concellos FONDOS PÚBLICOS

O PP opta no pleno extraordinario por seguir practicando o caciquismo

 

O PP OPTA NO PLENO EXTRAORDINARIO POR SEGUIR REPARTINDO OS FONDOS ÓS CONCELLOS MEDIANTE PRÁCTICAS CACIQUÍS E CLIENTELARES

Os socialistas coidan que o PP prefire que os alcaldes atendan as necesidades da veciñanza pedindo esmolas ante o Presidente provincial e tamén na Xunta, en vez de aplicar criterios obxectivos

 O PP divide ós concellos ourensáns en merecentes ou non de axudas provinciais, premiando aos afíns e castigando ós veciños que escollen alcaldes doutras formacións políticas

Ourense, 9 de agosto de 2017. O pleno extraordinario celebrado hoxe na Deputación, a instancias de toda a oposición, veu demostrar que o Presidente non ten a grandeza de miras necesaria para atender as necesidades dos concellos e dos habitantes da provincia de Ourense. Baltar e os seus viñeron ó pleno co ventilador posto para esparexer, mediante manobras de distracción, problemas inexistentes e atacar a outros organismos mentres se amosan incapaces de cesar coa política de premios e castigos coa que desgobernan a provincia. O PP, co seu rolete da maioría, votou en contra de dotar a esta provincia dun plan único de cooperación municipal que remate dunha vez coa dedocracia, co caciquismo e coa política clientelar.

No canto de aprobar a posta en marcha dun sistema de reparto xusto e equitativo, votaron a favor de continuar co seu modelo de xestión baseado nas afinidades políticas. En verbas do portavoz socialista, Francisco Fraga: “Continuamos afondando neste puzo que parece non ter fin e que nos leva aos fondos do clientelismo. Non están os concellos para perder o tempo con reprobacións que non teñen efecto algún”. Os de Manuel Baltar tiveron a pouca vergoña de seguir defendendo as subvencións nominativas diante dos alcaldes e concelleiros/as que asistiron á sesión, fartos de que se castigue ós seus veciños e veciñas por escoller outra opción política distinta do Partido Popular.

O PP acaba de perder unha oportunidade histórica para deixar de liderar as listaxes dos peores indicadores socio-económicos e subirse ó carro dos que exercen boas prácticas, coma o resto das deputacións galegas. “Agardabamos unha proposta alternativa que colocase a esta deputación coma a campioa das deputacións galegas no que a reparto equitativo de fondos públicos se refire pero non demostran estar á altura do que os concellos precisan e demandan”, sinalou o portavoz socialista. De todos xeitos asegurou que: “Este segue a ser un tema recorrente nesta Deputación ano tras ano e pleno tras pleno, pola teima en seguir repartindo os fondos de xeito clientelar e non imos cesar no empeño de que isto cambie dunha vez por todas”.

Cos seus 13 votos e unha actitude prepotente e impropia dun pleno, o PP deitou por terra a oportunidade brindada pola oposición, mentres deixaban ver ás claras cal é a súa idea de cooperación cos concellos: dividir a estes en merecentes ou non das axudas da Deputación. O portavoz popular evidenciou coas súas intervencións o nulo respecto que teñen pola autonomía municipal e o alleos que viven á situación dos concellos gobernados por formacións políticas distintas da súa. A este respecto, Fraga Civeira preguntou: “Cren que se respecta a autonomía municipal co seu sistema de reparto discrecional e que os alcaldes está a gusto esmolando tanto aquí coma na Xunta? Poden os rexedores atender as necesidades da súa veciñanza sen andar á pedicha?”.

Para os socialistas o único que impide que este goberno provincial adopte un modelo coma o do resto das deputacións galegas é ansia do Presidente por parecer e non ser. Quere parecer moderno, transparente e obxectivo sen selo, empregando os mesmos métodos de reparto que no antigo réxime, en base á lealdade, servilismo e afinidade política. O portavoz do PSOE opina que: “O que nos trae aquí e do que vostedes non queren falar é da discriminación aplicada ós concellos da provincia de Ourense. O PP é capaz de aprobar na FEGAMP resolucións a prol de reducir as axudas directas e as subvencións nominativas e despois facer o contrario e vir aquí atacar á propia institución na que están representados”. Fraga Civeira refírese aos criterios obxectivos aprobados por unanimidade na federación de municipios e provincias que, sen embargo, se negan a aplicar á hora de gobernar.

Coa presentación da emenda e a súa aprobación, o PP fixo a proba definitiva do algodón. Por máis códigos éticos, estéticos, cartas de servizos e plans multianuais que aproben, non son quen de cubrir a realidade, que volta teimuda á superficie e retrátaos como o que son: uns defensores dos repartos caciquís.

 

 

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s