O PSDEG-PSOE DA DEPUTACIÓN DE OURENSE INDAGA NOVAMENTE CANTO CUSTOU E PARA QUE SERVIU A ESTRAÑA MISIÓN COMERCIAL CON EEUU ORGANIZADA POR BALTAR
O portavoz provincial dos socialistas, Francisco Fraga, asegura que estes eventos unicamente son “postureo para que Baltar luza palmito no seu álbum persoal”
O PP aínda non facilitou un detalle polo miúdo e con cifras do retorno económico da primeira edición e as previsións para o segundo evento a pesar das reiteradas preguntas do PSdeG-PSOE
Ourense, 12 de xullo de 2017. O PSdeG-PSOE da Deputación de Ourense indaga canto custou e para que serviu a misión comercial con Estados Unidos organizada por Baltar para lucir palmito. E, por iso, os socialistas acaban de rexistrar, unha vez mais, unha batería de preguntas dirixidas ó goberno provincial co fin de aclarar as dúbidas que suscitou a segunda edición destas estrañas xornadas, sen que aínda se aclarasen os beneficios económicos que, supostamente, reportou a primeira edición celebrada o pasado ano.
Nas cuestións rexistradas interésanse asuntos como os custes, directos e indirectos, das xornadas celebradas no centro cultural Marcos Valcárcel os días 6 e 7 de xullo e insístese, novamente, na cuantificación económica dos resultados da primeira edición. E que, o PSdeG-PSOE xa preguntou en varias ocasións –a última o pasado mes de marzo– por aquela misión comercial mais a Deputación non detallou ningunha cifra e se limitou a enviar ós socialistas unha relación de fotografías e notas de prensa de propaganda que os populares enviaron durante os encontres en Ourense e as viaxes de Baltar a Estados Unidos. Ademais de deixar varias cuestións sen resposta, o único cálculo que o PP puido detallar foi unha palabra: “positivo”. Nada mais.
O portavoz do PSdeG-PSOE na Deputación, Francisco Fraga, denuncia o escurantismo que rodea este asunto no que a Fundación Advanced Leadership recibiu unha inxente cantidade de cartos públicos que, ata o de agora, solo serviu para viaxes turísticos. “O único para o que serviu a primeira edición foi para que houbese unha segunda”, asegura o portavoz socialista mentres denuncia que estes eventos son “postureo para que Baltar luza palmito no seu álbum persoal”. Fraga recorda que existen institucións públicas galegas (Igape) ou estatais (Icex) para a internacionalización das economías locais, polo que, ante un panorama desolador de perda de servizos e de precariedade abafadora da provincia, a Deputación debería centrar os seus esforzos en non perder subvencións millonarias da UE e en solventar dificultades dos concellos.