O PSDEG-PSOE DE OURENSE DESTACA A RECUPERACIÓN DOS FONDOS ESTATAIS PARA A PRAZA DE ABASTOS E APOSTA POR SEGUIR CAPTANDO NOVOS INVESTIMENTOS
As candidatas socialistas ao Congreso e ao Senado salientan que o Goberno de España resolve favorablemente o expediente e permitirá que Ourense recupere 1,1 millóns de euros, fronte ás acusacións que lanzou Jácome contra o Executivo central
Ourense, 13 de novembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da súa candidatura ao Congreso e ao Senado, valora “moi positivamente” a resolución do Ministerio de Vivenda que permitirá ao Concello de Ourense recuperar os 1,1 millóns de euros da subvención estatal destinada á reforma e rehabilitación da Praza de Abastos número 1.
As e os socialistas destacan a importancia desta decisión para a cidade e poñen en valor o compromiso do Goberno de España coa recuperación dun espazo fundamental para o comercio local, a actividade económica e a vida social de Ourense.
A candidata do PSdeG-PSOE de Ourense ao Congreso dos Deputados, Carmen Rodríguez Dacosta, salienta que “esta resolución é unha boa noticia para Ourense e demostra a importancia de contar cun Goberno de España que atende os intereses da cidadanía e resolve os problemas desde a responsabilidade institucional. Estamos falando de 1,1 millóns de euros que volverán ás arcas municipais e que deben contribuír a recuperar un espazo emblemático para a cidade”.
A candidata socialista lembra que este asunto foi utilizado politicamente polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, que chegou a falar dunha suposta “man negra do PSOE” para responsabilizar ao Goberno central dos problemas coa subvención. “Agora queda claro que non había ningunha man negra, senón un procedemento administrativo e xudicial que se resolve conforme á legalidade. Fronte ás acusacións e ao ruído, o Goberno de España ofrece respostas e solucións”, apunta.
Pola súa banda, a candidata do PSdeG-PSOE de Ourense ao Senado, María Fernández Ojea, considera que esta recuperación económica debe ser un punto de partida para seguir avanzando e conseguir novos recursos que permitan completar a transformación da Praza de Abastos. “Non chega con recuperar os fondos. Temos que mirar cara adiante e traballar para captar novos investimentos estatais que fagan posible a apertura definitiva da Praza, o acondicionamento do Rianxo e a mellora das instalacións e dos postos comerciais”, afirma.
Fernández Ojea comprométese a defender novas iniciativas e propostas desde as institucións estatais para que Ourense poida aproveitar todas as oportunidades de financiamento dispoñibles. “A Praza de Abastos merece recuperar todo o seu protagonismo. Necesitamos un espazo vivo, aberto, moderno e con actividade, que dea oportunidades aos comerciantes, dinamice o comercio de proximidade e sexa un atractivo para a veciñanza e para quen nos visita”.
As candidatas socialistas subliñan que o compromiso do PSdeG-PSOE pasa por defender os intereses de Ourense, reclamar os recursos que lle corresponden e seguir traballando para que os investimentos do Goberno de España se traduzan en melloras reais para a provincia. “Ourense necesita máis colaboración institucional, máis proxectos e máis investimentos. Ese é o camiño que imos defender desde o PSOE: conseguir recursos, impulsar actuacións e ofrecer solucións para mellorar a vida da xente”, conclúen.

