Eleccións Xerais 2026 Executiva Provincial de Ourense POLÍTICA PROVINCIAL

Iniciamos a campaña apelando á mobilización para garantir un Goberno progresista

O PSDEG-PSOE DE OURENSE INICIA A CAMPAÑA ELECTORAL APELANDO Á MOBILIZACIÓN PARA GARANTIR UN GOBERNO PROGRESISTA E CONSEGUIR O SEGUNDO DEPUTADO

As e os  socialistas lembran que están a apenas 2.000 votos de lograr un segundo escano pola provincia e advirten de que o único voto que garante a continuidade dun Goberno de progreso é o voto ao PSOE

“Non hai tempo para dispersar o voto nin para experimentos. Se queremos un Goberno progresista, se queremos defender os dereitos conquistados e se queremos máis forza para Ourense, a papeleta é a do PSOE”, sinalan

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, lembrou que estas eleccións van de decidir “quen gaña e quen perde dereitos, quen avanza e quen quere facernos retroceder”

Ourense, 12 de novembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense iniciou esta pasada medianoite a campaña electoral para as eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro cun chamamento á mobilización da cidadanía e á concentración do voto progresista arredor da candidatura socialista. As e os socialistas fixeron un chamamento aos ourensáns e ourensás para que dentro de dezaseis días aposten polo PSOE como única garantía de continuidade dun Goberno progresista en España, fronte á alternativa de retrocesos sociais e recortes que representan o Partido Popular e Vox.

Desde o PSdeG-PSOE provincial subliñaron que o único voto na provincia que permite seguir contando cun Goberno progresista “é o voto ao PSOE”. Neste sentido, advertiron de que, polas características do reparto de escanos na provincia de Ourense, calquera voto a outras formacións da esquerda que non se traduza nun deputado supón, na práctica, un voto perdido que acaba favorecendo os intereses electorais do PP e de Vox. “Non podemos permitirnos dispersar o voto progresista. Cada papeleta conta e cada voto que non vai ao PSOE pode acabar facilitando que a dereita e a ultradereita teñan máis representación”, sinalaron.

As e os socialistas puxeron o foco nun dato que consideran determinante para esta campaña. O PSOE está a apenas 2.000 votos de conseguir o segundo deputado pola provincia de Ourense. Un obxectivo perfectamente alcanzable coa mobilización do electorado progresista e que pode resultar clave para determinar a maioría parlamentaria e permitir que España siga avanzando cun Goberno comprometido cos dereitos sociais, os servizos públicos e a igualdade de oportunidades.

“Estamos a 2.000 votos dun segundo deputado que pode ser decisivo. Non estamos falando dunha cifra inalcanzable, senón dunha oportunidade real que depende da mobilización de miles de ourensáns e ourensás. Cada voto ao PSOE conta para que Ourense teña máis voz e para que España siga tendo un Goberno de progreso”, destacaron.

Besteiro chama a mobilizarse para que gañe a xente e advirte de que cada voto conta

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, apelou tamén ao entusiasmo, á ilusión e á mobilización de toda a militancia e do electorado progresista para afrontar unha campaña que cualificou de apaixonante e na que as e os socialistas teñen “moitas razóns para saír á rúa coa cabeza alta, con orgullo polo conseguido e, sobre todo, con ilusión por todo o que aínda podemos conquistar”.

Besteiro subliñou que o obxectivo é “gañar para que gañe a xente”, os traballadores e traballadoras, os pensionistas, as mulleres e a mocidade que quere construír o seu futuro aquí. Neste sentido, lembrou que estas eleccións van de decidir “quen gaña e quen perde dereitos, quen avanza e quen quere facernos retroceder”.

O líder dos socialistas galegos puxo o foco nas necesidades reais da cidadanía, como poder vivir dignamente do seu traballo, acceder a unha vivenda e contar cuns servizos públicos que funcionen. “Non abonda con que a economía vaia ben. Ten que irlle ben á xente», afirmou, defendendo que o progreso debe notarse «nas nóminas, nas pensións, nos alugueiros e na vida das familias”.

Fronte a iso, advertiu dos riscos que suporía un Goberno do PP e Vox, aos que acusou de querer recortar dereitos laborais, cuestionar os dereitos das mulleres, atacar a diversidade e facer negocio cos servizos públicos. “Os dereitos conquístanse, deféndense e amplíanse, pero tamén se poden perde”», lembrou, advertindo de que “non imos permitir que convertan os dereitos de todos nos privilexios duns poucos”.

Besteiro incidiu especialmente na importancia de concentrar o voto progresista para impedir que a dereita e a ultradereita teñan máis representación. “Sabemos que hai unha maneira de frear a Feijóo e Abascal. Unha maneira que nunca falla cando a esquerda se mobiliza, encher as urnas de votos socialistas”, proclamou.

Neste contexto, referiuse expresamente á oportunidade electoral que se abre en Ourense e chamou a non desperdiciar ningún voto. “Cada voto conta. Cada escano conta. E cada voto que non se transforma nun escano pode acabar abríndolles a porta a Feijóo e Abascal», sinalou, resumindo a importancia destas eleccións nunha mensaxe clara: «O que separa avanzar de retroceder é o voto”.

O secretario xeral do PSdeG animou así a toda a organización socialista a saír ás rúas, prazas, barrios e vilas para convencer, escoitar e sumar apoios, especialmente entre as persoas que dubidan ou están desencantadas. “Temos razóns, temos propostas, temos un proxecto e temos a forza da nosa xente”, asegurou, chamando a afrontar a campaña «con alegría, con ilusión, con responsabilidade e con toda a forza».

Dúas formas de entender o futuro do país

O PSdeG-PSOE de Ourense incidiu tamén en que estas eleccións representan unha elección entre dous modelos de país. “O dos dereitos, os avances sociais e a mellora das condicións de vida da maioría social, fronte ao dos recortes, a precariedade e os retrocesos que representan PP e Vox”.

As e os socialistas lembraron que nos últimos anos o Goberno de Pedro Sánchez impulsou avances fundamentais para a cidadanía, como a reforma laboral, as sucesivas subidas do salario mínimo interprofesional, a actualización das pensións, as medidas para facilitar o acceso á vivenda e a protección das persoas traballadoras. Medidas ás que PP e Vox se opuxeron reiteradamente no Congreso.

Por todo iso, o PSdeG-PSOE de Ourense apelou á responsabilidade e á mobilización de todo o electorado progresista da provincia. As e os socialistas insistiron en que o 29 de novembro “non se pode fallar e que a mellor maneira de defender os avances conseguidos, evitar un Goberno condicionado pola dereita e a ultradereita e conseguir que Ourense teña un segundo representante socialista no Congreso é concentrar o voto no PSOE”.

“O 29 de novembro decidimos se seguimos avanzando en dereitos ou se abrimos a porta aos recortes. En Ourense temos unha oportunidade histórica: estamos a 2.000 votos do segundo deputado. Non hai tempo para dispersar o voto nin para experimentos. Se queremos un Goberno progresista, se queremos defender os dereitos conquistados e se queremos máis forza para Ourense, a papeleta é a do PSOE”, concluíron.