Deputación de Ourense INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

O PSdeG de Ourense reclama unha comisión de investigación polos contratos menores da Deputación

O PSDEG-PSOE RECLAMA UNHA COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN NA DEPUTACIÓN DE OURENSE PARA CLAREXAR O TROCEAMENTO DE MILLÓNS DE EUROS EN CENTOS DE CONTRATOS MENORES

Denuncian un “sistema de favores” a través dunha “práctica caciquil e habitual do PP” nos últimos anos á que “imos poñerlle freo con todos os mecanismos administrativos e xudiciais posibles”

Sete millóns de euros foron “fragmentados de forma presuntamente irregular a través de 160 contratos menores de obra concedidos sen concurso”, só entre catro empresas ó longo dos dous últimos anos

Ourense, 14 de febreiro de 2020. O PSdeG-PSOE vén de impulsar a constitución dunha comisión de investigación na Deputación de Ourense, co fin de indagar e clarexar o troceamento, presuntamente ilegal, de millóns de euros en centos de contratos menores de obras, subministros e servizos. Os socialistas acaban de constatar como sete millóns de euros foron “fragmentados de forma presuntamente irregular a través de 160 contratos menores de obra concedidos sen concurso”, só entre catro empresas ó longo dos dous últimos anos, un proceder que o goberno provincial do PP —e no último ano coa cooperación de Democracia Ourensana— tamén estendeu ós contratos menores de subministros e servizos.

En moitos casos estas adxudicacións a dedo materialízanse con importes exactamente iguais, sempre no borde do límite máximo permitido pola lexislación para poder ser outorgados sen concurso, independentemente do obxecto e sempre entre as mesmas empresas. Nesta análise non se teñen en conta os contratos adxudicados polo procedemento ordinario mediante concurso, que as empresas recibiron da institución ourensá.

Nunha moción que debaterá no pleno ordinario de febreiro, demandan a inmediata constitución deste instrumento de investigación para determinar as responsabilidades políticas, de forma simultánea á indagación contable e fiscal que realizará o Consello de Contas de Galicia, logo da denuncia presentada polos socialistas. Ó tratarse dunha comisión especial de investigación, os empregados e membros da Deputación Provincial e das súas entidades dependentes, así como os representantes das empresas concesionarias, están obrigados a comparecer co obxecto de prestar declaración sobre o asunto.

“Estamos ante un proceder artellado directamente por Manuel Baltar que incumpre manifestamente a prohibición de fraccionamento en contratos menores que impón expresamente a Lei 9/2017 e as directivas europeas”, destacan desde o PSdeG-PSOE antes de asegurar que “o reparto a dedo de decenas de millóns de euros públicos, fraccionando os procedementos en pequenas cantidades e adxudicando obras ou servizos superando incluso o límite legal que marca a lexislación, é unha práctica caciquil e habitual do PP, polo menos ó longo do último lustro, á que imos poñerlle freo con todos os mecanismos administrativos e xudiciais posibles”.

“As administracións públicas deben actuar baixo os principios de equidade e igualdade de trato entre todas as empresas para que poidan concorrer en igualdade de oportunidades e na Deputación de Ourense teñen montado un sistema de favores que debe ser clarexado”, insisten.