FONDOS PÚBLICOS POLÍTICA PROVINCIAL

A oposición reclamará un plan único para os concellos nun pleno extraordinario

Os grupos da oposición na Deputación fan súas as demandas dos rexedores ourensáns e reclaman un reparto igualitario dos fondos públicos provinciais

Os alcaldes e alcaldesas denuncian que, mentres no resto das deputacións se rebasou o 25% do orzamento na partida dedicada aos concellos, Baltar destina un miserento 6% de 77 millóns de €

 

Ourense, 31 de xullo de 2017. Os grupos da oposición na Deputación, Partido Socialista, BNG e Democracia Ourensana, facéndose eco das peticións de alcaldes, alcaldesas e membros das Corporacións de todas as cores políticas, salvo do PP, da provincia de Ourense, esixirán nun pleno extraordinario, un plan único que reparta os fondos públicos de forma igualitaria e non mediante a dedocracia que Baltar emprega para repartir favores políticos. Nun encontro cos medios de comunicación ante o Pazo Provincial, os rexedores e rexedoras socialistas, nacionalistas e independentes da provincia reclamaron a posta en marcha dun plan único de cooperación cos concellos que equipare as cantidades de reparto nuns índices semellantes ao resto das deputacións galegas, que xa destinan máis do 25% do total do seu orzamento, mentres en Ourense supón pouco máis do 6% do total.

A respecto deste trato discriminatorio que reciben os concellos ourensáns, Alfredo García, alcalde do Barco e presidente da Fegamp, que actuou de portavoz do manifesto conxunto, sinalou que: “Estes datos contrastan enormemente co esforzo que están a facer outras deputacións galegas nesta materia, agrupando todas as subvencións nun plan único que permite repartir de xeito obxectivo o diñeiro público, reducindo drasticamente a discrecionalidade na asignación dos fondos provinciais”. Segundo os datos manexados, se os municipios ourensáns estiveran en igualdade de condicións con localidades doutras provinciais, en termos de entidade, percibirían ata 7 veces máis en casos coma o de Allariz ou mesmo 9 veces máis no caso de vilas coma Xinzo, O Barco, O Carballiño ou Verín.

Tal coma sinalou o alcalde alaricano, Francisco García: “Non se trata dunha medida que afecte en concreto aos concellos do Bloque, do PSOE, dos independentes ou doutras forzas políticas, senón que ten que ver cun maior financiamento para todos os concellos de Ourense dentro dese modelo dun plan único, similar ao do resto das deputacións do País”. En relación a isto, o rexedor de Allariz tamén anunciou que se vai reclamar a posta en marcha deste modelo dende os plenos municipais dos concellos ourensáns, reclamando o que é de xustiza para todos.

Dentro das iniciativas e medidas de presión a levar a cabo, o portavoz socialista na Deputación, Francisco Fraga acompañado polo voceiro nacionalista, Ramiro Rodríguez, anunciou que : “Todos os grupos da oposición nesta institución imos reclamar, mediante a solicitude dun pleno extraordinario, que  se trate esta cuestión de xeito separado e como punto único porque se trata dun tema capital para o futuro e a autonomía dos nosos concellos. Queremos colocar a cuestión do reparto igualitario na axenda política da provincia e tamén entre a cidadanía, quen merece recibir os mesmos servizos con independencia de onde vivan”.

A solicitude deste pleno extraordinario foi rexistrada de inmediato, ao rematar o acto reivindicativo dos alcaldes, con data do 31 de xullo. Segundo a lexislación, o goberno provincial ten 15 días hábiles para convocar a sesión. Se Baltar non convoca a sesión para a súa celebración nese prazo, o pleno quedará automaticamente convocado para o décimo día hábil seguinte ó da finalización de dito prazo.

 

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s