O PSDEG-PSOE DE OURENSE TRASLADA A SÚA SOLIDARIEDADE Á VECIÑANZA DE VILAMARTÍN DE VALDEORRAS AFECTADA POLOS EFECTOS DAS FORTES CHOIVAS
As e os socialistas expresan a súa preocupación pola situación das persoas residentes en San Vicente de Leira, algunhas das cales permanecen illadas, e trasladan o seu apoio ao Concello e aos servizos de emerxencia
Ourense, 15 de novembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense quere trasladar toda a súa solidariedade e apoio á veciñanza de Vilamartín de Valdeorras ante a complicada situación que está vivindo este municipio como consecuencia das fortes choivas rexistradas durante a xornada de hoxe.
As incidencias están afectando especialmente ás localidades de Vilamartín, San Vicente de Leira, O Mazo e San Miguel de Outeiro, sendo especialmente preocupante a situación de San Vicente de Leira, onde varias persoas permanecen illadas polas dificultades de acceso derivadas dos danos ocasionados na rede viaria.
Desde o PSdeG-PSOE de Ourense queremos recoñecer e poñer en valor o traballo que está desenvolvendo o concello de Vilamartín de Valdeorras, xunto cos servizos de emerxencia, para atender as incidencias e garantir a seguridade da poboación. Neste sentido, estase traballando na habilitación dunha vía forestal que permita o acceso de vehículos todoterreo e de emerxencia a San Vicente de Leira, evitando que a veciñanza quede incomunicada mentres non se poida ofrecer unha solución definitiva aos problemas rexistrados na estrada.
As e os socialistas trasladan tamén o seu apoio e agradecemento a todas as persoas que están traballando sobre o terreo nestas circunstancias, así como á veciñanza afectada, que está soportando as consecuencias dun episodio meteorolóxico especialmente adverso.
O PSdeG-PSOE de Ourense considera prioritario que se mobilicen todos os medios necesarios para garantir a seguridade das persoas, manter as comunicacións e atender as necesidades da poboación afectada. Así mesmo, reclama que se traballe con carácter urxente para recuperar as condicións de acceso e comunicación das localidades afectadas.
Nestes momentos difíciles, a prioridade absoluta debe ser estar ao lado das persoas, garantir que ninguén quede desatendido e ofrecer respostas rápidas e eficaces. A veciñanza de Vilamartín de Valdeorras pode contar coa solidariedade e o apoio do PSdeG-PSOE de Ourense.

