ABEL CABALLERO CHAMA EN OURENSE A CONCENTRAR O VOTO NO PSOE NA PROVINCIA PARA FREAR Á DEREITA E Á ULTRADEREITA E CONSEGUIR DOUS DEPUTADOS SOCIALISTAS
O alcalde de Vigo pide mobilizar o voto progresista o 29N para garantir a continuidade de Pedro Sánchez na Presidencia do Goberno, mentres Carmen Rodríguez Dacosta asegura que Ourense será decisiva e chama a non dar ningún voto por perdido
“Hai que parar esta dereita e esta ultradereita que nos queren deixar sen liberdades, que ignoran as violencias machistas e que representan un retroceso”, sinalou Abel Caballero, insistindo en que o Partido Socialista é a garantía para frear esa involución
Ourense, 27 de novembro de 2026. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, visitou hoxe Ourense para participar na recta final da campaña electoral e facer un chamamento directo á mobilización e á concentración do voto progresista no PSdeG-PSOE nas eleccións do vindeiro 29 de novembro. Caballero advertiu de que estas eleccións son decisivas para frear o avance da dereita e da ultradereita e garantir que Pedro Sánchez continúe á fronte do Goberno de España.
Nun percorrido polo mercado de abastos da cidade, acompañado pola candidatura socialista ao Congreso e ao Senado e por representantes do PSdeG-PSOE de Ourense, Caballero puxo en valor os estreitos vínculos sociais, familiares e económicos entre Vigo e a provincia ourensá, defendendo a necesidade de reforzar a cooperación entre ambos territorios para xerar oportunidades e avanzar xuntos.
O rexedor vigués reivindicou os avances conseguidos durante os gobernos de Pedro Sánchez, especialmente no financiamento dos concellos, no incremento do salario mínimo interprofesional, na creación de emprego, nas políticas de vivenda e na revalorización das pensións. Neste sentido, contrapuxo as políticas socialistas ás da dereita, advertindo de que un cambio de Goberno suporía poñer en risco avances que benefician directamente á cidadanía.
Caballero foi especialmente contundente ao referirse á importancia do resultado electoral en Ourense. “Temos que concentrar o voto de todos os progresistas nas listas do PSOE porque podemos conseguir dous deputados no Congreso. E iso é moi importante para que Pedro Sánchez siga sendo presidente do Goberno”, afirmou.
O alcalde de Vigo apelou á memoria democrática e á defensa das liberdades para advertir dos riscos dun avance da dereita e da ultradereita. “Hai que parar esta dereita e esta ultradereita que nos queren deixar sen liberdades, que ignoran as violencias machistas e que representan un retroceso”, sinalou, insistindo en que o Partido Socialista é a garantía para frear esa involución.














Pola súa banda, a candidata socialista ao Congreso, Carmen Rodríguez Dacosta, destacou o intenso traballo desenvolvido pola candidatura durante toda a campaña, percorrendo a provincia, visitando asociacións e mantendo contacto directo coa veciñanza para explicar as actuacións e os investimentos realizados polo Goberno de Pedro Sánchez en Ourense.
Rodríguez Dacosta mostrouse convencida de que o PSdeG-PSOE pode conseguir ese segundo deputado pola provincia e subliñou que “o voto progresista neste momento é o voto ao Partido Socialista”. A candidata incidiu en que Ourense será fundamental no resultado electoral e na continuidade do actual Goberno de España. “Non podemos dar ningún voto por perdido. Queda campaña ata as doce da noite e imos seguir traballando ata o último momento, porque cada voto conta”, afirmou.
A candidata reivindicou tamén que Pedro Sánchez preside “o Goberno máis investidor da historia en Ourense”, fronte a unha dereita que, segundo denunciou, se limita ao insulto e á descalificación persoal en lugar de presentar propostas e explicar alternativas para a provincia.
Rodríguez Dacosta defendeu que os socialistas afrontaron esta campaña con orgullo polo traballo realizado e cun programa electoral que dá continuidade ás políticas de progreso, investimentos e avances sociais. Fronte a iso, alertou da involución que representa un Partido Popular cada vez máis mimetizado coa ultradereita.
O PSdeG-PSOE de Ourense fai un chamamento á participación masiva o 29N e pide concentrar o voto progresista nas candidaturas socialistas. A provincia ten nas súas mans a oportunidade de conseguir dous deputados socialistas no Congreso, reforzar a maioría progresista e contribuír a que Pedro Sánchez siga sendo presidente do Goberno. O domingo, cada voto conta e Ourense pode ser decisiva.

