O PSDEG-PSOE DEMANDARÁ NAS INSTITUCIÓNS QUE FEIJÓO, BALTAR E VÁZQUEZ DEIXEN DE MARXINAR A OURENSE E QUE IMPLANTEN O SERVIZO DE HEMODINÁMICA AS 24 HORAS NO CHUO
“Baltar e Feijóo non poden ser quen decidan se unha persoa infartada debe vivir ou morrer” denunciaron antes de preguntarse cantas persoas máis teñen que morrer camiño de Vigo para que o PP recúe
Os socialistas alertaron de manobras electoralistas do PP, a poucos meses das eleccións locais, argallando unha suposta ampliación dentro de moito tempo e logo de facer máis estudos innecesarios
Ourense, 5 de febreiro de 2019. O PSdeG-PSOE demandará no Parlamento de Galicia, na Deputación de Ourense e nos plenos dos concellos, que a Xunta deixe de marxinar á provincia e que se implante, de inmediato, o servizo de hemodinámica as 24 horas os sete días da semana. Os socialistas denuncian que os gobernos do PP deixan a Ourense sen este servizo básico, a pesar de ter a taxa de mortaldade por infarto máis elevada de Galicia e de triplicar as mortes deste tipo das provincias de A Coruña ou Pontevedra, unha vergoñenta situación que está a provocar moitas mortes innecesarias e problemas de calidade na atención urxente.
Nunha comparecencia ante o Hospital Universitario do CHUO, os socialistas explicaron que, logo de anuncio efectuado pola Consellería de Sanidade sobre a ampliación do horario deste servizo en Lugo, a provincia ourensá non pode quedar novamente ó marxe dos investimentos sanitarios especializados, ante o continuo carrusel de afrontas e pisotóns do PP ós servizos públicos. Tamén recriminaron que os populares, a poucos meses das eleccións locais, pretendan facer propaganda anunciando unha suposta ampliación deste servizo, pero dentro de moitos meses, logo de facer máis estudos innecesarios.

A deputada no Parlamento de Galicia, Noela Blanco, recordou que esta iniciativa “será xa a cuarta nesta lexislatura reclamando este servizo” e declarou: “Cantas persoas máis teñen que morrer camiño de Vigo para que os tres gobernos responsables, o de Feijóo, o de Baltar e o do alcalde desta cidade, tomen decisións e implanten o que merecemos e necesitamos, porque hemodinámica as 24 horas non é ningún luxo asiático”.
Blanco tamén alertou das artimañas que o PP está a argallar para atrasar novamente o servizo continuado: “moito nos tememos que, a poucos meses das eleccións, pretendan facer algún tipo de manobra parlamentaria para volver a adiar este servizo tan necesario, e me refiro a unha iniciativa que coñecimos hoxe mesmo onde pretenden facer un novo informe, o que significaría volver a atrasar a implantación”. “Hai que ter moita cara, moito estómago, e moi pouco corazón para vir a facer electoralismo logo de sete anos de iniciativas socialistas reclamando este servizo, sempre co voto en contra do PP”, alertou.
A deputada tamén destacou que, no caso desta provincia, “non é o mesmo desprazarse para ser atendido desde O Barco que desde a cidade, e por iso Ourense ten uns tempos de atención que duplican ós de áreas como a de Santiago”. “É incrible que en pleno século XXI sexa o código postal o que decide quen vive e quen morre”, alertou
Elvira Lama, voceira na Deputación ourensá, denunciou que “os recortes na sanidade ourensá teñen nomes e apelidos e son o presidente Baltar e o presidente Feijóo” porque, segundo dixo, “Baltar e Feijóo non poden ser quen decidan se unha persoa infartada debe vivir ou morrer”. “Teñen a esta provincia discriminada con respecto ó resto de Galicia”, indicou.
“Baltar, que é especialista en viaxar polo mundo adiante con cartos de todos e todas, tiña que ser o primeiro en realizar moitas viaxes a Santiago para demandar isto ó presidente Feijóo”, declarou Lama antes de aseverar que “logo da recente implantación en Lugo, os cidadáns de Ourense non podemos ser cidadáns de segunda”. “Non queremos máis informes; queremos que esta unidade funcione xa as 24 horas do día, porque temos presentado iniciativas e mocións desde hai anos sempre sen o seu voto a favor”, asegurou.
A deputada provincial, Isabel Gil, que é médica en activo, dixo que “os tempos de atención son importantísimos nas crises coronarias para evitar chegar ó infarto de miocardio, polo tanto, a hemodinámica canto máis preto, mellor”. A deputada destacou tamén os problemas existentes coa falta de UVI móvil medicalizada nas áreas sanitarias de Verín e Valdeorras, polo que “os veciños e veciñas destas zonas teñen moitas menos probabilidades de superar unha crise coronaria aguda”, e recordou que “polo noite o helicóptero medicalizado non pode voar, polo que é necesario prestar hemodinámica as 24 horas preto”. Gil tamén recordou que hai menos dun ano e grazas ás iniciativas socialistas, acadouse a extensión do servizo durante a tarde.
O secretario do PsdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, afirmou que “estamos reclamando a protección básica para todos os veciños e veciñas”, logo deste “abandono do PP a un servizo tan esencial”. “É inaudito que teñamos que estar reclamando isto tendo un goberno provincial, autonómico e unha xerencia sanitaria en mans do PP, que son os responsables directos de levar isto adiante”, destacou antes de afirmar que “seremos os últimos cando o teñamos porque agora nin iso somos”.

