FONDOS PÚBLICOS INICIATIVAS

O reparto caciquil de euros seguirá na Deputación de Ourense

A DEPUTACIÓN DE OURENSE NÉGASE A REPARTIR O REMANENTE DE TESOURERÍA EQUITATIVAMENTE ENTRE TODOS OS CONCELLOS E OPTA POR MANTER O REPARTO CACIQUIL E ABSOLUTISTA

Elvira Lama denunciou que “esta institución con este presidente compórtase coma un virreinato no que os alcaldes veñen a pedir esmola” antes de destapar o reparto discriminatorio de fondos do PP

Os socialistas destacaron que outras deputacións gobernadas polo PP, por exemplo Alicante, reparten 15 millóns de euros entre 90 municipios mediante un plan como o reclamado para Ourense

Ourense, 25 de xaneiro de 2019. O goberno do PP da Deputación de Ourense insistiu hoxe en manter o reparto caciquil e absolutista dos fondos públicos provinciais, ó negarse a aprobar a moción do PSdeG-PSOE que reclamaba unha distribución equitativa e xusta do remanente de tesourería acumulado no ano 2018. A iniciativa propoñía un reparto a través dunha convocatoria pública á que poidan concorrer os 92 municipios en igualdade de condicións, e que a distribución deses fondos se execute con criterios obxectivos recollidos nunhas bases que aprobe o pleno da corporación.

A portavoz socialista, Elvira Lama, destapou con datos detallados o reparto discriminatorio do actual goberno provincial, e denunciou durante a súa intervención que “o sistema decimonónico co que a Deputación de Ourense reparte os cartos públicos, cun presidente que decide só ó seu gusto, é un agravio para os veciños e veciñas de concellos onde non gobernan os amigos de Baltar”. “Esta institución con este presidente compórtase coma un virreinato no que ós alcaldes veñen a pedir esmola”, dixo antes de recordar que “as deputacións teñen como principal obxectivo colaborar cos concellos equitativamente e esta non ó está a facer”.

“Non lles interesa este plan porque o presidente distribúe os fondos públicos como se fose su graciosa majestad”, aseverou Lama antes de sinalar “que Baltar ben podería copiar os modelos que se poñen en práctica noutras deputacións da súa mesma cor política, por exemplo, a Deputación de Alicante onde se acadou un acordo entre tres partidos, PP, PSOE e Compromís, para aprobar un plan único como que pedimos os socialistas de Ourense”. “O que pedimos nin é imposible nin un capricho, e á vista está que non é así poñendo o foco noutras deputacións”, salientou a voceira tras denunciar que “non están aplicando a intelixencia en termos económicos, a pesar de fachendear de ser a provincia intelixente”. Así mesmo recordou, unha vez máis, que “a Deputación ourensá segue a ser é a única das galegas que non distribúe os cartos do orzamento de xeito obxectivo”

A portavoz recordou que, excluíndo á capital provincial porque non é obxecto de reparto neste plan, o PP goberna a uns 100.000 habitantes fronte a outros 100.000 gobernados polos grupos políticos da oposición (uns 80.000 polo PSdeG-PSOE), e fixo un relato do investimento por habitante palmariamente discriminatorio, que evidencia o reparto de cartos resultante da suma dos orzamentos e a primeira modificación de crédito do pasado ano. Os datos revelan os premios ós deputados e deputadas populares que son alcaldes e alcaldesas, e o castigo ós partidos da oposición ou a rexedores do PP que non son da corda de Baltar. Estes son algúns dos datos máis escandalosos:

A moción do PSdeG-PSOE tombada polos baltaristas describe que no propio orzamento do presente ano 2019 detállanse numerosas achegas discrecionais a diferentes concellos que suman 3,4 millóns para necesidades comúns, cunha distribución partidista: de 79 actuacións, 76 son para alcaldías do PP. A este despropósito hai que engadir as cantidades que o PP inclúe nas habituais modificacións orzamentarias con cargo ó remanente de tesourería, e que se teñen utilizado para dar subvencións discrecionais por importes que desfiguran o orzamento e desfiguran o reparto xusto e democrático dos cartos públicos.