O PSDEG-PSOE DE OURENSE ACUSA Á XUNTA DE PROMOVER AS TALAS NOS MONTES QUEIMADOS DE VILAMARTÍN E DESENTENDERSE DAS CONSECUENCIAS SOBRE OS NÚCLEOS DE POBOACIÓN
As e os socialistas denuncian que Medio Rural impulsou a retirada masiva de madeira, non restaurou o territorio cos fondos destinados a ese fin e agora minimiza os riscos que están sufrindo os veciños
“O máis escandaloso de todo é que os fondos que estaban destinados a restaurar os montes queimados acabasen convertidos en pistas. O MITECO achegou 9 millóns de euros á provincia para restauración forestal, que xestionou a Xunta, destinando 800.000 á comarca e ademais o goberno autonómico tiña que sumar outros 9 millóns de euros. Onde están eses cartos? Por que non se reforestou? Que se fixo realmente con ese investimento?”, cuestiona Sherezade Núñez
A Xunta de Rueda ten que asumir responsabilidades e deixar de mirar para outro lado. A prioridade debe ser a seguridade das persoas e a recuperación real dos montes, non sacar madeira e facer pistas”, subliña
Vilamartín de Valdeorras, 23 de novembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense acusa á Xunta de Galicia de actuar con “absoluta irresponsabilidade” na xestión dos montes afectados polos incendios en Vilamartín de Valdeorras, promovendo a retirada masiva de madeira e sen asumir posteriormente as consecuencias que estas actuacións, xunto coa falta de restauración forestal, están provocando no territorio e nos núcleos de poboación. As e os socialistas denuncian que o goberno galego priorizou a extracción de madeira fronte á recuperación ambiental dos montes queimados e á prevención dos riscos derivados das choivas, e que agora, ante os problemas que se están producindo, minimiza a gravidade da situación.
A alcaldesa de Vilamartín de Valdeorras e deputada provincial socialista, Sherezade Núñez, considera “escandaloso” que a Xunta promovese as talas nos montes afectados polos incendios, non executase unha verdadeira restauración forestal e, ao mesmo tempo, non estea asumindo a responsabilidade polas consecuencias que esta situación está tendo sobre os veciños.
“A Xunta promoveu as talas, decidiu retirar masivamente a madeira dos montes queimados e agora, cando estamos vendo as consecuencias das chuvias, dos arrastres e dos taponamentos, desenténdese do problema e considera que o risco para os núcleos de poboación non é grave. É unha irresponsabilidade absoluta. Non se pode actuar sobre o territorio e despois mirar para outro lado cando aparecen as consecuencias”, denuncia Núñez.
A deputada provincial socialista sitúa no centro da denuncia o destino dos fondos públicos que estaban previstos para a restauración forestal das zonas afectadas polos incendios. Segundo denuncia, o Ministerio para a Transición Ecolóxica (MITECO) destinou 9 millóns de euros á provincia, fondos xestionados pola propia Xunta e dos que só chegaron a Valdeorras 800.000, que tiñan como finalidade recuperar os montes queimados, aos que o goberno autonómico debía sumar outros 9 millóns de euros, pero as actuacións executadas centráronse fundamentalmente na apertura e mellora de pistas forestais.
“O máis escandaloso de todo é que os fondos que estaban destinados a restaurar os montes queimados acabasen convertidos en pistas. Onde están eses cartos? Por que non se reforestou? Que se fixo realmente con ese investimento?”, cuestiona Núñez.
O PSdeG-PSOE de Ourense considera que a Xunta non cumpriu coa finalidade das subvencións destinadas á restauración forestal e que a recuperación das zonas afectadas polos incendios non pode limitarse a facilitar a extracción de madeira ou a mellorar os accesos aos montes, senón que debe incluír actuacións reais de recuperación ambiental, protección dos solos e reforestación.
