Denuncias POLÍTICA PROVINCIAL

Baltar oculta outra vez gastos e acompañantes da súa xira de viaxes

O PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN NÉGASE A COMPARECER NA COMISIÓN DE TRANSPARENCIA E OCULTA OUTRA VEZ OS CUSTES, LOGROS E ACOMPAÑANTES DA SÚA XIRA DE VIAXES PAGADA CON FONDOS PÚBLICOS

Ignacio Gómez denunciou que “Baltar se nega a vir a dar explicacións” porque “transparencia non é poñer estas novas sillas transparentes na sala xa que transparencia é comparecer e respostar”

A presidencia da comisión acordou “estimar improcedente a solicitude” de comparecencia porque, segundo afirman, son datos ós que xa se deu resposta o xa se publicaron no portal de transparencia

Ourense, 16 de xaneiro de 2019. O PSdeG-PSOE denuncia que Manuel Baltar oculta novamente os custes detallados, os séquitos de acompañamento e os logros da súa xira de viaxes polo mundo, ó negarse a comparecer na comisión informativa de Transparencia e Administración que tivo lugar durante a tarde deste mércores. Con este “plantón á transparencia” da que habitualmente presume, é xa a cuarta vez que o presidente da Deputación de Ourense oculta esta información, tras negarse a explicar os detalles do seu “tour de despilfarro” durante o pleno de decembro de 2018, a pesar da pregunta rexistrada correctamente polos socialistas en tempo e forma, e de non contestar anteriormente tampouco ás interpelacións sobre os fondos e logros das misións comerciais e noutras chiringotadas.

Durante a comisión, o PSdeG-PSOE esixiu que Baltar expoña “mediante informes pormenorizados de cada unha das viaxes realizadas ata o día de hoxe, con indicación do obxecto, comitiva e logros concretos acadados”. Pero tras pasearse polo mundo durante máis de 130 días a costa do erario público, o líder conservador negouse a explicar esta política despilfarradora, e agochouse tras unha proposta de resolución na que a presidencia da comisión acorda “estimar improcedente a solicitude” porque, segundo afirman, son datos ós que xa se deu resposta o xa publicaron no portal de transparencia.

O PP alegou in voce durante a sesión que “non ve oportuna” a presencia de presidente da Deputación Provincial porque as preguntas “foron contestadas en tempo e forma”, e a información “está colgada en tempo real na páxina web”, unha mentira máis dos conservadores. O deputado socialista, Ignacio Gómez, destacou que “Baltar se nega a vir á comisión de Transparencia a dar explicacións” porque “transparencia non é poñer estas novas sillas transparentes na sala, xa que transparencia é comparecer aquí e respostar adecuadamente ás solicitudes de información que se demandan desde os grupos da oposición”, xa que “non é certo que ofrecesen a información posto que solicitamos informes pormenorizados do obxecto, comitiva e logros acadados e nada diso está publicado”.

“Negamos a maior porque a información que se nos deu non é concreta”, insistiu Gómez antes de salientar que “na Deputación se fai o mesmo que facía o pequeño Nicolás: poñerse soamente para sair na foto”, en alusión ó desmentido da Comisión Europea sobre un suposto encontro o pasado mes de novembro de 2018 con Manuel Baltar que nunca existiu e que foi un simple saúdo protocolario, a pesar do anunciado propagandisticamente polo goberno provincial.