Eleccións Xerais 2026 Infraestruturas

O PSOE transforma Xinzo cun investimento de 4,5 millóns de euros na humanización da N-525

O PSDEG-PSOE DE OURENSE PON EN VALOR A CULMINACIÓN DUNHA ACTUACIÓN HISTÓRICA DO GOBERNO DE ESPAÑA QUE CAMBIOU POR COMPLETO A IMAXE E A MOBILIDADE DA CAPITAL DA LIMIA

Carmen Rodríguez Dacosta e María Fernández Ojea destacan o compromiso do Executivo de Pedro Sánchez co municipio e reivindican o papel da entón alcaldesa socialista, Elvira Lama, que encabezou e impulsou un proxecto que hoxe é unha realidade

As candidatas socialistas subliñan que a actuación recupera espazo para as persoas, mellora a seguridade viaria e incorpora beirarrúas máis amplas, carrís bici, zonas verdes e novos espazos de convivencia ao longo de tres quilómetros da travesía

Xinzo de Limia, 17 de novembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense pon en valor a transformación urbana que experimentou Xinzo de Limia coa culminación das obras de humanización de tres quilómetros da estrada N-525, unha actuación impulsada polo Goberno de España, a través do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, cun investimento de 4,5 millóns de euros e financiada con fondos europeos NextGenerationEU.

As e os socialistas destacan que esta intervención supón un antes e un despois para a capital da Limia, ao transformar unha das principais vías de comunicación da localidade nun espazo máis accesible, seguro e pensado para as persoas. Un proxecto que vai moito máis alá da renovación dunha estrada e que cambia a maneira de entender a mobilidade e o espazo público en Xinzo.

Neste senso, a candidatura socialista reivindica tamén o papel fundamental da entón alcaldesa socialista, Elvira Lama Fernández, que encabezou e impulsou este proxecto desde o Concello, traballando para conseguir unha transformación que hoxe é unha realidade e que mellora a calidade de vida da veciñanza.

A candidata do PSdeG-PSOE de Ourense ao Congreso, Carmen Rodríguez Dacosta, destaca que «Xinzo é hoxe unha vila diferente, máis moderna, máis accesible e máis segura grazas a un investimento de 4,5 millóns de euros do Goberno de España. Estamos ante unha obra rematada, que se pode ver, percorrer e desfrutar. Tres quilómetros de travesía transformados para recuperar espazo para as persoas, facilitar os desprazamentos e facer máis amable a vida na vila».

Rodríguez Dacosta subliña que «fronte á política dos anuncios e das promesas, o PSOE pode presentar resultados. O Goberno de Pedro Sánchez está investindo en Ourense, nos seus concellos e na mellora das infraestruturas que utiliza a cidadanía cada día. Esta humanización é unha mostra de que cando hai vontade política, compromiso co territorio e capacidade de xestión, as cousas acontecen e os proxectos saen adiante».

A candidata socialista ao Congreso incide tamén en que «os fondos europeos son unha oportunidade extraordinaria para transformar os nosos municipios e mellorar os servizos e os espazos públicos. Xinzo soubo aproveitar esa oportunidade e hoxe conta cunha infraestrutura completamente renovada. Ese é o modelo de país e de provincia que defendemos: investimentos que chegan á xente e que deixan pegada no territorio».

Pola súa banda, a candidata do PSdeG-PSOE de Ourense ao Senado, María Fernández Ojea, pon o foco no traballo desenvolvido desde o Concello para facer realidade esta actuación. «É importante lembrar que detrás desta transformación houbo un proxecto político, unha alcaldesa e un equipo de goberno que loitaron por el. Elvira Lama encabezou e impulsou esta iniciativa cando estaba á fronte da Alcaldía, defendendo que Xinzo merecía unha travesía moderna, segura e á altura das necesidades da súa veciñanza. Hoxe os resultados están á vista de todos».

Fernández Ojea afirma que «esta é a diferenza entre o PSOE e outras formas de entender a política: nós non nos conformamos con prometer, traballamos para conseguir investimentos e converter as necesidades dos concellos en realidades. O Goberno de España cumpre con Xinzo e con toda a comarca da Limia, demostrando que os municipios do interior tamén son unha prioridade».

A candidata socialista ao Senado engade que «o 29 de novembro tamén se decide que modelo de país e que compromiso coa provincia queremos. Desde o PSOE defendemos unha política útil, que inviste nos concellos, que mellora a mobilidade, que recupera espazos públicos e que crea oportunidades. Xinzo é un bo exemplo do que podemos conseguir cando hai gobernos socialistas comprometidos coa cidadanía».

Tres quilómetros de travesía renovados e 4,5 millóns de euros de investimento

A actuación desenvolvida polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible abrangue o tramo comprendido entre os puntos quilométricos 197+060 e 200+000 da N-525, ao seu paso polo núcleo urbano de Xinzo de Limia. As obras remataron en xullo de 2026, dentro do prazo de execución previsto, e o tramo reformado será cedido ao Concello para a súa xestión local.

Entre as principais actuacións destaca a ampliación e mellora das beirarrúas, a creación dun itinerario ciclista e a incorporación de novas zonas verdes e espazos de convivencia. Unha intervención que permite recuperar espazo para os desprazamentos peonís e favorecer unha mobilidade máis sostible.

O proxecto incluíu tamén a construción de dúas novas glorietas e a adaptación doutras dúas, así como a mellora das interseccións e dos cruces para ordenar o tráfico e incrementar a seguridade viaria. Incorporáronse plataformas elevadas, medidas de calmado do tráfico e novos pasos peonís sobreelevados en puntos estratéxicos, como a contorna do parque do Pombal e a Praza Maior.

Ademais, renováronse as redes de abastecemento, saneamento e recollida de augas pluviais, xunto con actuacións de mellora da iluminación e soterramento de servizos, modernizando integralmente unha das principais arterias urbanas da localidade.

Desde o PSdeG-PSOE de Ourense destacan que esta intervención é un exemplo do compromiso do Goberno de España cos municipios da provincia e da importancia de aproveitar os recursos europeos para impulsar proxectos transformadores. «Investir nos concellos é investir nas persoas, na igualdade de oportunidades e no futuro do territorio. A humanización da N-525 demostra que o PSOE cumpre con Xinzo e que o noso compromiso coa Limia se traduce en feitos, investimentos e melloras reais para a veciñanza», conclúen.