ELVIRA LAMA DENUNCIA QUE O PP DE OURENSE AMPARA E DA ACUBILLO A UN ALCALDE INSURRECTO E ANTIDEMÓCRATA QUE FAI GALA DE SER UN FASCISTA QUE AMEAZA Á LÍDER DA OPOSICIÓN
A voceira dixo que “non me vai amedrentar ningún fascista, ningún franquista, por moi veterano que sexa, e ós señores do PP deberíaselles caer a cara de vergonza por manter a este personaxe”
Os socialistas recordaron que o vicesecretario da Deputación recriminou nun informe ó alcalde de Beade que o concello incumpre deliberadamente a Lei de Memoria Histórica
Ourense, 25 de xaneiro de 2019. A voceira provincial do PSdeG-PSOE, Elvira Lama, denunciou durante o pleno de xaneiro da Deputación de Ourense a complicidade do PP co franquismo, tras manter no partido ó alcalde de Beade, que presume de incumprir a lei e ameaza á líder da oposición. Lama asegurou que Manuel Baltar “ampara e da acubillo a un alcalde insurrecto e antidemócrata que fai gala de ser un fascista coas súas arengas presumindo daqueles anos escuros”. “O informe do vicesecretario que determina este incumprimento da Lei de Memoria Histórica dálle unha labazada nas narices”, destacou antes de asegurar que o presidente “debería esixirlle comportamentos democráticos ós seus alcaldes”. A voceira tamén anunciou que o PSdeG-PSOE estuda levar este flagrante incumprimento da lei ante os tribunais.
Lama recordou as vergoñentas ameazas verquidas polo alcalde popular de Beade nun medio de comunicación: “A min non me vai amedrentar ningún fascista, ningún franquista, por moi veterano que sexa, e a vostedes, señores do Partido Popular, deberíaselles caer a cara de vergonza por manter a este personaxe no seu partido”. A voceira insistiu en que “a responsabilidade de manter a un alcalde que presume do franquismo e fai gala dun incumprimento reiterado da lei é súa”, dixo en referencia a Baltar.
Os socialistas insisten en demandar que neste concello ourensán tamén se cumpran as leis, e por iso demandaron ó presidente ourensán que “tería que ter convencido a este alcalde para que mudara o nome da rúa e non o fixo”. “As afirmacións deste alcalde do PP colócaos ó marxe da lei”, recalcou a voceira do PSdeG-PSOE tras destacar que o presidente do PP e da Deputación “queda retratado como cooperador necesario para que se invistan cartos públicos desta institución vulnerando a Lei de Memoria Histórica”. “A Deputación debería ter modificado as bases do plan provincial de obras para poder limitar este despropósito, como fixo noutros casos de bases modificadas que tamén tratamos neste pleno”, indicou.

O PSdeG-PSOE recordou que o vicesecretario da Deputación recrimina nun informe que o Concello de Beade incumpre deliberadamente a Lei de Memoria Histórica, ó manter unha rúa que honra ó ditador golpista, Francisco Franco, posto que a supresión desa honra ó ditador é de “obrigado cumprimento” e “non é nin graciable nin discrecional, polo que debería ser o propio Concello, de oficio, o que proceda ao seu cumprimento”, xa que a lei establece un mandato “preciso, claro e determinado para as diferentes Administracións Públicas, concellos incluídos”.
E por iso rexistraron, en tempo e forma, unha alegación contra o plan provincial de obras de 2019, no que figura un investimento de 48.000 euros –o importe máximo permitido para poder adxudicar un contrato menor– co fin de reformar a rúa principal de Beade que honra ó ditador. Na alegación rexeitada polo PP no pleno ordinario de xaneiro, reclamaban que a institución anule esa subvención, posto que o artigo 15 da Lei 52/2007 recolle expresamente que “as Administracións públicas tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura”, e sinala expresamente que “entre estas medidas poderá incluírse a retirada de subvencións ou axudas públicas”.
