O PSDEG-PSOE DE OURENSE CONDENA OS ATAQUES CONTRA PACO GONZÁLEZ, VECIÑO DOS PEARES, POR PARTICIPAR NUN VÍDEO DE CAMPAÑA SOCIALISTA
As e os socialistas denuncian a aparición de pasquíns coa súa fotografía por todo o pobo e consideran absolutamente intolerables os intentos de sinalamento e intimidación persoal
Consideran inconcibible que, no ano 2026, unha persoa teña que soportar este tipo de sinalamentos públicos por exercer libremente o seu dereito a expresar as súas ideas e participar nunha iniciativa política
Ourense, 28 de novembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense expresa o seu apoio e solidariedade a Paco González, veciño dos Peares, que está sufrindo no día de hoxe unha campaña de ataques persoais absolutamente inxustificable por participar nun vídeo de fin de campaña do PSOE ourensán.
As e os socialistas consideran inconcibible que, no ano 2026, unha persoa teña que soportar este tipo de sinalamentos públicos por exercer libremente o seu dereito a expresar as súas ideas e participar nunha iniciativa política. A aparición durante esta xornada de pasquíns coa súa fotografía por distintos puntos do pobo constitúe un episodio moi preocupante, que traspasa todos os límites do respecto e da convivencia democrática. Neste senso apuntan que se trata dunha foto manipulada con Alberto Núñez Feijóo, nun acto no que había máis persoas e no que Paco actuaba en representación dunha asociación veciñal que presidiu durante anos.
Ninguén debería ter que pagar un prezo persoal por participar nun vídeo, apoiar unha candidatura ou expresar publicamente as súas conviccións políticas. A liberdade de expresión e a participación política son dereitos fundamentais que deben ser respectados sempre, con independencia da ideoloxía de cada persoa.
O PSdeG-PSOE de Ourense rexeita rotundamente este tipo de comportamentos, que buscan intimidar, sinalar e converter unha persoa nun obxectivo polo simple feito de participar nunha acción política. Non todo vale na política, e moito menos a persecución persoal, a exposición pública ou os intentos de amedrentar a veciños e veciñas.
As e os socialistas trasladan todo o seu afecto e apoio a Paco González e á súa contorna, e reivindican o dereito de calquera cidadán ou cidadá a participar libremente na vida pública sen medo a represalias, insultos ou sinalamentos. A democracia consiste precisamente en poder pensar diferente, expresalo con liberdade e convivir desde o respecto. Quen pretende intimidar unha persoa por exercer esa liberdade está atacando non só a esa persoa, senón tamén os principios básicos da convivencia democrática.

