CORRUPCIÓN POLÍTICA PROVINCIAL

A Unión Europea destapa as mentiras de do presidente da Deputación

O PRESIDENTE DA COMISIÓN EUROPEA DEIXA A BALTAR NO RIDÍCULO MÁIS ABSOLUTO Ó NEGAR A EXISTENCIA DUNHA REUNIÓN QUE VENDEU PROPAGANDÍSTICAMENTE

Juncker afirma que só “saludou brevemente” a Baltar “así como a outros moitos representantes das rexións e cidades de Europa” e nega o “encontro de análise” vendido polo goberno provincial

O PSdeG-PSOE reclamará explicacións e esixe que Baltar e os seus palmeiros “deixen de facer ridículo internacionalmente poñendo unha alfombra vermella ó seu tour de mentiras”

Ourense, 15 de xaneiro de 2019. No máis absoluto dos ridículos. Así quedou Manuel Baltar, o presidente do PP da Deputación de Ourense, logo de ser desmentida a reunión que afirmou ter mantido en outubro de 2018 co presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, que non figuraba en ningunha axenda oficial e que, sen embargo, foi publicitada propagandísticamente polo goberno provincial con fotografías, comunicados e declaracións nos medios. Nunha resposta –achégase copia– ó deputado socialista no Europarlamento, José Blanco, o presidente europeo afirma que só “saludou brevemente ó Sr. D. Manuel Baltar, con motivo das reunións da «Semana Europea das Rexións e Cidades de 2018», o 8 de outubro de 2018, así como a outros moitos representantes das rexións e cidades de Europa”.

Resposta do presidente da Comisión Europea

Así pois, un simple saúdo protocolario en Bruxelas ante un forillo, foi vendido propagandísticamente como unha reunión ‘a solas’ de ‘análise’ entre o presidente ourensán e o presidente da Comisión, no que a Deputación mentiu descaradamente, asegurando que falaron de “políticas contra o despoboamento rural e en favor do financiamento directo para os territorios provinciais”.

Os socialistas denuncian que “a política de propaganda absolutista e selfies de Baltar parece non ter límite e, nunha nova volta de rosca, é capaz de escoitar voces e ver reunións onde non había absolutamente nada”, polo que esixen o presidente ourensán e os seus palmeiros que “deixen de facer o ridículo inventando bulos e poñendo unha alfombra vermella ó tour de mentiras no que están sumidos, e se poñan a traballar pola provincia que para iso lles pagamos”. “Baltar dalle un novo significado á expresión política-ficción que habitualmente usa”, afirman.

O PSdeG-PSOE reclamará explicacións ó presidente da Deputación sobre este “festival de mentiras e ridículo internacional pagado con cartos públicos, mentres ten á provincia abandonada e asolada polo despoboamento”.

O deputado socialista galego, José Blanco, solicitara hai tres meses a información que agora deixa a Manuel Baltar en evidencia xa que, ante as novas aparecidas nos medios de comunicación, quería que os responsables europeos “aclarasen os termos do suposto encontro, tendo en conta que na axenda pública do Presidente Juncker, accesible desde a web da Comisión Europea, non consta ningunha reunión bilateral co presidente da Deputación de Ourense”.