25N Igualdade

A forza das mulleres

MANIFESTO DO PSOE POLO DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

O 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, é unha data de lembranza, de recoñecemento e de compromiso colectivo.

De lembranza e memoria das 1.387 mulleres asasinadas no noso país polas súas parellas ou exparellas desde que en 2003 comezaron os rexistros oficiais, 46 delas no que vai de 2026. Cada unha tiña un nome, unha familia e unha vida que alguén lle arrebatou.

De recoñecemento da enorme magnitude dun problema que nos concirne a todas e a todos, que afunde as súas raíces nun sistema historicamente desigual e discriminatorio coas mulleres e que fai que, en pleno século XXI, moitos homes aínda se consideren lexitimados para controlar, agredir e mesmo asasinar unha muller como forma de exercer poder sobre ela.

De compromiso colectivo, social e político, para que os poderes públicos poñan todas as ferramentas dun sistema democrático ao servizo da erradicación desta violencia.

Como nunca nos cansaremos de repetir, a violencia machista ten carácter estrutural. As súas causas e a súa motivación son específicas, e tamén deben selo as políticas e actuacións destinadas a combatela.

Nas últimas décadas, e sempre da man de gobernos socialistas, o noso país construíu un sistema de protección e prevención da violencia de xénero que hoxe é referente no mundo.

A Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, constitúe o piar fundamental do sistema de atención e protección ás vítimas en España. Recoñece que a violencia exercida contra as mulleres polas súas parellas ou exparellas esixe unha resposta integral, que abranga a prevención, a sensibilización, a protección, a asistencia e a tutela xudicial.

Este marco normativo viuse reforzado polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, aprobado en 2017 e renovado en 2025, que reúne 461 medidas de consenso para perfeccionar e profundar na resposta institucional, mellorar a coordinación entre administracións e garantir unha atención máis eficaz e próxima ás vítimas, cun orzamento de 1.500 millóns de euros para os próximos cinco anos. A todo isto súmanse instrumentos de amplo alcance despregados en todo o territorio, como o Sistema VioGén, de seguimento integral dos casos, e os Xulgados de Violencia sobre a Muller, órganos especializados que aseguran un tratamento xudicial específico e coordinado.

Outro dos avances máis relevantes foi a creación e consolidación dunha rede integral de protección fronte á violencia sexual. A Lei orgánica de garantía integral da liberdade sexual situou o consentimento no centro da lexislación e permitiu o despregamento de 59 centros de crise 24 horas especializados na atención a vítimas de violencia sexual en todas as provincias.

Avanzamos enormemente no coñecemento desta violencia e marcámonos retos de país, como mellorar o abordaxe da violencia vicaria —cuxa lei xa estaba en tramitación cando se convocaron as eleccións do 29N—, da violencia dixital ou da violencia económica.

Porén, como ocorre sempre cos dereitos das mulleres, os avances fronte á violencia de xénero tampouco son irreversibles. Negar a violencia de xénero e eliminar as leis que protexen as súas vítimas é un punto central do programa electoral da ultradereita.

Unha ultradereita que esixe volver a escenarios predemocráticos obríganos a defender con claridade as políticas públicas que protexen as mulleres. O negacionismo da violencia machista vai moito máis alá dunha discrepancia terminolóxica. Pretende invisibilizar as causas da violencia, deslexitimar as vítimas, cuestionar a necesidade de recursos especializados e, en última instancia, eliminalos.

A violencia contra as mulleres debe abordarse desde o rigor, a evidencia, a prevención e o respecto aos dereitos humanos, sen que as diferenzas partidistas poidan converterse nun obstáculo para a súa protección.

Vox foi o único partido con representación parlamentaria que se opuxo á renovación do Pacto de Estado en 2025, e defendeu substituír o marco específico de violencia de xénero polo da violencia intrafamiliar. Pola súa banda, o Partido Popular, malia apoiar a renovación do Pacto, demostrou que as políticas de igualdade e os dereitos das mulleres son unha peza máis para negociar os votos cos que formar goberno. Para o PP, as mulleres son moeda de cambio.

Vímolo en Andalucía, onde o PP atribuíu á consellería dirixida por Manuel Gavira (Vox) competencias «relativas á violencia de xénero que garden relación directa coa Administración de Xustiza». E noutros moitos casos nos que se comezaron a eliminar recursos específicos, se debilitaron organismos especializados ou se modificaron medidas de apoio sen atender ás necesidades das vítimas.

Estes exemplos demostran a necesidade de fixar un principio democrático básico: os dereitos das vítimas, a continuidade da súa atención e a eficacia dos mecanismos de protección non poden depender da orientación política de cada goberno. Os compromisos adquiridos deben cumprirse e os recursos que salvan vidas deben manterse e mellorarse en toda circunstancia.

Neste 25 de novembro, as e os socialistas reafirmamos o noso compromiso coa defensa do sistema público de protección ás mulleres vítimas de violencia de xénero, reclamamos o cumprimento íntegro dos compromisos institucionais de todas as administracións e rexeitamos de pleno calquera retroceso que poida deixar as vítimas nunha situación de maior vulnerabilidade.

Os nosos compromisos electorais son ambiciosos e necesarios. Sempre o foron, como o foi a súa posta en marcha cando gobernamos. Aos feitos nos remitimos. Nesta cita electoral de 2026, as e os socialistas comprometémonos, entre outras medidas, a aprobar unha nova estratexia estatal contra as violencias machistas, elaborar unha Lei orgánica contra a violencia vicaria, impulsar melloras xurídicas e ofrecer máis e mellor formación á xudicatura, ao resto de operadores xurídicos e ás forzas de seguridade.

Protexeremos e apoiaremos mellor as vítimas, as orfas e os orfos e os seus familiares, ampliando as axudas ata os 26 anos. Reforzaremos a atención específica ás mulleres maiores de 65 anos e ás mulleres con discapacidade, así como ás familias monoparentais encabezadas por vítimas de violencia de xénero.

Incorporaremos a agravante de xénero en determinados delitos económicos e crearemos un rexistro público de debedores por impago de pensións alimenticias, alugueiros ou hipotecas vinculadas á vivenda familiar.

Ademais, fortaleceremos a prevención e a actuación fronte ao acoso sexual e por razón de sexo no traballo, con protocolos eficaces, órganos especializados e protección fronte ás represalias. Aprobaremos unha Lei orgánica contra a trata de seres humanos e impulsaremos unha Lei orgánica abolicionista do sistema prostitucional que prohiba o proxenetismo. Sempre recoñecendo as persoas prostituídas como vítimas con plenos dereitos e desenvolvendo programas de liberación, protección e reparación para as mulleres en situación de explotación sexual.

E non esquecemos a prevención e a educación, que pasan por garantir a coeducación e a educación afectivo-sexual obrigatoria en todas as etapas educativas, con protocolos específicos para previr, detectar e actuar ante a violencia de xénero e a violencia vicaria nos centros escolares.

En definitiva, as e os socialistas renovamos o noso compromiso de fortalecer e mellorar o sistema público de protección ás mulleres vítimas de violencia de xénero, garantindo a estabilidade dos recursos humanos, técnicos e económicos necesarios. Así o fixemos e así o seguiremos facendo.