concellos Eleccións Xerais 2026 GOBERNO ESTATAL

Cun Goberno socialista Valdeorras e o Barco transfórmanse

O PSDEG-PSOE DE OURENSE PON EN VALOR OS MÁIS DE 4,36 MILLÓNS DE EUROS DO GOBERNO DE ESPAÑA PARA IMPULSAR A TRANSFORMACIÓN URBANA DE VALDEORRAS

Besteiro visita, xunto á candidatura socialista, aos compañeiros e compañeiras do Barco e ao alcalde, Aurentino Alonso, as actuacións da Praza Maior, que forman parte dun plan de 7,27 millóns de euros financiado con fondos europeos

A segunda fase das obras da contorna do Malecón e da Praza Maior acaba de saír a licitación por 310.000 euros e permitirá continuar coa recuperación e mellora dun dos espazos máis emblemáticos da vila

Ourense, 6 de novembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense pon en valor o compromiso do Goberno de España co desenvolvemento urbano de Valdeorras, cunha achega de máis de 4,36 millóns de euros procedentes dos fondos europeos FEDER para impulsar actuacións nos nove concellos da comarca. Un investimento que se traduce en proxectos concretos para mellorar os espazos públicos, favorecer a accesibilidade e incrementar a calidade de vida da veciñanza.

Neste contexto, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, visitou as actuacións da Praza Maior do Barco de Valdeorras xunto á candidatura socialista ás eleccións xerais, aos compañeiros e compañeiras do PSdeG-PSOE do Barco e ao alcalde da localidade, Aurentino Alonso. Unha visita para coñecer de primeira man a transformación que está a experimentar este espazo emblemático da vila grazas á mobilización de recursos europeos impulsada polo Executivo de Pedro Sánchez.

As e os socialistas destacan que a intervención no Malecón e na Praza Maior é un exemplo de como os fondos europeos, grazas ao impulso do Goberno de España, chegan aos municipios e se converten en investimentos útiles e visibles para a cidadanía. A primeira fase das obras xa está iniciada e a segunda acaba de saír a licitación por un importe de 310.000 euros, centrada na rúa Real e no Camiño Real.

As e os candidatos socialistas ás eleccións xerais apuntan que “o Goberno de España está a demostrar que os fondos europeos non son cifras sobre o papel, senón recursos que se transforman en obras, servizos e oportunidades para os nosos concellos. No Barco podemos comprobar como ese compromiso se traduce na recuperación de espazos públicos fundamentais para a vida da veciñanza”.

Neste sentido, subliñan que “fronte a quen entende a política como unha sucesión de anuncios, o PSOE defende unha política útil, que mobiliza investimentos, coopera coas administracións locais e ofrece respostas ás necesidades reais dos municipios. Valdeorras e os seus nove concellos están a beneficiarse desta aposta”.

Máis de 4,3 millóns de euros para os nove concellos de Valdeorras

O investimento en Valdeorras enmárcase na Estratexia de Desenvolvemento Integral Local (EDIL), impulsada polo Ministerio de Facenda e financiada con fondos europeos FEDER. A Área Urbana Funcional de Valdeorras conta cun investimento total de 7.275.253 euros, dos que o Goberno de España achega 4.365.152 euros, aproximadamente o 60% do financiamento.

O 40% restante complétase coas achegas da Deputación de Ourense e dos concellos beneficiarios, que asumen cada unha o 20%. O plan abrangue os nove municipios da comarca e permite desenvolver actuacións conxuntas que, pola súa complexidade técnica e administrativa, resultarían máis difíciles de impulsar individualmente para os concellos de menor tamaño.

A Deputación de Ourense encárgase da presentación e tramitación do plan, mentres que os proxectos que o integran foron elaborados polos propios concellos participantes na Área Urbana Funcional.

Desde o PSdeG-PSOE destacan tamén a dimensión provincial desta iniciativa, xa que Ourense conta con catro plans EDIL seleccionados, cunha asignación conxunta superior aos 21,8 millóns de euros. Unha aposta que permite mobilizar recursos europeos para impulsar a transformación urbana tanto na cidade como nas áreas funcionais de Barbadás, Verín e Valdeorras.

A Praza Maior e o Malecón, unha transformación para gañar calidade de vida

No caso do Barco, a actuación contempla a mellora do espazo público do Malecón e a reforma da Praza Maior, a súa fonte, Porto da Barca e o Camiño Real. A segunda fase, cun orzamento de licitación de 310.000 euros, dará continuidade aos traballos xa iniciados e centrarase na rúa Real e no Camiño Real.

Entre as intervencións previstas figuran a creación dunha nova zona de descanso con mesas, bancos e árbores, a mellora dos accesos ás vivendas da Praza Maior e a renovación do pavimento do Camiño Real, incluíndo o reforzo estrutural dos encontros co muro do río e a reparación das zonas afundidas.

O proxecto incorpora tamén a renovación das redes de saneamento, a creación dunha rede soterrada para a recollida de augas pluviais e o soterramento da rede de alumeado público, ademais de melloras na iluminación e nos accesos aos distintos espazos da contorna do río.

Así mesmo, actuarase no miradoiro do Trampolín para eliminar as barreiras existentes e garantir unha conexión continua entre o Camiño Real e o Paseo do Malecón. Tamén se acondicionará un novo espazo de contemplación do río mediante unha plataforma de acceso e un banco corrido.

As e os socialistas consideran que esta intervención vai moito máis alá dunha renovación estética, xa que permitirá recuperar espazos de encontro, mellorar a mobilidade peonil e a accesibilidade e facer máis atractiva unha das zonas máis representativas do Barco.

“Investir nos espazos públicos é investir nas persoas, na convivencia e no futuro dos nosos municipios. O que estamos a ver no Barco é o resultado dunha política que aposta pola cooperación institucional e que consegue que os recursos europeos cheguen tamén ás vilas e ás comarcas do interior”, conclúen desde a candidatura socialista.