O PSDEG-PSOE DE OURENSE CELEBRA UN MITIN EN LOBIOS CON JOSÉ BONO PARA REIVINDICAR OS AVANCES SOCIAIS E INVESTIMENTOS E MOBILIZAR Á PROVINCIA DE OURENSE DE CARA AO 29 DE NOVEMBRO
Patrick Rodríguez, María Fernández Ojea, Brian Diz González e Carmen Rodríguez Dacosta acompañaron ao exministro de Defensa e expresidente de Castela-A Mancha nun acto electoral no Hotel Balneario de Riocaldo
As e os socialistas subliñaron que están a só 750 votos de conseguir o segundo deputado pola provincia e advertiron de que o PSOE é a única forza de esquerda con posibilidades reais de disputarlle ao PP o terceiro escano
As e os socialistas abordaron a importancia de defender os dereitos sociais, as pensións públicas, o emprego, a igualdade, a vivenda, a educación e o escudo social, así como a necesidade de seguir impulsando investimentos que contribúan ao desenvolvemento da provincia
Lobios, 22 de novembro de 2026. O PSdeG-PSOE celebrou este domingo un mitin electoral en Lobios, no Hotel Balneario de Riocaldo, no que participaron o voceiro socialista no municipio, Patrick Rodríguez; a candidata ao Senado, María Fernández Ojea; os candidatos ao Congreso, Brian Diz González e Carmen Rodríguez Dacosta; e o exministro de Defensa e expresidente de Castela-A Mancha, José Bono.
Durante o encontro, as e os socialistas fixeron un chamamento á mobilización electoral de cara ao próximo 29 de novembro para que Ourense siga avanzando en dereitos sociais, igualdade, pensións públicas, emprego, vivenda, educación, escudo social e investimentos. As e os participantes reivindicaron o traballo desenvolvido polo Goberno de España nos últimos anos e advertiron de que estas eleccións serán determinantes para decidir entre continuar avanzando ou abrir unha etapa de retrocesos sociais.
As intervencións coincidiron na importancia de concentrar o voto progresista na candidatura socialista, destacando que o PSdeG-PSOE está a só 750 votos de conseguir o segundo deputado pola provincia de Ourense e que é a única forza de esquerda con posibilidades reais de disputarlle ao Partido Popular o terceiro escano. Neste sentido, as e os candidatos advertiron de que votar por outras candidaturas de esquerda sen posibilidades de obter representación pode acabar favorecendo directamente ao PP e desperdiciando votos que son fundamentais para conseguir unha maioría progresista no Congreso.






















Patrick Rodríguez reivindica o potencial de Lobios e da Baixa Limia
O voceiro do PSdeG-PSOE en Lobios, Patrick Rodríguez, reivindicou durante o mitin o potencial turístico, termal, patrimonial e económico do municipio e defendeu a necesidade de aproveitar os recursos da Baixa Limia para xerar actividade económica, emprego e oportunidades.
Rodríguez destacou a importancia de impulsar un modelo de desenvolvemento que permita fixar poboación, mellorar os servizos públicos e garantir que a veciñanza poida desenvolver o seu proxecto de vida no municipio. Neste sentido, puxo en valor o potencial das termas de Riocaldo, o patrimonio natural e cultural e as posibilidades que ofrece o turismo como motor económico.
O voceiro socialista tamén incidiu na importancia de contar con investimentos e políticas públicas que contribúan a mellorar as comunicacións, os servizos e as oportunidades dos municipios rurais, reivindicando que Lobios e a Baixa Limia deben formar parte do futuro e do progreso da provincia.
Brian Diz González defende máis oportunidades para a mocidade
O candidato socialista ao Congreso, Brian Diz González, centrou a súa intervención na defensa das políticas destinadas á mocidade, da educación pública e das medidas de protección social que permiten garantir a igualdade de oportunidades.
Diz González reivindicou os avances impulsados polo Goberno de España en materia de bolsas, educación, emprego xuvenil e protección das familias, e destacou a importancia de que a situación económica non condicione o futuro das novas xeracións.
O candidato apelou á necesidade de seguir desenvolvendo políticas que permitan á mocidade acceder a unha formación de calidade, conseguir un emprego digno, emanciparse e acceder a unha vivenda, evitando que Ourense perda talento e que os mozos e mozas teñan que marchar da provincia por falta de oportunidades. “O futuro da mocidade non pode depender do peto das súas familias. Necesitamos políticas que garantan oportunidades reais para estudar, traballar, emanciparse e construír aquí o seu proxecto de vida”, destacou.
