O grupo do PSdeG saca adiante dúas propostas para integrar Ourense no ecosistema de Destinos Turísticos Intelixentes e crear «Ourense en Inglés», un programa de inmersión lingüística con 200.000 euros e polo menos 50 prazas para 2027
En Ourense, a 6 de novembro de 2026. As edís do grupo socialista no Concello de Ourense conseguiron aprobar no pleno ordinario, que tivo lugar esta mañá, dúas iniciativas centradas en mellorar os servizos turísticos da cidade e ampliar as oportunidades educativas da mocidade. Por unha banda, a proposta para avanzar na integración de Ourense no ecosistema de Destinos Turísticos Intelixentes e aproveitar os recursos públicos xa existentes; pola outra, a creación de «Ourense en Inglés», un programa municipal de inmersión lingüística para alumnado de 3º da ESO.
No ámbito turístico, as socialistas defenderon a necesidade de dar un paso adiante na dixitalización da oferta da cidade, conectando os recursos existentes e facilitando que as persoas visitantes poidan acceder a información útil, actualizada e accesible. Ourense conta con importantes atractivos, desde o patrimonio termal e o casco histórico ata o río Miño, a gastronomía, a cultura, o Entroido e o comercio, aos que se suma a conexión ferroviaria de Alta Velocidade. Porén, consideran que non abonda con dispoñer destes recursos, senón que é necesario poñelos en valor e facilitar que quen chega saiba que pode facer, como desprazarse e como aproveitar a súa estadía.
A iniciativa aprobada, defendida pola candidata á Alcaldía Natalia González, aposta por integrar o Concello no proxecto provincial «Ourense Cerca DeTI», impulsado pola Deputación e financiado con fondos europeos NextGenerationEU, evitando duplicidades e aproveitando os investimentos e as ferramentas públicas xa dispoñibles. As socialistas tamén propoñen mellorar a información sobre as termas municipais, os seus horarios, servizos, accesibilidade e posibles incidencias, así como desenvolver dous percorridos turísticos, de 24 e 48 horas, que conecten a estación do AVE co centro histórico, As Burgas, o termalismo, a contorna do Miño e a oferta gastronómica e comercial.
A tamén portavoz do PSOE na Administración local defendeu que o obxectivo é «facer máis sinxelo visitar Ourense, facilitar o acceso á información e conseguir que os recursos turísticos municipais estean conectados, actualizados e sexan útiles tanto para quen nos visita como para o propio sector». Neste senso, lembrou a experiencia coñecida en Adeje, Tenerife, onde puido comprobar de primeira man como se está a desenvolver o modelo de Destino Turístico Intelixente e que elementos poden adaptarse á realidade ourensá.
A segunda das iniciativas aprobadas foi a creación de «Ourense en Inglés», un programa municipal que busca facilitar ao alumnado de 3º da ESO unha experiencia de inmersión lingüística de aproximadamente tres semanas nun país de fala inglesa, convivindo cunha familia de acollida e asistindo a un centro educativo. As socialistas consideran que aprender idiomas, coñecer outras culturas e acceder a experiencias educativas internacionais non pode depender exclusivamente da capacidade económica das familias.
A proposta, defendida neste caso pola edil Cristina Cruz, contempla unha dotación inicial de 200.000 euros nos orzamentos de 2027, cun mínimo de 50 prazas e o obxectivo de achegarse ás 60. Ademais, incorpora un sistema progresivo de achegas das familias en función da súa renda, para garantir que ningún estudante quede fóra por motivos económicos. «O obxectivo é que a situación económica dunha familia non determine se unha moza ou un mozo pode ou non acceder a unha experiencia educativa internacional», defendeu a concelleira socialista.
As dúas mocións forman parte da aposta do grupo municipal do PSdeG por impulsar políticas públicas con medidas concretas, recursos e obxectivos definidos, que permitan aproveitar o potencial de Ourense e mellorar as oportunidades da súa cidadanía.

