Eleccións Xerais 2026 GOBERNO ESTATAL

Reivindicamos o avance do emprego e a subida dos salarios

O PSDEG-PSOE DE OURENSE REIVINDICA O AVANCE DO EMPREGO E A SUBIDA DOS SALARIOS COMO SINAIS DA POLÍTICA ÚTIL DO GOBERNO DE PEDRO SÁNCHEZ

As e os representantes da candidatura socialista destacan que a provincia supera as 111.500 afiliacións á Seguridade Social, un 8 % máis que en 2018, e que o paro rexistrado se reduciu case un 30 %

Carmen Rodríguez Dacosta e María Fernández Ojea poñen en valor que máis de 13.500 persoas traballadoras ourensás se benefician directamente da subida do SMI, que alcanza os 1.221 euros mensuais en 14 pagas, fronte aos 735,90 euros de 2018

“Temos moitas razóns para defender o que conseguimos e, sobre todo, para seguir avanzando. Detrás de cada afiliación hai unha persoa, detrás de cada contrato estable hai unha familia e detrás de cada subida salarial hai máis dignidade e máis futuro. Queremos que Ourense siga formando parte dese avance”, afirman

Ourense, 14 de novembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense continúa ca campaña das eleccións xerais reivindicando os avances experimentados polo mercado laboral nos últimos anos e defendendo as políticas impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez para crear emprego, mellorar os salarios e garantir máis dereitos ás persoas traballadoras. As e os socialistas consideran que os datos demostran que existe outra maneira de gobernar, cun modelo que non se limita a crear emprego, senón que busca que ese emprego sexa estable, con dereitos e con remuneracións dignas.

Desde a formación provincial poñen especialmente o foco na realidade ourensá, onde os indicadores reflicten unha evolución positiva desde 2018. A provincia superou as 111.500 afiliacións á Seguridade Social en setembro de 2026, arredor dun 8 % máis que no mesmo mes de 2018. Un crecemento que tamén chega á mocidade, onde as afiliacións das persoas menores de 25 anos aumentaron máis dun 30 % desde 2018 e xa representan case o 5 % do total de persoas traballadoras. Ademais, o 68 % das novas afiliacións corresponden a mulleres, un dato que evidencia o importante papel feminino na evolución do emprego provincial.

A evolución tamén se aprecia nas cifras do desemprego. O paro rexistrado situouse en agosto de 2026 arredor das 13.600 persoas, case un 30 % menos que en 2018. Ao mesmo tempo, o 71 % das persoas afiliadas á Seguridade Social teñen un contrato indefinido, un indicador da transformación que experimentou o mercado laboral coa reforma impulsada polo Goberno de España e do avance cara a unhas relacións laborais máis estables.

A candidata socialista ao Congreso, Carmen Rodríguez Dacosta, destaca que “os datos falan por si sos, hoxe hai máis persoas traballando en Ourense, máis oportunidades para a mocidade e máis mulleres incorporadas ao mercado laboral. Pero, sobre todo, estamos falando dun cambio no modelo de emprego, porque xa non abonda con contabilizar contratos: queremos empregos estables, con dereitos e que permitan desenvolver un proxecto de vida”.

Rodríguez Dacosta considera que estes resultados demostran a importancia de contar cun Goberno que aposta polas persoas traballadoras e non pola precariedade. “A reforma laboral demostrou que se pode crear emprego e, ao mesmo tempo, reducir a temporalidade inxustificada. Hoxe, sete de cada dez persoas afiliadas en Ourense teñen un contrato indefinido. Fronte a quen dicía que mellorar os dereitos laborais ía destruír emprego, temos máis afiliacións, menos paro e máis estabilidade. Esa é a diferenza entre gobernar para uns poucos e gobernar para a maioría social”, afirma.

A responsable socialista tamén pon o acento nas oportunidades para a mocidade ourensá, lembrando que a estabilidade laboral é fundamental para poder emanciparse, acceder a unha vivenda e construír un proxecto de futuro na provincia. “Ourense necesita aproveitar esta mellora do emprego para reforzar a súa base produtiva, atendendo as necesidades da industria, o comercio, o turismo, a agricultura e os servizos. Queremos que a xente nova poida quedar aquí porque ten oportunidades para traballar e vivir dignamente”, engade.

A subida do SMI beneficia directamente a máis de 13.500 persoas traballadoras en Ourense

Outro dos grandes eixos que os socialistas queren situar no centro do debate electoral é a subida do Salario Mínimo Interprofesional. En 2026, o SMI alcanza os 1.221 euros mensuais en 14 pagas, 17.094 euros anuais, fronte aos 735,90 euros de 2018. Isto supón un incremento do 65,9 %, unha das medidas máis importantes para mellorar os ingresos das persoas con salarios máis baixos.

