AGRO Eleccións Xerais 2026 rural

Fronte as promesas baleiras do PP, o PSOE cumpre coa Limia con 35 millóns de euros para o regadío

O PSDEG-PSOE DE OURENSE REIVINDICA QUE FRONTE ÁS PROMESAS BALEIRAS DO PP, PEDRO SÁNCHEZ CUMPRE COA LIMIA E PON SOBRE A MESA OS 35 MILLÓNS DE EUROS PARA TRANSFORMAR OS SEUS REGADÍOS

A candidatura socialista destaca que o Goberno impulsou investimentos sen precedentes para modernizar as 42 captacións de auga da comarca, mellorar as infraestruturas agrarias e garantir o futuro dos agricultores e regantes ourensáns

Carmen R. Dacosta subliña que «o Partido Socialista demostra con feitos que Ourense é unha prioridade. Estamos ante un investimento histórico, que responde ás necesidades dos agricultores e regantes da Limia”

María Fernández Ojea destaca que «estes investimentos demostran que hai outra maneira de gobernar, apostando polo rural, escoitando aos agricultores e dando resposta ás súas demandas con recursos e actuacións concretas

Xinzo de Limia, 17 de novembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense reivindica o compromiso e os feitos do Goberno de Pedro Sánchez coa provincia e, especialmente, co sector agrario da Limia, fronte á falta de investimentos e á política de promesas do Partido Popular. As e os socialistas poñen en valor os 35 millóns de euros que o Executivo central mobiliza para impulsar a modernización dos regadíos da comarca, unha actuación de enorme importancia estratéxica que supón un investimento sen precedentes para mellorar as infraestruturas agrarias e reforzar a capacidade produtiva dunha das principais zonas agrícolas de Galicia.

A candidatura socialista ao Congreso e ao Senado destaca que este proxecto é un exemplo claro de que o PSOE cumpre con Ourense, cos agricultores e coas comunidades de regadores. «Falamos de feitos, de recursos económicos e de investimentos reais que van transformar a Limia. Mentres outros se dedican a anunciar e prometer, o Goberno de Pedro Sánchez compromete 35 millóns de euros para atender unha demanda histórica da comarca e garantir o futuro do seu sector agrario», sinalan.

Carmen Rodríguez Dacosta, candidata do PSdeG-PSOE de Ourense ao Congreso, subliña que «o Partido Socialista demostra con feitos que Ourense é unha prioridade. Estamos ante un investimento histórico, que responde ás necesidades dos agricultores e regantes da Limia e que permitirá modernizar unhas infraestruturas fundamentais para a economía da comarca. O PSOE non esquece o rural ourensán nin deixa atrás os seus sectores produtivos».

A candidata socialista incide en que «cada euro investido na modernización dos regadíos é unha aposta polo emprego, pola actividade económica, pola competitividade das explotacións e polas oportunidades de futuro. Necesitamos un Goberno de España comprometido co territorio, que escoite á xente e que converta as necesidades da provincia en actuacións concretas. Iso é o que está facendo Pedro Sánchez».

Un investimento para transformar os regadíos da Limia

O proxecto contempla un investimento de 35 millóns de euros para a modernización das 42 captacións de auga subterránea existentes na comarca, co obxectivo de mellorar o seu aproveitamento e actualizar as infraestruturas necesarias para a rega. Deste importe, o Goberno de España, a través da Sociedade Estatal de Infraestruturas Agrarias (SEIASA), financiará o 80 % das actuacións, mentres que o 20 % restante corresponderá ás comunidades de regadores.

A esta intervención súmanse outros 12 millóns de euros, financiados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, para a limpeza das canles e dos camiños vinculados á rede de regadío. Unha actuación complementaria imprescindible para mellorar a conservación e o funcionamento das infraestruturas hidráulicas.

María Fernández Ojea, candidata do PSdeG-PSOE de Ourense ao Senado, destaca que «estes investimentos demostran que hai outra maneira de gobernar, apostando polo rural, escoitando aos agricultores e dando resposta ás súas demandas con recursos e actuacións concretas. O Goberno socialista está facendo o que durante tantos anos se reclamou para a Limia, modernizar os seus regadíos e mellorar as infraestruturas das que depende boa parte da súa actividade económica».

Fernández Ojea engade que «non estamos falando unicamente de levar auga ás explotacións, senón de xestionala mellor, aproveitar os recursos con maior eficiencia e reducir as afeccións ambientais. É unha transformación necesaria para que os nosos agricultores poidan traballar en mellores condicións e para que a Limia siga sendo unha comarca produtiva, con futuro e con oportunidades».

Ourense necesita un Goberno que cumpra, non un PP que prometa

Desde o PSdeG-PSOE provincial consideran que este investimento debe servir tamén para reivindicar a importancia de contar cun Goberno de España que aposte pola provincia e polo seu tecido produtivo. Os socialistas lembran que a modernización agraria, a mellora das infraestruturas e a xestión eficiente da auga son cuestións fundamentais para garantir a rendibilidade das explotacións, favorecer o relevo xeracional e fixar poboación no territorio. Por iso, reclaman tamén a implicación da Xunta de Galicia, que debe asumir a súa responsabilidade e colaborar no desenvolvemento de actuacións que resultan esenciais para o futuro da comarca.

A formación socialista fai un chamamento á cidadanía, aos agricultores e aos regantes para que apoien nas urnas o proxecto do Partido Socialista. «O 29 de novembro temos que decidir entre avanzar con quen cumpre ou retroceder coas políticas de quen só sabe prometer. O PSOE demostra que está ao lado de Ourense, que inviste na Limia e que defende aos seus agricultores. Cada voto socialista será un voto para seguir levando investimentos, oportunidades e futuro á nosa provincia», conclúen desde a candidatura socialista.

A candidatura do PSdeG-PSOE de Ourense apela así a concentrar o voto no PSOE para garantir que Ourense siga contando cun Goberno de España que invista, cumpra os seus compromisos e defenda os intereses do rural e dos sectores produtivos da provincia.