“Estamos falando de fondos públicos que tiñan un obxectivo moi claro: recuperar os montes queimados, restaurar o territorio e evitar que as zonas devastadas quedasen abandonadas. Non se pode vender como restauración forestal a construción de pistas para sacar madeira. A Xunta ten que explicar onde investiu os cartos e por que non se cumpriu coa finalidade para a que estaban destinados”, afirma.
Núñez denuncia tamén que Medio Rural promovese a retirada masiva de madeira dos montes afectados, xustificando esta actuación en cuestións relacionadas coa depreciación dos troncos e coa prevención de fungos e pragas, ao tempo que non se executaron as medidas necesarias para garantir a recuperación do territorio e minimizar os riscos derivados das choivas.
“A Xunta estaba preocupada por sacar a madeira antes de que perdese valor, pero non por restaurar os montes, protexer os solos ou garantir a seguridade dos núcleos de poboación. Esa é a súa prioridade real. Promoveron as talas, pero non se fixeron responsables das consecuencias. E agora os veciños están pagando esa falta de planificación e de prevención”, afirma Sherezade Núñez.
A alcaldesa de Vilamartín lembra que os concellos afectados xa advertiran da necesidade de actuar con prudencia nos montes queimados, especialmente ante a chegada das chuvias, e reclamaran a suspensión das talas durante o outono e o inverno para evitar arrastres de terra, acumulación de restos forestais nos cauces e problemas nas infraestruturas.
“Levamos meses advertindo de que non se estaba facendo o que había que facer. Pedimos que se paralizasen as talas, que se protexesen as zonas máis vulnerables e que se actuase nos cauces. A Xunta non nos fixo caso. E agora, cando estamos vendo o derrube da ponte de Baxeles e os problemas provocados polas riadas, pretende quitar importancia ao risco que están sufrindo os núcleos de poboación”, denuncia.
O PSdeG-PSOE de Ourense considera especialmente grave que, tras o derrube da ponte de Baxeles, os traballos de tala e retirada de madeira continuasen, incluso durante a noite, pese ás circunstancias e aos problemas que se estaban producindo na zona. As e os socialistas cuestionan que Medio Rural non adoptase medidas preventivas máis contundentes e que agora non recoñeza a gravidade da situación.
“Despois do derrube da ponte de Baxeles, seguiron cortando madeira. Isto é inadmisible. Estamos falando dunha zona que acaba de sufrir unha catástrofe ambiental e na que os veciños están padecendo as consecuencias das chuvias, mentres a Xunta continúa actuando nos montes e minimiza os riscos. Non se pode promover unha actuación forestal, desentenderse da protección do territorio e pretender que aquí non pasa nada”, afirma.
A deputada provincial socialista reclama á Xunta que asuma responsabilidades pola súa actuación nos montes queimados, que faga públicos todos os investimentos e actuacións executadas con cargo aos fondos do MITECO e aos recursos autonómicos comprometidos para a restauración forestal, que explique por que non se cumpriu coa finalidade das subvencións e que impulse de inmediato un verdadeiro plan de recuperación dos montes queimados, con actuacións de reforestación, protección dos solos e restauración ambiental.
O PSdeG-PSOE de Ourense esixe tamén unha avaliación real dos riscos que afectan aos núcleos de poboación e a adopción de medidas urxentes para garantir a súa seguridade, así como explicacións sobre as decisións tomadas por Medio Rural respecto das talas e a retirada masiva de madeira.
“O que está acontecendo en Vilamartín é un exemplo da neglixencia da Xunta no territorio. Promoveron as talas, non restauraron os montes como debían, non atenderon as advertencias dos concellos e agora, cando estamos vendo as consecuencias, minimizan o risco para os veciños. A Xunta de Rueda ten que asumir responsabilidades e deixar de mirar para outro lado. A prioridade debe ser a seguridade das persoas e a recuperación real dos montes, non sacar madeira e facer pistas”, conclúe Sherezade Núñez.

