OS SOCIALISTAS QUEREN COÑECER O DETALLE DAS ANÁLISES REALIZADAS POLA DEPUTACIÓN NAS AUGAS DE RAMIRÁS INTOXICADAS CON ARSÉNICO
Existe un convenio da entidade provincial para o cumprimento das obrigas en materia de augas de consumo humano, entre outros, co Concello de Ramirás
Hai, polo menos, 10 núcleos afectados pola alta toxicidade da auga que abastece os fogares, debido á presenza de arsénico, un elemento moi tóxico para a saúde
Ourense, 18 de xuño de 2017. O PSdeG-PSOE reclamou á Deputación de Ourense copia das análises realizadas para controlar as condicións da auga de abastecemento en Ramirás nos meses de xuño e xullo de 2017, nos que se detectou a presencia de arsénico, un tóxico moi perxudicial para a saúde, por riba dos límites permitidos. O máximo está limitado a 10 microgramos por litro e, en Ramirás, a auga que sae das billas dos veciños e veciñas ten 17 microgramos por litro. Os socialistas recordan que existe un convenio da entidade provincial para o cumprimento das obrigas en materia de augas de consumo humano, entre outros, co Concello de Ramirás.
O PSdeG-PSOE explica que hai, polo menos, 10 núcleos de poboación do concello afectados pola alta toxicidade da auga que abastece os fogares, debido á presenza de arsénico, un elemento catalogado polas autoridades sanitarias como perigoso para a saúde humana. Catro parroquias deste concello ourensá, Vilameá, Paizás, Freás e Mosteiro, teñen prohibido usar a auga da traída por orde da Consellería de Sanidade. A portavoz local en Ramirás e deputada provincial, Isabel Gil, reclama premura á Deputación coa súa solicitude de acceso ós datos e análises e denuncia que o Concello de Ramirás limitouse a informar mediante a colocación de catro bando municipais cando non se trata dun problema que afecta á “turbidez” da auga, tal como dixo o alcalde, senón dun problema de auga tóxica.
A exposición prolongada ao arsénico a través do consumo de auga e alimentos contaminados pode causar diversos tipos de cancro e lesións cutáneas. Ademais tamén se asocia a problemas de desenvolvemento de enfermidades cardiovasculares, do embarazo, no desenvolvemento infantil, neurotoxicidade e diabetes. Entre os cancros que pode causar están os de vexiga, pulmón, páncreas e cerebro. O Centro Internacional de Investigacións sobre o Cancro (CIIC) clasificou o arsénico e os compostos do arsénico como canceríxenos para os seres humanos. A exposición aguda, aínda que non é frecuente, pode causar dor de abdome, vómitos e diarrea, así coma formigueos e cambras e mesmo, en casos extremos, a morte.