O impacto desta decisión é especialmente significativo na provincia de Ourense. As estimacións recollidas pola formación sitúan en arredor de 13.500 as persoas traballadoras a xornada completa que se benefician directamente da última subida. Ademais, Ourense figura entre as provincias con maior exposición a esta medida, xa que arredor do 13 % das persoas asalariadas a xornada completa teñen uns ingresos que dependen directamente do SMI.

Unha realidade que se explica tamén pola estrutura económica provincial, cun peso importante das pequenas empresas e dos sectores de servizos e actividades nos que se concentran salarios máis modestos, como parte do comercio, a hostalaría, os coidados e determinadas actividades agrarias.

O incremento do salario mínimo supón así unha mellora directa da referencia retributiva para milleiros de persoas, especialmente para os colectivos máis vulnerables, contribuíndo a afrontar o aumento do custo da vida e os gastos básicos. Ademais, segundo recolle o argumentario socialista, as últimas medidas normativas permiten que esta contía quede exenta de tributar no IRPF.

Pola súa banda, a candidata do PSdeG-PSOE de Ourense ao Senado, María Fernández Ojea, incide en que “subir o salario mínimo non é unha cuestión de números, é unha cuestión de xustiza social. Estamos falando de máis de 13.500 persoas traballadoras en Ourense que se benefician directamente desta medida e que teñen máis ingresos para facer fronte á vivenda, á cesta da compra, aos recibos e aos gastos do día a día”.

A representante socialista lembra que o impacto do SMI ten unha especial relevancia nunha provincia como Ourense, que historicamente conta cunha das medias salariais máis baixas do país. “Cando falamos de subir o salario mínimo estamos falando de dignificar o traballo de persoas que sosteñen sectores fundamentais da nosa economía, desde o comercio e a hostalaría ata os coidados e as actividades agrarias. Traballar ten que ser unha garantía para vivir mellor, non unha condena a seguir tendo dificultades para chegar a fin de mes”, sinala.

Fernández Ojea tamén defende que a política salarial debe ir acompañada de emprego estable e de melloras na produtividade, para garantir que o incremento dos ingresos se traduza en oportunidades laborais sostibles. “Non abonda con crear emprego se os salarios non permiten vivir. Queremos unha economía que reparta mellor a riqueza e na que o esforzo das persoas traballadoras se vexa recompensado”, engade.

Máis emprego e mellores salarios para facer fronte ao custo da vida

As e os socialistas consideran que a mellora do emprego debe ir acompañada dunha política económica que protexa o poder adquisitivo das familias. Neste sentido, destacan que o salario mínimo aumentou un 65,9 % desde 2018, fronte a unha subida real do 7,5 % no período 2011-2018, segundo os datos recollidos no argumentario.

Tamén poñen en valor que entre 2018 e 2024 o salario medio real aumentou un 2,8 % e que a renda real dos fogares medrou arredor dun 3 %. No ámbito do emprego, o incremento de persoas ocupadas no período supera os 3,5 millóns, fronte aos 1,1 millóns do período anterior.

A evolución da renda real por deciles tamén permite observar unha mellora especialmente significativa nos fogares con menores ingresos. Entre 2018 e 2024, a renda real do primeiro decil aumentou un 24 %, fronte á caída do 3,2 % rexistrada entre 2011 e 2018. No segundo decil, a mellora foi do 18,6 %, fronte ao descenso do 1,9 % do período anterior. Unha evolución que os socialistas consideran importante para avanzar cara a unha distribución máis equilibrada da riqueza.

A formación defende igualmente que reducir o custo da vida é unha parte fundamental das políticas de emprego e benestar, polo que reivindica medidas como as rebaixas fiscais temporais na electricidade, os alimentos e os carburantes, a excepción ibérica para conter o prezo da electricidade e os apoios ao transporte público.

“Non chega con crear riqueza: hai que repartila mellor. Queremos salarios que permitan afrontar o custo da vivenda, da cesta da compra e da mobilidade. Porque o progreso económico só ten sentido se chega aos fogares e mellora as condicións de vida da maioría social”, apuntan as e os candidatos socialistas.

Desde o PSdeG-PSOE de Ourense conclúen que a campaña das eleccións xerais debe servir para confrontar dous modelos: o das políticas que avanzan en dereitos, emprego e salarios fronte ao das políticas que precarizan e deixan atrás a maioría social.

“Temos moitas razóns para defender o que conseguimos e, sobre todo, para seguir avanzando. Detrás de cada afiliación hai unha persoa, detrás de cada contrato estable hai unha familia e detrás de cada subida salarial hai máis dignidade e máis futuro. Queremos que Ourense siga formando parte dese avance”, rematan.

Repartos en Amoeiro e Xinzo de Limia