamento”, subliña

Valdeorras, 6 de novembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia o progresivo deterioro dos servizos de atención materno-infantil e saúde feminina no Hospital Público de Valdeorras e reclama á Xunta de Galicia que poña fin aos recortes e garanta unha atención sanitaria digna, continuada e con persoal suficiente. A deputada provincial socialista e alcaldesa de Vilamartín de Valdeorras, Sherezade Núñez, trasladou o seu apoio ás reivindicacións da asociación De Nai a Nai, que vén de facer públicas as preocupacións das mulleres da comarca pola situación asistencial que están a padecer.

Núñez considera especialmente “grave” a situación das consultas de matrona, xa que, segundo denuncia a asociación, unha única profesional estaría asumindo actualmente o traballo das dúas consultas existentes, a de Atención Primaria e a de Atención Especializada, ao non estar cuberta a primeira. Unha situación que está a provocar un importante descontrol na organización das citas, dificultades de coordinación entre os dous niveis asistenciais e unha sobrecarga inasumible para a profesional que está intentando sacar adiante todo o servizo.

“Estamos ante unha situación absolutamente inadmisible. Non pode ser que unha soa matrona teña que asumir o traballo de dúas consultas, con funcións diferentes, e que ademais non exista unha coordinación clara entre Atención Primaria e Atención Especializada para organizar as citas. A profesional está facendo todo o que está na súa man, cunha presión e unha carga de traballo enormes, mentres a dirección de Atención Primaria parece cruzarse de brazos e asumir que non hai substitución e que as mulleres de Valdeorras teñen que resignarse”, afirma.

A deputada socialista considera que este caso evidencia a falta de planificación e de vontade da Xunta para garantir os servizos sanitarios na comarca. “O problema non é a profesional que está atendendo ás mulleres, senón unha administración que non pon os medios necesarios, que non cobre as ausencias e que permite que prestacións fundamentais queden desatendidas. Non se pode descargar sobre o persoal sanitario a responsabilidade de tapar os buracos que deixa a política de recortes do Partido Popular”, subliña.

Un desmantelamento que afecta a toda a atención materno-infantil

O PSdeG-PSOE de Ourense advirte de que a situación das consultas de matrona non é un problema illado, senón unha mostra máis do progresivo deterioro da atención materno-infantil en Valdeorras. A asociación De Nai a Nai alerta tamén da interrupción da educación maternal, que non se impartiu durante o verán, retomouse en outubro e volveu suspenderse; dos períodos nos que o paridoiro podería quedar sen cobertura de matrona cando esta ten que acompañar a unha embarazada nun traslado sanitario a Ourense; e doutras carencias que afectan directamente ás mulleres, aos bebés e ás súas familias.

A estas dificultades súmanse a falta de pediatras en distintos centros de saúde da comarca, a desaparición desde hai dous anos e medio da Comisión de Lactación Materna da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, e a avaría da única incubadora de transporte neonatal dispoñible no Hospital de Valdeorras en novembro de 2025. Sobre a incubadora, as e os socialistas sinalan que “semella que xa está en proceso de solucionarse, pero as carencias seguen sendo moitas”.

“Estamos deixando perder, pouco a pouco, todos os servizos que teñen que ver coa maternidade e coa saúde das mulleres en Valdeorras. Primeiro son as dificultades para cubrir unha consulta, despois interrompemos a educación maternal, logo aparecen problemas na cobertura obstétrica e seguimos acumulando carencias en recursos fundamentais para os bebés. Isto non é unha casualidade, é o resultado dunha política sanitaria do PP que leva anos castigando o interior de Galicia”, subliña Sherezade Núñez.

A alcaldesa de Vilamartín considera que vivir nunha comarca afastada dos grandes núcleos urbanos non pode converterse nunha penalización para as mulleres nin para as familias. “As mulleres de Valdeorras teñen exactamente os mesmos dereitos que as de Ourense ou calquera outra cidade galega. Non poden ter que desprazarse continuamente, quedar sen prestacións ou depender da boa vontade e do sobreesforzo das profesionais para recibir unha atención sanitaria que debería estar garantida”.

Apoio ás reivindicacións de De Nai a Nai e esixencia de solucións á Xunta

O PSdeG-PSOE expresa o seu apoio ás demandas da asociación De Nai a Nai e comparte a necesidade de que a Xunta adopte medidas urxentes para recuperar e garantir todas as prestacións. As e os socialistas reclaman a cobertura da consulta de matrona de Atención Primaria, unha coordinación efectiva entre os servizos de Atención Primaria e Especializada, a continuidade da educación maternal e garantías de cobertura obstétrica cando se produzan traslados sanitarios.

“Queremos agradecer o traballo de De Nai a Nai por dar voz a unha preocupación real das mulleres e das familias da comarca. É fundamental que estas reivindicacións se escoiten e que a Xunta deixe de mirar para outro lado. Desde o PSdeG-PSOE imos estar ao seu carón e esixir que se adopten solucións concretas, porque a atención á maternidade, á infancia e á saúde feminina non é un luxo nin un servizo secundario: é un dereito”, conclúe Núñez.

Os socialistas consideran que o Goberno galego debe abandonar dunha vez por todas a súa política de recortes e desmantelamento da sanidade pública, especialmente nas comarcas do interior, onde cada servizo que desaparece supón máis dificultades para a poboación e unha nova perda de igualdade de oportunidades. Valdeorras non pode seguir perdendo servizos sanitarios mentres o PP presume dunha sanidade pública que, na práctica, está deixando cada vez máis desprotexidas as mulleres e as familias da comarca.