FONDOS PÚBLICOS INICIATIVAS

Reparto equitativo de fondos contra o absolutismo do presidente da Deputación

O PSDEG-PSOE RECLAMA QUE A DEPUTACIÓN DE OURENSE POÑA FIN Ó ABSOLUTISMO E REPARTA OS MILLÓNS DO REMANENTE DE TESOURERÍA CUN PLAN EQUITATIVO ENTRE OS CONCELLOS

Propoñen ó pleno que os fondos se adiquen á subvención das entidades locais, a través dunha convocatoria pública con criterios obxectivos recollidos nunhas bases que aprobe a corporación

Elvira Lama defende que é necesario “liquidar o dedómetro de Baltar con plans equitativos como o que propoñemos” e recorda que a Deputación é a “única de Galicia que segue instalada no absolutismo”

Ourense, 13 de xaneiro de 2019. O PSdeG-PSOE solicitará no vindeiro pleno provincial, que a Deputación de Ourense reparta os millóns de euros que acumulará no avultado remanente de tesourería, mediante unha convocatoria equitativa á que poidan acceder os 92 concellos da provincia, e deixe de asignar eses cartos a dedo só entre os amigos de Baltar. Os socialistas teñen constancia de que o remanente de 2018 será, como mínimo, dun volume similar ó de 2017, polo que reclaman que parte deses fondos se adiquen á subvención das entidades locais, a través dunha convocatoria pública á que poidan concorrer todos os municipios, e que a distribución se execute con criterios obxectivos recollidos nunhas bases que aprobe o pleno da corporación.

A voceira dos socialistas, Elvira Lama, asegura que “o sistema caciquil e decimonónico co que a Deputación reparte os fondos públicos como se fose o rei Sol, é un evidente agravio para os veciños e veciñas de concellos onde non gobernan os amigos do presidente, que se adica a repartir a meirande parte dos cartos públicos de todos a dedo”, polo que é necesario “liquidar o dedómetro de Baltar con plans equitativos como o que propoñemos para rematar co absolutismo no que teñen sumida á institución”. “O sistema actual afonda nun problema político e democrático que arrastra quen pensa que a Deputación e un xoguete familiar de seu, e por iso discrimina a quen non comulga coas prácticas caciquís do PP”, insiste.

A moción explica que o principal obxecto da deputación, así estipulado na lei, é dedicar as súas actuacións e recursos á cooperación cos concellos, así como garantir uns servizos municipais de calidade para todos os cidadáns. Sen embargo, no propio orzamento do presente ano detállanse numerosas achegas discrecionais a diferentes concellos (3,4 millóns) para necesidades comúns, cunha distribución vergoñentamente partidista: de 79 actuacións, 76 son para alcaldías do PP. A este despropósito hai que engadir as cantidades que se inclúen nas habituais modificacións orzamentarias con cargo ó remanente de tesourería, e que se teñen utilizado para dar subvencións sistematicamente discrecionais por importes que desfiguran o orzamento.

Lama recorda que “só a primeira modificación a dedo do ano anterior supuxo distribuír 14 millóns de euros sen que todos concellos da provincia puideran presentar propostas de actuacións de forma equitativa”. “Foi una decisión caciquil sen bases e sen criterio coñecido, que non serviu nin para atender ás necesidades nin para facer unha distribución xusta dos fondos públicos de todos e todas”, denuncia antes de recordar que a Deputación de Ourense, segue a ser é a única das galegas que non distribúe os cartos do orzamento de xeito obxectivo.

Antes estes feitos, os socialistas volven reclamar –non é a primeira vez que demandan a aprobación dun plan único– na súa proposta de acordo para o pleno de xaneiro que, unha vez descontadas as cantidades asignadas á amortización de préstamos e ó conseguinte saneamento, “o importe do remanente de tesourería se dedique á subvención dos concellos, e se faga a través dunha convocatoria pública na que poidan concorrer todos os concellos, e se distribúa a través de criterios de reparto obxectivos recollidos nas bases que aprobe o pleno da corporación”.