María Fernández Ojea chama á mobilización do voto socialista
A candidata ao Senado, María Fernández Ojea, realizou un chamamento á participación e á mobilización da cidadanía de cara ás eleccións do 29 de novembro, destacando que cada voto será determinante para decidir o futuro das políticas sociais e dos dereitos conquistados.
Fernández Ojea subliñou que Ourense ten unha oportunidade real de reforzar a representación socialista no Congreso e no Senado e insistiu na importancia de concentrar o voto progresista na candidatura do PSOE. “Estamos a 750 votos de conseguir un segundo deputado pola provincia. Cada voto conta e cada papeleta socialista pode ser decisiva para que Ourense teña máis forza, para defender os nosos dereitos e para impedir que a dereita e a extrema dereita poñan en risco os avances sociais”, afirmou.
A candidata reivindicou o PSOE como a única opción de esquerda con posibilidades reais de disputar representación ao Partido Popular e advertiu de que optar por outras candidaturas sen posibilidades de obter escano pode acabar beneficiando á dereita.
Carmen Rodríguez Dacosta aposta por seguir impulsando o emprego, os salarios e as pensións públicas
A candidata socialista ao Congreso, Carmen Rodríguez Dacosta, puxo en valor durante a súa intervención os avances experimentados polo mercado laboral nos últimos anos e defendeu a continuidade das políticas que permitiron aumentar o emprego, mellorar os salarios e reforzar os dereitos das persoas traballadoras.
Rodríguez Dacosta lembrou que Ourense supera as 111.500 afiliacións á Seguridade Social, que o paro rexistrado se reduciu case un 30 % respecto de 2018 e que máis de 13.500 persoas traballadoras da provincia se benefician directamente da subida do Salario Mínimo Interprofesional.
“Hoxe hai máis persoas traballando en Ourense, máis oportunidades para a mocidade e máis estabilidade laboral. A reforma laboral demostrou que se pode crear emprego e, ao mesmo tempo, mellorar os dereitos das persoas traballadoras. Temos que seguir avanzando para que o emprego permita vivir dignamente”, sinalou.
A candidata tamén situou no centro da súa intervención a defensa das pensións públicas, lembrando que preto de 100.000 persoas perciben unha pensión na provincia de Ourense e que estas prestacións constitúen un elemento fundamental para a economía de miles de familias.
Rodríguez Dacosta defendeu a revalorización das pensións, a protección do poder adquisitivo das persoas maiores e a sustentabilidade do sistema público, advertindo de que un cambio de Goberno podería poñer en risco os avances conquistados. “As pensións públicas son un dereito, non un negocio. Estamos falando da dignidade de toda unha vida de traballo e da tranquilidade de millóns de persoas. O 29 de novembro temos que votar para protexer as pensións, o emprego e os dereitos sociais”, afirmou.
José Bono reivindica un socialismo moderado na palabra e radical na solidariedade
O exministro de Defensa e expresidente de Castela-A Mancha, José Bono, participou no mitin de Lobios cunha intervención na que reivindicou os valores do socialismo e apelou á capacidade do PSOE para dirixirse ao conxunto da sociedade, tanto ás persoas militantes e simpatizantes como a aquelas que non se identifican co partido.
Bono, que agradeceu a invitación de Patrick Rodríguez, afirmou que falaba “co corazón” e defendeu un socialismo “moderado na palabra, radical na solidariedade, autónomo e eficaz”. O exdirixente socialista reivindicou unha España na que teñan cabida as persoas empresarias que arriscan, as traballadoras e traballadores competentes, as persoas con discapacidade, a mocidade, as persoas maiores, a diversidade e as mulleres que reclaman vivir libres de violencia.
“Ser socialista é ser moderado na palabra, non pechar portas a ninguén, radical na solidariedade, autónomo para dicir o que pensamos e eficaz, porque valemos polo que facemos”, destacou.
José Bono apelou á defensa dunha sociedade máis xusta, solidaria e inclusiva, na que os dereitos, a igualdade e a dignidade das persoas constitúan os principios fundamentais da acción política, e chamou a apoiar o PSOE nas eleccións do próximo 29 de novembro para seguir avanzando e evitar retrocesos.
O mitin celebrado en Lobios enmarcouse na campaña electoral do PSdeG-PSOE de Ourense de cara ás eleccións xerais do 29N, nunha xornada de mobilización na que as e os socialistas reivindicaron a importancia de cada voto para reforzar a representación progresista, defender os avances sociais e garantir que Ourense siga avanzando en dereitos, igualdade, emprego, pensións e investimentos.

