O PSDEG-PSOE DE LEIRO CUALIFICA DE “ESCÁNDALO E FALTA DE RESPECTO” O RETIRO DE RUEDA EN SAN CLODIO MENTRES O SPA DO VIÑO SEGUE PECHADO TRAS CUSTAR MILLÓNS DE EUROS
Os concelleiros socialistas Pedro José González e Manuel Rodríguez denuncian que a Xunta “converte Leiro nun escaparate propagandístico mentres mantén sen uso infraestruturas turísticas nas que se investiron importantes recursos públicos”
Esixen a apertura “inmediata” do Spa do Viño e un plan de retorno social e económico que permita que o patrimonio de San Clodio xere emprego e oportunidades para a veciñanza.
Leiro, 7 de novembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Leiro considera unha auténtica “falta de respecto á veciñanza»” que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o seu executivo escollan o Mosteiro de San Clodio para celebrar o seu retiro de traballo desta fin de semana, namentres continúan sen resolver os problemas de funcionamento e aproveitamento das infraestruturas turísticas do municipio. As e os socialistas denuncian a contradición de utilizar Leiro como escenario para a propaganda institucional mentres instalacións financiadas con cartos públicos, como o Spa do Viño, permanecen pechadas e sen prestar servizo.
Os concelleiros socialistas, Pedro José González e Manuel Rodríguez, consideran “especialmente grave” que o goberno galego se reúna e se faga a fotografía institucional nun complexo que non está ofrecendo á veciñanza o retorno económico e social que se prometeu cando se realizaron os investimentos públicos.
“É un escándalo que Rueda veña a San Clodio a presumir de xestión mentres ten a poucos metros unha instalación na que se investiu máis dun millón de euros e que continúa co candado posto”, sinalan os edís socialistas. Neste senso tamén apuntan que “Leiro non necesita máis fotografías nin discursos, necesita que os investimentos públicos se traduzan en servizos, actividade económica e emprego”.
Un patrimonio público sen retorno para Leiro
Desde o PSdeG-PSOE advirten de que o problema vai máis alá do peche do Spa do Viño. Denuncian que o mosteiro de San Clodio funciona fundamentalmente como espazo para eventos privados e celebracións, sen que exista unha estratexia que garanta un aproveitamento continuado das súas posibilidades turísticas e económicas en beneficio do conxunto do municipio.
“Non pode ser que se destinen millóns de euros de recursos públicos a proxectos que despois quedan infrautilizados ou directamente pechados. O que queremos saber é que beneficio está a obter Leiro de todo isto, cantos postos de traballo se están creando e que oportunidades teñen os negocios e a veciñanza da contorna”, apuntan Pedro José González e Manuel Rodríguez.
As e os socialistas lembran que Leiro e a comarca do Ribeiro necesitan iniciativas que contribúan a fixar poboación, xerar emprego e dinamizar a economía local, especialmente para ofrecer oportunidades á mocidade e evitar que teña que marchar a outros lugares para desenvolver o seu proxecto de vida.
Esixen compromisos e non máis propaganda
Ante esta situación, o grupo municipal socialista reclama á Xunta de Galicia e ao Concello de Leiro que abandonen a política de anuncios e fotografías e adopten medidas concretas para recuperar o aproveitamento público e económico destas instalacións.
En concreto, esixen a apertura inmediata e posta en funcionamento do Spa do Viño, garantindo a súa viabilidade e o seu uso público. Un plan de retorno social e económico para o Mosteiro de San Clodio e a súa contorna, que permita crear emprego local estable e manter unha dinamización turística durante todo o ano. O abandono da política de cartón pedra, priorizando a xestión, o mantemento e o aproveitamento das infraestruturas públicas fronte á propaganda institucional.
“Leiro non precisa de retiradas VIP de fin de semana nin de gobernantes que veñen facerse a foto e marchan sen deixar solucións. Precisa compromisos firmes, recursos e respecto pola súa veciñanza. O patrimonio e os investimentos públicos teñen que estar ao servizo da cidadanía e non converterse nun decorado para os actos do Goberno galego”, conclúen os concelleiros socialistas.

