Denuncias Eleccións Xerais 2026

Esixímoslle ao PP que condene os insultos de Ana Vázquez e unha rectificación pública

O PSDEG-PSOE DE OURENSE ESIXE AO PP QUE CONDENE OS INSULTOS DE ANA VÁZQUEZ Á PRESIDENTA DO CONGRESO E RECLÁMALLE UNHA RECTIFICACIÓN PÚBLICA

Para as e os socialistas, este episodio resulta especialmente grave nunha persoa que pretende representar á cidadanía ourensá na institución que encarna a soberanía popular e que debería ser exemplo de respecto, educación e responsabilidade democrática

Carmen Rodríguez Dacosta considera “absolutamente inadmisible” o comportamento da candidata popular e pregunta se o PP provincial vai seguir mirando para outro lado ante unhas actitudes que “avergonzan aos ourensáns e ás ourensás”

Ourense, 6 de novembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia o comportamento da candidata do Partido Popular ao Congreso dos Deputados pola provincia, Ana Belén Vázquez Blanco, que aparece nun vídeo difundido nas redes sociais insultando gravemente á presidenta da Cámara Baixa, Francina Armengol. Para as e os socialistas, este episodio resulta especialmente grave nunha persoa que pretende representar á cidadanía ourensá na institución que encarna a soberanía popular e que debería ser exemplo de respecto, educación e responsabilidade democrática.

A candidata socialista ao Congreso dos Deputados por Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, cualifica o comportamento de Ana Belén Vázquez de “absolutamente inadmisible” e considera que “unha deputada do Partido Popular, cunha longa traxectoria política e máis de vinte anos de experiencia, debería saber que chamar “gilipollas” á presidenta do Congreso non é unha forma aceptable de facer política”.

“Non estamos falando simplemente de estar de acordo ou non coa presidenta do Congreso. Estamos falando de respecto, de educación e, sobre todo, de responsabilidade institucional. Pódese discrepar, criticar e defender posicións políticas diferentes, pero nunca se pode confundir a discrepancia co insulto e a descalificación persoal”, sinala Rodríguez Dacosta.

A socialista considera especialmente preocupante que este comportamento non sexa un episodio illado e lembra que primeiro foi a polémica do spray de pementa e agora este insulto á presidenta do Congreso. “Estamos ante unha candidata que acumula episodios que nada teñen que ver coa política que merecen os ourensáns e as ourensás. Ourense non merece que a súa principal representante na candidatura do PP ao Congreso sexa noticia por este tipo de comportamentos”, afirma.

Rodríguez Dacosta dirixe tamén unha pregunta ao Partido Popular de Ourense e á súa dirección provincial: “Vai seguir mirando para outro lado? Vai permitir que a persoa que encabeza a súa candidatura ao Congreso protagonice este tipo de episodios sen asumir ningunha responsabilidade?”. Neste senso apunta que o PP de Ourense “ten que aclarar se comparte ou condena estas actitudes. Non abonda con gardar silencio nin con mirar cara a outro lado. Cando se encabeza unha candidatura pola provincia de Ourense, tamén se representa a súa xente e a súa dignidade”.

Por último, a candidata socialista reclama a Ana Vázquez que rectifique publicamente e ofreza explicacións polo seu comportamento, e esixe ao Partido Popular de Ourense que se pronuncie con claridade. “Ourense merece representantes á altura da súa cidadanía, persoas que saiban estar á altura das institucións e que entendan que a política debe exercerse desde o respecto democrático, non desde o insulto e a descualificación”, conclúe.