O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA QUE RUEDA UTILICE O CASTELO DE MONTERREI COMO ESCENARIO DE PROPAGANDA POLÍTICA CON OBRAS AÍNDA SEN REMATAR
Eva Pérez Gamote critica que a Xunta presente como propio un patrimonio que pertence á cidadanía e organice un acto institucional de gran despregamento antes de concluír as actuacións.
Ourense, 6 de novembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia a utilización política que o Goberno de Alfonso Rueda está a facer do castelo de Monterrei, un monumento histórico que non pertence a ningún goberno nin a ningún partido político, senón que forma parte do patrimonio colectivo de todos os galegos e galegas.
A deputada provincial socialista Eva Pérez Gamote cuestiona que a Xunta pretenda presentar o castelo como un logro propio, organizando un acto institucional de gran despregamento cando, segundo a información trasladada aos socialistas, as obras aínda non estaban completamente rematadas.
“O castelo de Monterrei non é de Alfonso Rueda nin do Partido Popular. É da xente. Os gobernos están para conservar e protexer o patrimonio público, non para apropiarse politicamente del nin utilizalo como escenario de propaganda”, afirma Pérez Gamote.
A representante socialista considera especialmente cuestionable que se organizase unha presentación destas características mentres se continuaba traballando no recinto, mesmo ata altas horas da madrugada nos días previos ao acto. Por iso, reclama que a Xunta aclare o estado real de execución e recepción das obras. “Que présa había por facer esta presentación se as actuacións aínda non estaban rematadas? O importante debería ser entregar unha obra ben executada, non chegar a tempo para a fotografía do presidente”, sinala.
O PSdeG-PSOE tamén cuestiona o resultado dunha intervención de arredor de dezasete millóns de euros e considera necesario avaliar se as actuacións respectan a identidade histórica e arquitectónica do monumento.
Neste sentido, Pérez Gamote lembra que o financiamento procede dos fondos europeos Next Generation EU, canalizados a través do Plan de Recuperación impulsado polo Goberno de España e executados pola Xunta de Galicia.
“Queremos investimentos para Monterrei, cantos máis mellor, pero os cartos públicos deben empregarse con rigor e respecto polo noso patrimonio. Non se trata de quen se fai a fotografía, senón de que se fai cos recursos que son de todos”, subliña.
As e os socialistas reclaman tamén transparencia sobre o custo do acto institucional, incluído o cátering ofrecido durante a visita, así como sobre os gastos de organización e o seu financiamento.
Por último, Pérez Gamote lembra que a comarca segue agardando por actuacións estratéxicas como o polígono industrial de Tamagos, fundamentais para impulsar a actividade económica e crear emprego.
“O castelo de Monterrei leva séculos formando parte da nosa historia e seguirá aquí cando os gobernos cambien. O patrimonio non é propiedade de quen goberna, e a súa conservación non pode confundirse cun acto de promoción política”, conclúe a deputada provincial.

