CORRUPCIÓN Denuncias

Baltar ampara ó alcalde franquista de Beade que incumpre a lei a propósito segundo o vicesecretario da Deputación

O VICESECRETARIO DA DEPUTACIÓN DE OURENSE DENUNCIA QUE O ALCALDE DE BEADE (PP) INCUMPRE A LEI DE MEMORIA HISTÓRICA Ó MANTER RÚAS QUE HONRAN Ó DITADOR FRANCO

O alto funcionario conclúe que a rúa do Caudillo “incumpre a lei” e destaca que “a obriga establecida non é nin graciable nin discrecional, polo que debería ser o Concello, de oficio” o que cambie o nome

Elvira Lama destaca a “complicidade de Baltar ó aplaudir e manter, como presidente do PP, no seu partido, a un alcalde franquista insurrecto que incumpre a lei a propósito”

Ourense, 23 de xaneiro de 2019. O vicesecretario da Deputación de Ourense recrimina nun informe ó alcalde de Beade (PP) –sostido no seu posto por Manuel Baltar– que o concello incumpre deliberadamente a Lei de Memoria Histórica, ó manter unha rúa que honra ó ditador golpista, Francisco Franco. Juan Marquina conclúe que “a xuízo deste funcionario, a denominación dunha rúa municipal como ‘Rúa del Caudillo’ incumpre establecido no artigo 15.1 da Lei 52/2007, por tratarse dunha mención conmemorativa de exaltación da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da ditadura”. Ante estes feitos os socialistas denuncian a “complicidade de Baltar ó aplaudir e manter, como presidente do PP, no seu partido, a un alcalde franquista insurrecto que incumpre a lei a propósito”.

O alto funcionario indica que “a obriga alí establecida de retirada dos obxectos ou mencións conmemorativos de exaltación da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da ditadura, constitúe unha obriga legal e polo tanto reglada, e non é nin graciable nin discrecional, polo que debería ser o propio Concello, de oficio, o que proceda ao seu cumprimento”. Tamén indica que, para proceder o cambio, se podería aplicar un procedemento xudicial contra o concello mediante a “impugnación dunha inactividade administrativa recollido nos artigos 25 e 29 e da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa”.

O alto funcionario destaca que “esta lei establece un mandato preciso, claro e determinado para as diferentes Administracións Públicas, concellos incluídos, no senso de eliminar dos seus espazos públicos todo símbolo, obxecto ou mención conmemorativa de exaltación da sublevación militar, da guerra civil e da represión da ditadura” e recorda que, segundo a xurisprudencia, “dentro do concepto de símbolos do artigo 15 da Lei deben considerarse incluídos os nomes das rúas ou de vilas e municipios”.

A portavoz provincial dos socialistas, Elvira Lama, denuncia que “ante as sonoras e claras conclusións do vicesecretario da Deputación de Ourense, sobre o manifesto incumprimento da lei por parte do alcalde de Beade, Baltar é aínda máis cómplice e cooperador necesario desta patada á democracia, porque mantén no seu partido a un rexedor que presume dunha ditadura asasina e que incumpre a lei a propósito”. “O PP de Ourense rega ó alcalde de Beade con decenas de miles de euros públicos, no lugar de esixirlle que, dunha vez por todas, ou cumpra as leis democráticas ou se poña fóra do Partido Popular”, insiste Lama antes de recordar que “se o PP gaña as eleccións locais en Beade, farao grazas ó abrazo de Baltar, presidente do PP ourensán, ós fascistas insurrectos que non cumpren a lei”.

O alcalde presume habitualmente do seu franquismo nos medios de comunicación

O informe tamén desmonta o argumento empregado habitualmente polo rexedor franquista, que asegura que ‘pode ser calquera caudillo’. “Porén das definicións indicadas, a denominación da Rúa Caudillo co termo de “Caudillo” coa “C” maiúscula (así consta no escrito remitido polo propio concello e nos mapas consultados), e sen ánimo de facer unha análise histórica (cuestión que non corresponde a este funcionario), parece razoable presumir que a referencia vai dirixida á persoa do militar e ditador Francisco Franco Bahamonde, xefe do estado español dende a Guerra Civil (1936-1939) ata 1975, coñecido co apelativo de “Caudillo de España”, título que lle foi atribuído en diferentes normas como a Orden de la Junta Técnica del Estado por la que se estableció la Fiesta Nacional del Caudillo (BOE de 28.09.1937), pola Ley de 18 de diciembre de 1946 sobre acuñación de un nuevo sistema monetario (BOE de 19.12.1946), e finalmente, pola Ley de Sucesión en la Jefatura del Estado, de 26 julio de 1947 (BOE de 27.07.1947), que no seu artigo segundo indicaba que “…la jefatura del Estado corresponde al Caudillo de España y de la Cruzada, Generalísimo de los ejércitos, Francisco Franco Bahamonde…”.

O documento responde ás alegacións presentadas polo PSdeG-PSOE, para retirar a subvención concedida á reforma desta rúa dentro do plan provincial de obras da Deputación, aplicándolle un artigo da Lei de Memoria Histórica que permite limitar subvencións. O vicesecretario conclúe que, a pesar de manifesto incumprimento da lexislación, “a inclusión desta obra de saneamento polo Concello de Beade, cumpre todos os requisitos e formalidades esixidas pola lexislación”, posto que a Deputación Provincial carece de competencias para retirar a subvención ó non estar incluída esa limitación concreta na normativa reguladora do plan provincial.