CORRUPCIÓN FONDOS PÚBLICOS

O PSdeG-PSOE esixe a comparecencia de Baltar en comisión para que explique os seus viaxes polo mundo

O PSDEG-PSOE SOLICITA A COMPARECENCIA DE MANUEL BALTAR EN COMISIÓN PARA QUE EXPLIQUE CUSTES E LOGROS DA SÚA XIRA DE VIAXES POLO MUNDO PAGADA CON FONDOS PÚBLICOS

Os socialistas tamén demandan que compareza para explicar a enquisa na que se detapa que o 7 % das traballadoras da Deputación de Ourense aseguran ter sufrido acoso

Elvira Lama asegura que “temos un presidente de mente presente e corpo ausente sustituible por unha estatua, posto que viaxa máis polo estranxeiro e polo resto do Estado que pola provincia que preside”

Ourense, 10 de xaneiro de 2019. O PSdeG-PSOE ven de solicitar a comparecencia urxente de Manuel Baltar en comisión, para que explique os custes e logros concretos da súa voluminosa xira de viaxes polo mundo, pagada con fondos públicos de todos os cidadáns. Os socialistas aseguran que “dado que na sesión plenaria celebrada o pasado 21 de decembro de 2018, o presidente ofreceu unha resposta pouco ou nada satisfactoria á pregunta correctamente rexistrada” en relación coa súa axenda viaxeira, e sendo a Deputación de Ourense “unha institución onde se presume reiteradamente de alcanzar altos niveis de transparencia e bo goberno”, consideran necesario ampliar a escasa información ofrecida.

E, por iso demandan que Baltar poña en práctica as supostas virtudes das que sempre presume, e compareza na vindeira comisión provincial informativa de Transparencia e Administración que terá lugar durante a tarde do mércores 16 de xaneiro de 2019, para dar conta “mediante informes pormenorizados de cada unha das viaxes realizadas ata o día de hoxe, con indicación do obxecto, comitiva e logros concretos acadados”. A voceira do PSdeG-PSOE, Elvira Lama, asegura que “temos un presidente de mente presente e corpo ausente, perfectamente sustituíble por unha estatua, posto que viaxa máis polo estranxeiro e polo resto do Estado que pola provincia que preside”. Lama denuncia que a resposta ofrecida foi “insuficiente á todas luces”, polo que a comparecencia na comisión é perentoria e os informes demandados “deberán incluír información acerca do custe de cada desprazamento internacional e nacional”, unhas viaxes que xa superan amplamente os 130 días.

Acoso e medo entre as traballadoras

Os socialistas tamén demandan a comparecencia do presidente na vindeira comisión de Igualdade, Benestar e Emprego que se vai celebrar o xoves 17 de xaneiro, co obxecto de que expoña, de xeito pormenorizado, o contido e efectos dunha enquisa interna na que se destapa que case o sete por cento das traballadoras da institución asegura ter sufrido acoso, e na que tamén se relatan situacións de medo a falar por denunciar problemas laborais. Lama destaca que “dados os antecedentes sobre acoso que lixaron para sempre a imaxe desta institución, é notorio que estamos ante un tema que, sendo importante en todos os ámbitos da sociedade, alcanza especial relevancia no eido laboral desta deputación”

A enquisa realizada a traballadoras e traballadores da Deputación de Ourense, en relación co desenvolvemento do Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes aprobado polo pleno, revela que, polo menos, un 6,98 % das traballadoras manifestan ter padecido acoso sexual no entorno laboral, así como un 3,85 % dos traballadores. A empresa encargada do estudo tamén conclúe que atoparon moita reticencia á participación do persoal na enquisa, unha participación desigual entre mulleres e homes, e moitas dificultades para obter respostas a determinadas cuestión, ou á hora de identificar a área na que os enquisados desenvolven o seu traballo por medo a repercusións se identifican as súas queixas.