CORRUPCIÓN POLÍTICA PROVINCIAL

Baltar realizou 34 viaxes secretas polo mundo con fondos públicos

O PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN DE OURENSE REALIZOU 34 VIAXES SECRETAS POLO MUNDO DAS QUE OCULTA CUSTES, COMITIVA DE ACOMPAÑANTES E LOGROS CONCRETOS

Os socialistas rexistran 64 preguntas para que o presidente da Deputación detalle datos de 34 viaxes sen datos e para que expoña as cifras reais doutros tantos paseos con datos incompletos

Elvira Lama denunciou que “os paseos de Baltar ó longo e ancho deste mundo nos saen nunha salsa”, logo de detallar que soamente entre os anos 2016 e 2017 pagou 132.000 euros públicos en viaxes

Ourense, 21 de xaneiro de 2019. O PSdeG-PSOE denuncia que Manuel Baltar realizou 34 viaxes secretas no que vai de mandato das que oculta os custes, a comitiva de acompañantes e os logros concretos acadados para a provincia de Ourense. E, por iso, o grupo líder da oposición acaba de rexistrar 64 preguntas co fin de que o presidente da Deputación Provincial detalle os datos completos desas 34 viaxes secretas, e para que tamén expoña as cifras reais doutros tantos paseos que ofrece a sección de transparencia con datos incompletos ou terxiversados. Á espera de poder indagar as cifras ó completo do presente mandato, os socialistas revelan que entre os anos 2016 e 2017, o presidente conservador gastou 132.000 euros públicos en pagar viaxes de propaganda persoal e campaña electoral do PP.

Audio coas declaracións da voceira do PSdeG-PSOE

A voceira provincial, Elvira Lama, denunciou hoxe ante o rexistro xeral da institución que “xa abonda de ter un presidente ausente ó que único que lle gusta é pisar moqueta por aí adiante”, e asegurou que Manuel Baltar “ten que render contas e non pode agocharse detrás dunha páxina web na que os datos non son reais”. “Da última viaxe que fixo a Uruguai e Arxentina hai cero datos”, destacou a portavoz socialista, que tamén dixo que ninguén cre que, por exemplo, unha viaxe de dous días a Madrid só custe 59 euros, tal e como detallan. “Baltar minte descaradamente e agóchase detrás destas viaxes só para encher o seu ego persoal”, aseverou.

Lama denunciou que “os paseos de Baltar ó longo e ancho deste mundo nos saen nunha salsa”, logo de detallar que soamente entre os anos 2016 e 2017 pagou 132.000 euros públicos en viaxes. “Esperamos un informe de todas esas viaxes e, sobre todo, para que serviron e que beneficios trouxeron todos estes paseos”, salientou a deputada antes de indicar que “se lle estamos pagando estas viaxes con cartos de todos os e as ourensáns, teñen que redundar en algún beneficio para todos eles e elas”.

Máis da metade das viaxes relatadas pola Deputación de Ourense son “secreto oficial” porque, a pesar do que o goberno provincial do PP asegura reiteradamente, carecen de todo detalle, denuncian desde o PSdeG-PSOE, e da outra metade os datos expostos non son “nin reais nin totais”. A voceira dos socialistas insiste en que este tour de Baltar só serviu para “encher o seu álbum de fotografías mediante unha realidade inventada, como ben acabamos de descubrir no caso da Comisión Europea”.

Elvira Lama rexistrando as preguntas
Elvira Lama rexistrando as preguntas ó presidente da Deputación