O PSOE IMPULSA A GRAN TRANSFORMACIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL DE OURENSE CUN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 40 MILLÓNS DE EUROS EN SAN FRANCISCO E NO ARQUEOLÓXICO
A candidatura socialista destaca a aposta do Goberno de Pedro Sánchez pola recuperación de edificios históricos, a conservación da memoria colectiva e a modernización dos equipamentos culturais da provincia
Dacosta subliña que «non podemos permitir que o patrimonio ourensán se deteriore ou quede esquecido. Necesitamos investimentos, proxectos e vontade política para recuperar os nosos edificios históricos e convertelos en espazos vivos, útiles e accesibles. Esa é a diferenza entre anunciar compromisos e apostar con recursos reais polo futuro de Ourense»
Fernández Ojea engade que «a cultura tamén xera actividade económica, turismo e oportunidades. Recuperar o Museo Arqueolóxico é apostar por Ourense, pola súa historia e pola capacidade que ten o noso patrimonio para converterse nun motor de dinamización da cidade e do conxunto da provincia»
Ourense, 22 de novembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense reivindica a aposta dos gobernos socialistas pola recuperación e modernización do patrimonio cultural da provincia, cun investimento conxunto de máis de 40,5 millóns de euros no Complexo Cultural de San Francisco e no Museo Arqueolóxico Provincial. Dúas grandes actuacións que exemplifican o compromiso do PSOE coa conservación da historia de Ourense, a protección da súa memoria colectiva e a creación de equipamentos culturais modernos, accesibles e ao servizo de toda a cidadanía.
A candidatura socialista destaca especialmente a transformación do antigo convento de San Francisco nun complexo cultural de referencia, cun investimento global de 23,8 millóns de euros, que permitiu recuperar o patrimonio histórico e darlle novos usos culturais e documentais. A actuación inclúe os 12 millóns de euros destinados á Biblioteca Pública Nós e os 11,8 millóns de euros investidos na rehabilitación do Claustro e do Arquivo Histórico Provincial.
A esta intervención súmase a rehabilitación integral do Museo Arqueolóxico Provincial, cun investimento previsto de 16.703.600 euros por parte do Ministerio de Cultura. Un proxecto de enorme dimensión que permitirá recuperar o edificio histórico, modernizar as instalacións e renovar completamente os espazos expositivos.
A candidata socialista ao Congreso, Carmen Rodríguez Dacosta, destaca que «o Goberno de Pedro Sánchez está demostrando con feitos que Ourense importa. Falamos de máis de 40,5 millóns de euros para recuperar patrimonio, modernizar equipamentos culturais e poñer a nosa historia ao servizo da cidadanía. Son investimentos que transforman espazos emblemáticos e que deixan un legado para as próximas xeracións».
Dacosta subliña que «non podemos permitir que o patrimonio ourensán se deteriore ou quede esquecido. Necesitamos investimentos, proxectos e vontade política para recuperar os nosos edificios históricos e convertelos en espazos vivos, útiles e accesibles. Esa é a diferenza entre anunciar compromisos e apostar con recursos reais polo futuro de Ourense».
San Francisco: 23,8 millóns para recuperar o patrimonio e dotar Ourense de novos equipamentos culturais
A candidatura socialista pon en valor a transformación do antigo convento de San Francisco nun complexo cultural que combina a recuperación do patrimonio histórico coa creación de infraestruturas públicas fundamentais para a cidade e para toda a provincia. A inversión conxunta da actuación ascendeu a 23,8 millóns de euros, distribuídos en dúas grandes intervencións: 12 millóns de euros para a Biblioteca Pública Nós e 11,8 millóns de euros para a rehabilitación do Claustro e do Arquivo Histórico Provincial.
Esta transformación permitiu recuperar un edificio emblemático e darlle unha nova vida vinculada á cultura, á lectura, á conservación documental e á divulgación da historia. O Arquivo Histórico Provincial custodia documentación de enorme interese para coñecer a evolución institucional, económica e social de Ourense, facilitando o acceso de investigadores e da cidadanía a fondos fundamentais para reconstruír a nosa historia. A actuación adquire tamén unha dimensión especial polo impulso á declaración da contorna como Lugar de Memoria, vinculando este espazo coa recuperación e divulgación da memoria democrática.
Carmen Rodríguez Dacosta considera que «San Francisco é un exemplo de como se debe entender a política cultural: recuperar o patrimonio, conservalo e poñelo ao servizo da sociedade. Non se trata unicamente de rehabilitar un edificio, senón de crear equipamentos públicos, facilitar o acceso á cultura e garantir que a nosa memoria documental e democrática estea protexida e accesible para as próximas xeracións».
Pola súa banda, María Fernández Ojea, candidata socialista ao Senado, destaca que «os 23,8 millóns investidos en San Francisco representan unha aposta clara por Ourense. Recuperamos patrimonio histórico e convertémolo en servizos públicos culturais de primeiro nivel, como a Biblioteca Nós e o Arquivo Histórico Provincial. Son investimentos que melloran a cidade e benefician a toda a provincia».
Máis de 16,7 millóns para devolver o museo arqueolóxico ao lugar que merece
Outra das grandes actuacións impulsadas polo Goberno de España é a rehabilitación integral do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, cun investimento total previsto de 16.703.600 euros por parte do Ministerio de Cultura, a través da súa Xerencia de Infraestruturas e Equipamentos. O proxecto contempla tres grandes partidas: 546.375 euros para servizos e proxectos técnicos, 12.696.633 euros para as obras de rehabilitación arquitectónica e 3.460.592 euros para a renovación museográfica.
Trátase dunha intervención de gran dimensión, que abrangue unha superficie construída de 5.020,36 metros cadrados e contempla unha ampliación de 579,78 metros cadrados. Os traballos permitirán recuperar integralmente o edificio histórico, rehabilitar os espazos interiores, modernizar as instalacións e adaptalas ás necesidades de conservación das coleccións.
A actuación inclúe tamén unha renovación completa da museografía, coa modernización dos espazos expositivos, dos percorridos e das áreas de exposición, así como a incorporación de recursos que permitan ofrecer unha experiencia máis accesible e atractiva aos visitantes.
Para María Fernández Ojea, «estamos ante unha oportunidade extraordinaria para Ourense. O Museo Arqueolóxico é unha peza fundamental da nosa identidade e merece unhas instalacións á altura da riqueza histórica e arqueolóxica da provincia. O investimento de máis de 16,7 millóns permitirá recuperar o edificio e ofrecer un museo moderno, preparado para divulgar o noso patrimonio e atraer visitantes».
Fernández Ojea engade que «a cultura tamén xera actividade económica, turismo e oportunidades. Recuperar o Museo Arqueolóxico é apostar por Ourense, pola súa historia e pola capacidade que ten o noso patrimonio para converterse nun motor de dinamización da cidade e do conxunto da provincia».
Desde o PSdeG-PSOE de Ourense consideran que estas actuacións demostran a importancia de contar cun Goberno de España comprometido coa cultura pública e coa recuperación do patrimonio histórico. Máis de 40,5 millóns de euros que se traducen en edificios recuperados, novos equipamentos, mellores servizos culturais e máis oportunidades para a provincia.
«Fronte a quen deixa esmorecer o noso patrimonio, o PSOE aposta por recuperalo, investindo e poñéndoo ao servizo da xente. Porque conservar a nosa historia, protexer a nosa memoria e garantir o acceso á cultura tamén é construír o futuro de Ourense», conclúe a candidatura socialista.

